O Instituto de Saúde Carlos III publicou este mércores os primeiros resultados do Proxecto Factores de Difusión COVID-19, que analiza os distintos elementos que favoreceron a expansión da enfermidade no Estado español, dende a mobilidade á transmisión en diferentes colectivos, así coma os primeiros focos que dispararon a incidencia do novo coronavirus.
O informe destaca que en Galicia "o persoal sanitario infectado foi o factor que tivo un efecto maior sendo este moderado alto"
As conclusións do informe son moi xerais pero axudan a trazar un mapa das diferenzas entre territorios á hora de explicar o desenvolvemento da enfermidade. Así, divide o Estado español en tres grupos de comunidades: por unha banda, Madrid e Cataluña, onde o factor determinante para a expansión do coronavirus foi a mobilidade interna cando xa existía transmisión comunitaria da enfermidade; por outra un grupo de territorios (Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana, Navarra e Galicia) nos que o elemento máis destacado foi a porcentaxe de persoal sanitario infectado e os casos producidos nas residencias; e finalmente o resto de comunidades, nas que os efectos dos distintos factores analizados foron baixos.
Os desprazamentos dende Madrid a Galicia tiveron un efecto importante, semellante ao causado en Estremadura, A Rioxa, País Vasco, Navarra ou Castela-A Mancha
No caso concreto de Galicia, o informe destaca que "o persoal sanitario infectado foi o factor que tivo un efecto maior sendo este moderado alto", mentres que "o resto de factores tiveron unha intensidade menor no ritmo de difusión da epidemia". Cómpre lembrar que entre o mes de marzo e comezos de maio contabilizáronse un total de 1.708 positivos de coronavirus entre o persoal sanitario galego, unhas cifras que naquel momento significaban ao redor dos casos activos de coronavirus no país. A situación mellorou moito nos meses seguintes e, de feito, entre o 11 de maio e finais de xuño un total de 34 traballadores e traballadoras sanitarias infectáronse en Galicia.
O informe tamén recolle o efecto dos fluxos de mobilidade dende Madrid e Euskadi a outras comunidades autónomas nos días e semanas previas á aplicación do estado de alarma, destacando que neste caso os desprazamentos dende Madrid a Galicia tiveron un efecto importante, semellante ao causado en Estremadura, A Rioxa, País Vasco, Navarra ou Castela-A Mancha.
En Galicia a taxa de disparo acadouse o 7 de marzo, sendo un dos lugares nos que este nivel tardou máis en chegar
Así mesmo, o estudo fixa para cada comunidade autónoma a denominada 'data da taxa de disparo' da enfermidade, o momento a partir do cal se superaron os 5 casos por cada 100.000 habitantes, medidos segundo a data de inicio de síntomas. A taxa de disparo acadouse no conxunto do Estado o 8 de marzo, pero en territorios como Madrid (24 de febreiro), A Rioxa (27 de febreiro) e País Vasco (29 de febreiro) foi moi anterior. En Galicia a taxa de disparo acadouse o 7 de marzo, sendo un dos lugares nos que este nivel tardou máis en chegar.
Tamén se recolle a data do 'pico máximo' da enfermidade, o 20 de marzo para o conxunto do Estado, o mesmo día que en Galicia, aínda que en lugar como Madrid este punto chegara xa o 16 de marzo (sempre segundo o día de inicio de síntomas). E, finalmente, sinálase a data de estabilización da enfermidade, que en Galicia chegou o 7 de maio, sendo a oitava comunidade en que isto se produciu, uns días despois de Canarias, Murcia, Cantabria, Asturias, Aragón ou Andalucía, pero algo antes que Madrid, Navarra ou Estremadura.
O estudo tamén recolle unha relación de eventos e acontecementos sociais masivos que se desenvolveron en distintos puntos do Estado dende o mes de febreiro e que puideron axudar á propagació da pandemia e tenta atopar coincidencias temporais coa evolución do número de diagnósticos. Con todo, subliña que "hai que ser cautos en canto á interpretación do papel dos mesmos na propagación e difusión da enfermidade".
O informe analiza unha serie de eventos masivos que puideron ter incidencia na propagación do virus en Galicia, dende o entroido ás manifestacións do 8M, pasando por partidos de Celta, Depor, Lugo e Obradoiro, a Feira do Cocido ou mitins do PP
En Galicia, por exemplo, sinala o posible impacto causado polos partidos xogados en Riazor polo Deportivo o 14 de febreiro, o 1 de marzo e o 8 de marzo), os xogados polo Celta en Balaídos o 22 de febreiro e no Santiago Bernabeu o 16 de febreiro, os xogado polo Lugo na casa o 23 de febreiro e o 6 de marzo. Tamén o encontro xogado polo Obradoiro en Compostela o 1 de marzo ou a celebración do Campionato de España de atletismo indoor en Ourense o 29 de febreiro.
E, igualmente, eventos como o Salón Retro Galicia do motor, que tivo lugar en Vigo o 15 e o 16 de febreiro, dous mitins do PP (o 15 de febreiro en Vigo e o 1 de marzo en Ourense), a celebración do Entroido nun gran número de localidades galegas ao redor do 21 e 22 de febreiro ou a Feira do Cocido de Lalín o 16 de febreiro. E, así mesmo, aparecen as manifestacións do 8 de marzo, como un elemento masivo máis que puido ter ou non influencia na propagación da enfermidade.
"A mobilidade interna en ámbitos urbanos, a difusión a partir de focos iniciais a territorios contiguos e a falta de contención no ámbito socio-sanitario foron clave"
O informe péchase cunha recomendación de cara ao control de "potenciais rebrotes" no futuro, destacando que no inicio da enfermidade "a mobilidade interna en ámbitos urbanos con gran actividade, a difusión a partir de focos iniciais a territorios contiguos e a falta de contención no ámbito socio-sanitario foron clave no ascenso da pandemia". Iso "permite identificar os elementos aos que prestar maior atención á hora de definir futuras estratexias de control", destaca.