Relato dun rastrexador contra a pandemia: "Teño chorado ao chegar á casa"

Parte do persoal que traballa en labores de rastrexo estivo antes empregado na liña de información xeral da Xunta sobre a COVID-19 CC-BY-SA Foto: Nathana Rebouças/Unsplash | Montaxe: Praza Pública

Feijóo chegou a asegurar que "máis de 6.000 persoas" podían considerarse rastrexadores en Galicia, mentres que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, advertía de que era imposible "dar a cifra exacta" de non ter antes "unha definición exacta do que se entende por rastrexador". O número de profesionais que realizan este traballo fundamental para a prevención e control do coronavirus segue sendo unha incógnita malia as preguntas da oposición sobre un labor no que o Sergas mete calquera profesional pendente de casos positivas de covid ou os seus contactos, e pese a que a TVG dá por fixos os seis milleiros que nin o Sergas contabiliza.  

A Xunta segue sen aclarar cantos rastrexadores hai en Galicia; son uns 120 os que traballan especificamente nese labor a través dunha empresa de telemárketing

A realidade é que, á marxe dos arredor de 200 militares que colaboran, son sobre 120 os profesionais que se dedican especificamente ao rastrexo, contratados por unha empresa de telemárketing con sede en Bergondo, con precarias condicións laborais e sen formación sanitaria, tal e como denunciaron en Praza.gal dous deles

"É caótico", denunciaban sobre un sistema ao que acusaban de "falta de coordinación", de "improvisación" ou de importantes problemas para contactar e identificar todos os contactos de casos positivos. Contratados pola empresa Universal Support, do Grupo Konecta, como rastrexadores para o Sergas, moitos deles accederon ao traballo a través dun portal web de busca de emprego e outros, directamente, desde a anterior campaña que a Xunta contratou coa firma de telemárketing: a de atención telefónica sobre o coronavirus no número 900 400 116. Un número que recibiu milleiros de chamadas durante semanas, pero que baixou de golpe a actividade pasado o peor da primeira onda da pandemia. 

Un grupo de rastrexadores, nunha imaxe difundida polo Goberno de Castilla-La Mancha © Goberno de C-LM

Un rastrexador que pasou antes polo teléfono de información sobre o coronavirus relata as dificultades dun labor de teleoperadores sen formación sanitaria e 'mileuristas'

Carlos (nome ficticio) foi unha das persoas que pasou primeiro polo número de información e logo a exercer de rastrexador para o Sergas na mesma empresa, aínda que polo medio atendeu outra campaña que pouco tiña que ver co coronavirus. "Entrei a través dunha oferta en Infojobs e a mediados de marzo, cando comezou o peor", lembra. Pasou case dous meses atendendo milleiros de chamadas ou comunicándose con enfermos e os seus contactos. Resolvendo dúbidas --as que podía--, calmando xente, pescudando posibles contaxios, derivando doentes ao 061, informando sobre os mellores desinfectantes, animando persoas desesperadas, recibindo agradecementos ou aturando reprimendas. Sen formación sanitaria e con contratos por semanas.

Tras abandonar o traballo, relata agora en Praza.gal un labor tan descoñecido como difícil. "Ao empezar, dixéronnos que iamos ter un día de formación, pero toda a que houbo foi sentar, acender o ordenador e empezar a recibir chamadas", conta. Cunha guía sobre as preguntas a facer aos posibles contaxiados e outra sobre as respostas a dar ante as dúbidas, comezou o seu labor. 

"Non sabiamos moi ben o que tiñamos que dicir nin o protocolo exacto nin o que nos iamos atopar", conta quen asume que a situación "era excepcional e nin os responsables sabían ben que facer" ante unha enfermidade aínda moi descoñecida e unha avalancha de chamadas. "Houbo só unhas horas de calma... A partir de aí, o teléfono sonaba seguido", explica. 

"Non sabiamos moi ben o que tiñamos que dicir nin o protocolo exacto nin o que nos iamos atopar", recoñece o teleoperador

"O proceso a seguir mudou tres ou catro veces porque os criterios e os protocolos cambiaban cada pouco", continúa en conversa con Praza.gal. Nun inicio, conta, o programa empregado só permitía meter a información de cada chamada, sen máis datos, e por cada chamada só se podían introducir os detalles dun contacto. "Se había outra persoa na familia con síntomas ou sospeitosa, había que colgar e tiñan que volver chamar", explica. 

O ritmo, sobre todo nas primeiras semanas, era altísimo. "Milleiros de chamadas ao día" que chegaban a un espazo onde sobre un cento de persoas traballaban en diferentes salas. O seu labor era, fundamentalmente, facer unha "criba" para determinar que casos se derivaban ao Sergas e cales non para que Sanidade comezase a facer probas. "Foi desorganizado pero tamén porque moitas cousas que agora sabemos daquela non se sabían", engade. 

