O coñecido como caso Koldo e mais a presunta fraude fiscal da parella de Isabel Díaz Ayuso con fondos da súa actividade como comisionista de material sanitario ao comezo da pandemia devolveron nas últimas semanas ao primeiro plano da actualidade as contratacións de emerxencia realizadas polos diversos gobernos para afrontar a COVID. Sobre todo nos primeiros meses da crise, marcados pola escaseza de produtos básicos como máscaras ou batas de protección para o persoal sanitario, un contexto de demanda e prezos disparados que virou en terreo propicio para mediadores pouco transparentes e irregularidades diversas.
O Consello de Contas publica un novo informe sobre a xestión económica na COVID que permite tirar unha lista das 252 empresas que recibiron contratos de emerxencia da Xunta en 2020 e 2021
Como e con quen foron realizados aqueles contratos é unha pregunta que volveu tamén ao ámbito político galego por diversas razóns. Especialmente tras transcender que un dos principais provedores do Sergas ao comezo da COVID, a pontevedresa Mape Asesores, mercou parte do material que importou da China a unha empresa catalá, FCS, que tiña como intermediario á parella de Ayuso. Por esa intermediación, segundo publicou elDiario.es, Alberto González Amador recibiu case 2 millóns de euros que tentou ocultar a Facenda.
Con este pano de fondo, o Consello de Contas vén de facer público outro dos seus traballos de fiscalización sobre as finanzas e contratos de emerxencia da Xunta na pandemia. O traballo complementa e amplía o primeiro informe que o organismo de control divulgou en 2022. Analiza, entre outros aspectos, a xestión que realizou o Goberno galego dos fondos COVID que lle transferiu o Estado. Pero tamén permite obter unha listaxe sistematizada das empresas ás que adxudicou contratos de emerxencia en 2020 e 2021, os dous primeiros anos da pandemia.
Praza.gal vén de tratar os datos contidos neste informe para compoñer unha única relación de empresas adxudicatarias que pode consultarse sobre estas liñas. Con ela é posible coñecer os nomes das 252 compañías que recibiron contratacións de emerxencia da Xunta neses dous anos, o número de contratos que logrou cada unha e a suma total que cobrou cada unha delas. Trátase dunha radiografía que presenta obvias carencias, como o detalle dos produtos ou servizos contratados con cada unha, pero que achega información ata agora nunca publicada cunha visión global.
Universal Support, a empresa de telemarketing coa que a Xunta contratou durante meses os 'rastrexadores', foi a principal adxudicataria por importe dos contratos de emerxencia con máis de 11 millóns. Séguea Mape Asesores, con 10 millóns
Así, por exemplo, é posible coñecer que a principal adxudicataria dos contratos de emerxencia da Xunta polos importes recibidos nese tempo foi Universal Support, a compañía de telemarketing á que o Goberno galego encomendou durante meses o servizo dos coñecidos como rastrexadores da COVID mediante sucesivos contratos de emerxencia ata que, xa en 2021, optou por unha contratación máis estable. Os datos tirados de Contas permiten coñecer agora que a empresa recibiu un total de 43 contratos (15 en 2020 e 28 en 2021) que sumaron 11,7 millóns de euros (2,9 millóns de euros en 2020 e 8,9 en 2021).
A continuación sitúase Mape Asesores. Os importes adxudicados a esta compañía de material sanitario ascenden, segundo o novo informe de contas a algo máis de 10 millóns de euros distribuídos en 16 contratos, todos eles correspondentes ao ano 2020. Nese ano a compañía pontevedresa, unha das que máis material sanitario conseguiu importar da China, absorbeu o 12,4% do total do importe adxudicado pola Xunta por vía de emerxencia.
Universal Support e Mape Asesores foron as principais adxudicatarias por importe económico. Se atendemos ao número de contratos recibidos, as primeiras foron Productos Sanitarios Gallegos (78 contratos que sumaron 5,2 millóns de euros) e Medline International Iberia, que recibiu un total de 67 contratos de emerxencia por 6,3 millóns de euros.
Só tres das 252 empresas con contratos de emerxencia da Xunta na pandemia introduciron algunha rebaixa sobre o importe ofrecido pola Xunta: Agencia Gráfica Gallega, Indra e Contactnova
Os datos recompilados por Contas tamén permiten obter outra información relevante dos contratos de emerxencia. Como o feito de que só tres das 252 empresas que recibiron contratos de emerxencia da Xunta neses dous primeiros anos da pandemia introduciron algunha rebaixa sobre o prezo de licitación -o que ofrece a Xunta para un determinado produto ou servizo-.
Así o fixo Agencia Gráfica Gallega, que recibiu tres adxudicacións que sumaron 1,5 millóns (387.000 euros por baixo do importe de licitación). Tamén unha filial da semipública Indra, que rebaixou en case 150.000 euros a suma dos dous contratos de emerxencia que obtivo (1,2 millóns) e mais Contactnova, que tivo dous contratos por importe de 402.411 euros (120.000 euros por baixo do licitado).
A relación de contratos tamén amosa que, alén do servizo telefónico de rastrexadores, nestas adxudicacións de emerxencia son maioritarias as empresas do sector sanitario ou doutros relacionados con el. Non obstante, tamén figuran entre estas adxudicacións outras compañías sen relación directa coa atención á saúde, tales como hoteis, medios de comunicación ou produtoras audiovisuais, entre outras.
O grao de emerxencia "real" dos contratos
Contas conclúe que o 92% dos contratos de 2020 respondían a unha emerxencia "real". En 2021 a proporción cae ao 82% e en 2022, ao 56%
Todo isto sucedeu nun contexto no que, como amosa o Consello de Contas, os contratos de emerxencia proliferaron especialmente no ano 2020, o primeiro da pandemia, no que 863 destes contratos chegaron a supoñer algo máis dun 4% do volume de adxudicación total da Administración galega. Con estes datos sobre a mesa, o ente fiscalizador tamén analizou ata que punto estes contratos eran verdadeiras "emerxencias" en consonancia co que marca a lei, isto é, "a necesidade de actuar de maneira inmediata debido a acontecementos catastróficos ou outras situacións de perigo que afectan á seguridade nacional", lembra Contas citando a Lei de Contratos do Sector Público.
"Para verificar se a Administración actuou de maneira inmediata na atención das necesidades extraordinarias derivadas da pandemia", explica o informe, Contas comprobou "o desfase temporal entre as datas de licitación e de formalización da adxudicación da totalidade dos contratos de emerxencia" da Xunta entre 2019 e 2022. Na súa análise, conclúe que non se trata dunha contratación de emerxencia "real" se transcorreu máis dun mes dende que se lanza a contratación ata que se formaliza.
Sempre segundo os datos do Consello de Contas, no primeiro ano da pandemia, o 2020, pódese considerar que o 92,2% dos contratos de emerxencia da Xunta se correspondían con emerxencias reais, dado que foron formalizados en menos dun mes 856 dos 863. En 2021 a porcentaxe xa descendeu ao 81,8%. En 2022 a cantidade de contratos de emerxencia minguou moi notablemente ata quedar en só 7 formalizados dos que 4 foron tramitados durante máis de 30 días.