As contratacións de emerxencia para adquirir material sanitario nos primeiros meses da pandemia, as súas zonas escuras e eventuais fraudes ou eivas administrativas perfílanse como un dos primeiros puntos de fricción entre Goberno e oposición na nova lexislatura, que bota a andar o vindeiro día 18 coa constitución do Parlamento. O 'caso Koldo' e a presunta fraude fiscal ligada aos negocios como comisionista da parella de Isabel Díaz Ayuso devolveron, tamén en Galicia, o foco sobre uns contratos que o BNG reclama auditar ou, en caso contrario, investigar no Parlamento.
Malia aos defectos ou ausencias detectadas polo Consello de Contas, o actual presidente en funcións, Alfonso Rueda, concluía recentemente que non houbera "ningún tipo de problema" cos contratos, polo que non cabe revisión adicional ningunha. No entanto, no Bloque existe a convicción de que Rueda se nega a "poñer luz e taquígrafos" para "protexer a Núñez Feijóo", toda vez que os subministros foron contratados cando o actual líder do PP era presidente.
Coida o deputado Luís Bará que persisten "moitas sombras, dúbidas e escurantismo" nos contratos. E que a elas contribúe a negativa de Rueda. Cabe preguntarse "por que non acepta unha auditoría" se "non hai nada ilegal ou irregular". "Algo cheira a podre" e por iso, advirte, o BNG promoverá unha comisión de investigación no Parlamento se o Goberno do PP non accede á auditoría.
Bará reclama que as pescudas atendan á "indecencia" de comisionistas que "fixeron negocios multimillonarios" en plena emerxencia sanitaria e a contratacións concretas con empresas como Sibucu, Mape ou Universal Support
Esta investigación, sinala Bará, debera atender á "indecencia" de persoas que "fixeron negocios multimillonarios" mediante "comisións abusivas" nun contexto de "extrema emerxencia" e "alarma social". "Neste capitalismo de amiguetes hai moitos koldos en todas as administracións", ironiza, para referirse a "casos especialmente alarmantes" como os que considera "pelotazos" da empresa Sibucu 360 nas súas contratacións coa Xunta. "Con só catro traballadores, incrementou a súa facturación de 765.000 euros no 2019 a 31 millóns en 2020"
Tamén cómpre "toda a información" sobre os contratos con Mape Asesores, defende o parlamentario. A empresa pontevedresa, unha das principais fornecedoras de máscaras ou batas para o Sergas no inicio da pandemia, conseguiu mercar importantes cantidades destes produtos á empresa catalá FSC coa mediación de Alberto González Amador, parella de Ayuso. "Preguntámonos se as galegas e galegos pagamos parte das comisións", sinala en referencia aos 2 millóns de euros que, segundo publicou elDiario.es, González Amador recibiu de FSC por esta mediación.
Entre as reclamacións de información que o Bloque formula no inicio do novo período lexislativa figura tamén a dos contratos dos "famosos rastrexadores" coa empresa de telemarketing Universal Support. No seu caso, por ser "obxecto de denuncias por prácticas laborais non acordes cos dereitos do persoal".
Nesta lexislatura o BNG ten a posibilidade de abrir unha comisión de investigación aínda que o PP se opoña
Ao contrario que na anterior lexislatura, se o PP se nega á auditoría e vota en contra da apertura dunha comisión de investigación, o BNG tería na súa man abrila. O vixente Regulamento do Parlamento permite que calquera grupo parlamentario poida impulsar "de xeito automático" a apertura dunha comisión de investigación se ten cando menos 25 escanos, xusto os logrados polo Bloque nas eleccións do 18F.
Este mecanismo, non obstante, só pode ser utilizado nunha única ocasión por lexislatura. Daquela, a formación soberanista terá que decidir o momento politicamente máis propicio para empregalo.