Un home escribe nun ordenador CC-BY-SA Unplash

Segundo a sintomatoloxía que amosasen as persoas contactadas, os teleoperadores debían determinar --seguindo as patuas marcadas por Sanidade en cada momento-- quen era sospeitoso de padecer covid e quen tería que facer PCR. "Agora sabemos que hai casos asintomáticos ou con sintomatoloxía moi leve, pero daquela atender a quen tiña un pouco de tose supoñía ter que tranquilizalo e pouco máis", explica.

"Tiñamos que facer de psicólogos tamén; cheguei a recomendarlle a xente que apagase o televisor e fose optimista"

A presión acababa afectando aos traballadores... E o remordemento tamén. "O sistema determinaba que moitas persoas das que chamaban non eran abondo de risco como para derivalos ao Sergas, pero quizais esas persoas acabaron tendo coronavirus e nunca se lles fixo proba", pregúntase Carlos, que atendeu desde casos evidentes de covid ata persoas asustadas ou "moi afectadas moralmente". "Había quen chamaba só para ser escoitado, persoas que aseguraban ter a enfermidade porque tusían un pouco... Tiñamos que exercer de psicólogos tamén", asegura. 

"Cheguei a gravar na cabeza unha frase que repetía constantemente a quen estaba moi asustado: 'Lembre que a maioría dos casos son leves e curan", explica Carlos, que tamén adoitaba recomendar "que apagasen o televisor e fosen optimistas". 

E había días moito máis duros. "Houbo un no que o 80% das chamadas eran de xente con insuficiencias respiratorias, un síntoma que era claro e determinante. Nestes casos había que chamar directamente ao 061, onde nós tiñamos prioridade, pero era tal a saturación que moitas veces non contestaban", relata. "Cheguei chorando a casa porque non sabía se algunha daquelas persoas morrera ou non... Chegabas a facerte responsable porque o 061 non os atendía, pero tampouco tiñan culpa de nada. Ás veces non sabía que facer nin que contestar", engade. 

"Cheguei chorando a casa porque non sabía se algunha desas persoas coas que falara morrera ou non; o 061 estaba saturado e non contestaba"

Todo, sen formación sanitaria, remitindo ao médico de cabeceira no caso dalgunha dúbida irresoluble: "O noso traballo era administrativo, así de simple, aínda que houbese xente que non o entendese". Iso non quitaba que houbese quen, sen reclamárllelo, intentase formarse acudindo a documentación e recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) ou preguntando a amigos médicos ou enfermeiros. "Os poucos sanitarios que traballaban con nós facíano porque querían, non porque lles fose esixido", explica. 

De aí a pregunta que el, e moitos outros, se fan sobre a situación do rastrexo en Galicia, subcontratado a unha empresa de telemárketing, con traballadores contratados por obra ou mesmo de semana en semana, sen formación sanitaria e con soldos que dificilmente superan os 1.000 euros netos. "Por que non máis xente, fixa, con coordinadores especialistas e creando un grupo estable que poida especializarse todo o posible neste labor?", di. 

Proba de coronavirus a un policía local en Galicia CC-BY-SA Xunta

Porque Carlos, logo de atender no número de información do coronavirus, virou en rastrexador. "Estaba mal organizado pero con algo máis de organización", di entre risas, advertindo dunha maior e mellor formación pero duns sistemas para a busca de contactos "que fallaban e fallan moi decotío". 

Carlos relata as longas esperas durante días de moita xente para facer as probas ou erros como os que provocaron que, durante algún tempo. foran os propios rastrexadores os que desen, sen querelo, a noticia a algúns contaxiados de que eran positivos. "Como en todos os traballos, tes que aturar xente que te trata mal ou persoas que, loxicamente, acaban enfadados". As razóns? "Por erros no sistema, hai veces que varios traballadores chaman aos mesmos contactos; e por protocolo, cada contacto, aínda que todos vivan na mesma casa, ten que ser chamado de maneira individual, non vale facer todo dunha vez", engade. 

"Hai moita xente que mente, que di que está facendo corentena e non a fai; cal é a solución?"

De cara ao futuro, Carlos cre que se poderían facer moito mellor as cousas, pero entende que seguirá habendo problemas "mentres non haxa mecanismos legais para impedir que a xente salte a corentena ou pase das recomendacións". Son varios os casos nos que as persoas contactadas advertían de que non ían quedar na casa, ben fose "por motivos laborais, porque non podían pedir a baixa ao traballar en negro ou porque non lles daba a gana". 

Ademais, advirte, tamén hai quen engana. "Non son maioría, obviamente, pero hai moita xente que mente, que di que está facendo corentena e o que fai é pecharse nun baño para falar contigo mentres está de paseo ou nun bar", conta. "Nótase ou directamente sabémolo, pero cal é a solución?", pregúntase. "Podes escoller un horario preferente para que te chaman e, quen queira, ten ben fácil enganar", conclúe quen, con todas as eivas que recoñece, asume as dificultades de xestión nunha pandemia. "O sistema de rastrexo e control pode mellorar, pero que se pode facer co libre albedrío?", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.