Alén dos partes diarios -de luns a venres- nos que o Ministerio de Sanidade actualiza as principais cifras sobre a evolución da pandemia do coronavirus a partir dos datos remitidas polas comunidades autónomas, outros departamentos ligados ao Ministerio de Sanidade elaboran informes máis pausados. Son datos xa consolidados, que, afastados da última hora, ofrecen máis detalles alén das subas e baixas puntuais nos novos casos da COVID-19.
Nestes traballos do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) e da Red Nacional de Vigilancia Epidemiológica (Renave) é posible observar, por exemplo, o perfil das persoas que deron positivo por coronavirus dende que comezou a fase 1 do desconfinamento, o pasado 11 de maio e, polo momento, ata o pasado 23 de xullo. No caso de Galicia, o ISCIII analiza 523 casos dos que case o 60% non tiñan síntomas. Concretamente, o 58,40%.
O Instituto Carlos III analiza para Galicia 523 positivos dende o pasado 11 de maio dos que só 217 presentaban síntomas da COVID-19
Dese algo máis de medio milleiro de casos, indica o informe, só 217 presentaban síntomas da COVID-19. Este 41,6% de pacientes síntomáticos é unha porcentaxe un chisco por baixo da media estatal (44,8%) neste período. O ISCIII indica que o máis habitual en Galicia é que entre o inicio de síntomas e a primeira consulta médica transcorran entre cero e tres días -1, como valor mediano- e entre cero e catro días entre o comezo dos síntomas e o diagnóstico -2, como valor mediano-.
O dato para o conxunto do Estado é de entre un e cinco días entre o inicio de síntomas e a primeira consulta, cunha mediana de 3. Entre o comezo de síntomas e o diagnóstico, o intervalo é de entre 1 e 5 días, cunha mediana de 3.
A detección dun maior número de casos asintomáticos da COVID-19 pode estar relacionado con diversos factores, segundo os territorios, a súa situación epidemiolóxica e os seus recursos sanitarios. Tamén co perfil das persoas que se infectan e a súa idade: para o conxunto do Estado -o ISCIII non desagrega este dato por autonomías-, o grupo de idade máis numeroso entre os novos casos neste período é de persoas entre 15 e 29 anos, seguido das de 40-49 anos e das que teñen entre 30 e 39.
A detección de persoas sen síntomas está ligada ao perfil dos pacientes e á situación epidemiolóxica, pero tamén á capacidade do sistema sanitario para rastrexar contactos de cada paciente que dá positivo; no caso galego, identifícanse entre 2 e 7
Así, unha das variables que entra en xogo é que se infectan menos persoas cunha saúde precaria, máis proclives a ter síntomas ou síntomas máis graves. Pero outra tamén está vinculada ao rastrexo: cantos máis contactos se identifiquen por cada persoa contaxiada, máis posibilidades hai de chegar máis lonxe e de detectar persoas infectadas pero sen síntomas e que, daquela, non chegarían a contactar co sistema sanitario á procura dunha proba do coronavirus.
No caso de Galicia, o propio ISCIII indica que o Sergas identifica entre 2 e 7 contactos por cada nova persoa contaxiada, cun valor mediano de 4. Para o conxunto do Estado, o máis habitual é que se identifiquen entre 1 e 5, cun valor mediano de 3. Estas cifras danse mentres a Xunta segue sen aclarar cantas persoas están especificamente dedicadas ao rastrexo de contactos, toda vez que a Consellería de Sanidade non responde as preguntas ao respecto e, ao ser cuestionado, o presidente en funcións ofreceu unha cifra de 6.000 persoas, incluíndo, por exemplo, persoal dos centros de Atención Primaria que realizan outras moitas funcións.