A Xunta di non ter clara a "definición" de rastrexador da COVID-19 nin cantos son tras dicir Feijóo que hai 6.000

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, nunha comparecencia de prensa CC-BY-SA Xunta

No inicio do desconfinamento, a mediados de maio, a Consellería de Sanidade anunciou a "posta en marcha da plataforma tecnolóxica de seguimento coa que rastrexará e monitorizará os contactos das persoas infectadas por COVID-19" cun "equipo inicial de 20 operadores" que "superaría os 50 profesionais" en breve. Nas seguintes semanas, a Xunta evitou dar cifras concretas deste plantel ata que, a finais de xullo, propio Alberto Núñez Feijóo asegurou que "máis de 6.000 persoas que teñen dentro das súas funcións a función de detección e seguimento", tanto en en [Atención] Primaria como en preventiva, como no ámbito técnico".

Para responder á pregunta de "cantos rastrexadores hai", antes cumpriría ter clara a "definición" dese labor, xustificou o novo conselleiro de Sanidade ante a pregunta do PSdeG

Nos meses seguintes, partidos da oposición e diversos colectivos sanitarios instaron á Xunta, sen obter resposta, a aclarar canto persoal estaba implicado nestes labores de rastrexo de posibles contaxios. Esa pregunta chegou o pasado mércores ao primeiro pleno ordinario do Parlamento tras sete meses da man do voceiro do PSdeG en materia sanitaria, Julio Torrado. Na súa resposta, o novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, emulou o seu antecesor e tamén evitou dar cifras porque primeiro, sinalou, cumpriría ter clara a "definición" de "rastrexador".

Alén das informacións que indican que a devandita central de seguimento está composta por 50 persoas que, por quendas, traballan na nave dunha empresa de telemarketing en Bergondo, expuxo Torrado, as cifras seguen sen coñecerse. Por iso, instou o deputado, cómpre aclarar "cantos rastrexadores hai de verdade", se "están distribuídos por áreas sanitarias ou non, onde traballan, quen os contrata", así como as súas "condicións" laborias e  "que formación teñen". En síntese, saber se a Consellería tenta "salvar unha boutade de Feijóo ou hai 6.000" persoas realizando este labor.

Na súa estrea parlamentaria, o novo conselleiro procurou combinar o perfil profesional co axuste ao argumentario partidario "Veño de ser xerente dunha área sanitaria [a de Vigo] e no meu plantel nunca existiu un posto de traballo denominado rastrexador", xustificou tras afirmar que "non podo dar a cifra exacta" se antes o parlamentario "non me dá unha definición exacta do que entende por rastrexador".

O conselleiro Comesaña limítase a afirmar que na central de seguimentos de contactos traballa un "número axeitado" de persoas que "se adapta ás necesidades que se producen en cada área" e insta a ter en conta que o rastrexo é un "proceso" complexo e non un "oficio" concreto

Dado que a pandemia é unha situación "nova", evidenciou Comesaña, e por iso houbo que "adaptarse". "O rastrexo non é un oficio nin unha categoría laboral", senón "un proceso" no que non quere "minusvalorar o papel" de ningún "colectivo" profesional. Se ofrecese un número, abondou, iso implicaría "incluír ou excluír" a cadros de medicina preventiva, vixilancia epidemiolóxica ou atención primaria, xustificou.

"Se cadra, vostede quere unicamente contar os operadores da central de seguimento de contactos, que foi formado" para realizar este traballo, suxeriu. Pero, cantos son? "Son agora mesmo o número axeitado, que se adapta ás necesidades que se producen en cada área", rematou. "Xa que me di que teñen control numérico da central de chamadas... Pode dicir cantos son", tentou outra volta sen éxito o deputado socialista.

A intención da pregunta, remarcou Torrado, era saber "que é o que contan por rastrexadores", e ese interrogante quedou sen despexar. Para o conselleiro, o que importa son "os resultados" nun sistema "integrado" que vai da central de chamadas á atención primaria, "os técnicos de saúde pública e os traballadores sociais". Os perfís profesionais, agregou, son "moitos e variados". A cifra segue sen se coñecer.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.