Contratos temporais de 900 euros brutos por 30 horas á semana: as condicións do persoal que rastrexa a COVID para a Xunta

A Xunta esixe á empresa de rastrexo da COVID que sexa quen de atender o volume de chamadas que lle poida encargar, e deixa en mans dela se ten que contratar ou despedir persoal e como CC-BY Foto: Petr Macháček / Unsplash | Montaxe: Praza Pública

O concurso que agora convoca Sanidade para contratar un sistema estable de seguimento de casos detalla as condicións actuais do dispositivo contratado por emerxencia tras o estourido da pandemia

O concurso que vén de convocar a Xunta para contratar por primeira vez un sistema estable de rastrexo de casos de COVID-19 por un custo estimado de 13,8 millóns de euros ao ano permite poñer cifras oficiais ás condicións de precariedade laboral no dispositivo ata agora externalizado por procedementos de emerxencia. Xunto coas condicións do servizo que fixa ás empresas interesadas en prestalo a partir de agora, os pregos de condicións inclúen tamén un “listado de persoal adscrito ao servizo facilitado pola empresa” que o presta actualmente, documento que reflicte que a gran maioría dos contratos son a tempo parcial ou eventuais, predominando unha remuneración duns 900 euros brutos por 30 horas de traballo á semana.

Un dos cinco folios con 247 contratos do listado de persoal adscrito ao servizo facilitado pola empresa actual e incluído pola Xunta no novo concurso como orientación, con detalle da categoría, horas de traballo, tipo de contrato, retribución bruta anual CC-BY-SA Praza Pública

Tras o estourido da pandemia e ata que entre en vigor o concurso que agora se convoca a Xunta recorreu a procedementos de emerxencia para contratar o rastrexo e seguimento de casos de COVID-19 e posibles contactos á marxe do inicial que comeza o propio persoal sanitario do Sergas e do puntual que como reforzo realizaron as forzas armadas. En xullo o presidente Feijóo chegou a cuantificar en 6.000 as persoas encargadas do rastrexo, entre as que incluía persoal sanitario con outros cometidos, cifra que en novembro reduciría a 700, incluíndo 180 militares fornecidos polo Exército. Pero a opacidade impedía ata agora coñecer as características do servizo contratado por emerxencia, sobre o que se acumulan denuncias sobre precariedade laboral e esaxerada temporalidade, como avanzou Praza.gal. [Eles son os rastrexadores da Xunta: "Un sistema caótico" desde un centro de chamadas de Bergondo].

A mediados de marzo eran algo menos de 300 persoas as que levaban a cabo tanto o labor de rastrexo como o de información da COVID para a Xunta a través da empresa Universal Support, do grupo de call center Konecta, cifra que foi variando en función das diversas ondas da pandemia, de xeito que no pico da terceira chegou a haber máis de 450 persoas dedicadas ao rastrexo.

A Xunta esixe á empresa que sexa quen de atender o volume de chamadas que lle poida encargar, e deixa en mans dela se ten que contratar ou despedir persoal e como 

"Xogan cos picos da pandemia para ir contratando e despedindo, aproveitando períodos de proba ou contratos eventuais que son fraude de lei", denunciaron os sindicatos sobre unha realidade que vén marcada pola propia Xunta. O concurso convocado por Sanidade establece que a empresa que o gañe deberá ser quen de responder a incrementos ou caídas da demanda do servizo. Isto é, a Xunta esixe que sexa quen de realizar as chamadas que sexan precisas de 9 a 22 horas de luns a domingo, polas que pagará en función do que calcula que é o custo medio de cada caso, e será a empresa a que incremente ou diminúa o seu persoal en función das súas necesidades para cumprir coas esixencias da Xunta.

Cálculos da Xunta cos que estima, en función do convenio do sector, un custo de 25,79 euros polo seguimento de cada caso sen complexidade que realice a empresa CC-BY-SA Praza Pública

Dos 247 contratos detallados, dous terzos teñen unha antigüidade de menos de tres meses e son eventuais ou a tempo parcial

Como orientación para as empresas interesadas no concurso agora convocado, ademais de ofrecerlles unha estimación do que dura cada tipo de chamadas, a Xunta facilítalles o listado de persoal adscrito ao servizo pola actual empresa, un documento escaneado e sen data de actualización cunha lista de 247 contratos nos que o 68%, dous de cada tres, teñen data de antigüidade do 1 de xaneiro deste ano ou máis recente. 

Eses contratos maioritarios repártense en dous tipos, eventuais por circunstancias da produción, con 39 horas de traballo á semana e un soldo bruto anual de 13.916,97 euros, cifra na liña do recollido no convenio colectivo do sector das teleoperadoras, e contratos a tempo parcial por servizo ou duración determinada, con 30 horas e 10.705,36 euros de soldo anual bruto. A cifra dese segundo tipo de contrato é proporcional ás nove horas menos de traballo a respecto do primeiro e o seu reparto en 12 pagas suporía un soldo mensual de pouco menos de 900 euros brutos por esas 30 horas.

Entre os soldos máis altos que se inclúen no documento só figuran oito que superen os 20.000 euros brutos anuais incluídos conceptos variables, con antigüidades de 2001 ou 2004.

Os rastrexadores da Xunta, como lembraban dous deles nesta reportaxe en Praza.gal, réxense polo mesmo convenio que calquera outro teleoperador de telemárketing, aínda que os sindicatos xa denunciaron que nin iso se cumpre nalgúns casos.

"Facemos esta campaña igual que a facemos para unha entidade bancaria porque é o noso traballo, pero non é o mesmo porque aquí está en xogo a saúde", contaba unha ex-traballadora. "É evidente que isto debería estar profesionalizado e supervisado directamente polo Sergas", engadían outros sobre unha dura función relatada por outro deles en primeira persoa: "Teño chorado ao chegar á casa"

Malia que a calidade do rastrexo mellorou co tempo, como indican varios traballadores, o que non mudaron foron as precarias condicións laborais ou a escaseza de formación. "Quen traballa nestas campañas non é sanitario nin ten ningún tipo de coñecemento dese tipo... A formación limítase a escoitar un día as instrucións doutro compañeiro e catro instrucións", explica un teleoperador. "Podemos entender pola urxencia dos brotes certa celeridade e que se intente axilizar todo, pero cremos que é mellor non improvisar e estabilizar e consolidar un servizo que é tan esencial", remata outro traballador. 

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.