Como en 2012, cando foi proclamado candidato entre comparacións con Fraga ou Otero Pedrayo e sen Mariano Rajoy, por ser "un acto para os galegos". Ou como en 2016, cando foi aclamado no Congreso autonómico do PP como aspirante á segunda reelección outra volta sen presenza de Rajoy e reiterando "Galicia, Galicia, Galicia". E lonxe do acontecido en 2009, cando Rajoy si fora coprotagonista da proclamación de Alberto Núñez Feijóo. Este sábado Pablo Casado non viaxou a Galicia e a única referencia cun cargo estatal era Ana Pastor.
O PP celebrou o primeiro mitin da precampaña con Feijóo rodeado de bandeiras galegas, un par de España e unha de Venezuela. Como primeiro lema, 'Galicia é moito', o mesmo do vídeo do candidato co actor Luis Zahera divulgado a finais de decembro
Unha vez completado, o pasado martes, o ritual de escenificar ante a Xunta Directiva do PP galego a súa intención de concorrer ás eleccións que el mesmo convocara vinte e catro horas antes para facelas cadrar coas vascas, este sábado Feijóo celebrou o primeiro mitin da precampaña a xeito de acto de proclamación. Por primeira vez, en Vigo, arrodeado de bandeiras galegas ao xeito da súa toma de posesión de 2016 -acto si compartido con Rajoy-, cun par de bandeiras españolas e unha de Venezuela axitadas dende o público e unha montaxe na que, unha campaña galega máis, resulta difícil achar o logotipo do PP nunha primeira ollada.
Na escenografía coa que o PP celebrou o seu primeiro acto dende a convocatoria electoral, a liña gráfica empregada polo partido nos últimos meses, coa palabra Galicia como protagonista escrita nunha tipografía moi semellante á marca que utiliza a Xunta dende hai nove anos. Como primeiro lema, Galicia é moito, o mesmo que o partido utilizou no vídeo do seu candidato co actor Luis Zahera a finais do pasado decembro, cando o PPdeG evidenciou que a precampaña estaba en marcha.
O discurso do aspirante á reelección centrouse en advertir de que non é candidato dun partido nin "dun bloque de partidos", senón de Galicia
Mentres a este sábado ausente cúpula estatal do PP continúa a fiar as súas alianzas con Ciudadanos para Euskadi e Catalunya, os populares galegos teimaron na idea de situar a Feijóo por riba dun esquema clásico de partidos. Feijóo non é un candidato dun partido e moito menos dun "bloque de partidos", senón de Galicia. Así o quixo facer ver o aspirante á reelección no seu discurso.
Os restantes líderes si representan a partidos pero el, non. "Non son refén de ningún partido, nin sequera do meu", proclamou nunha mensaxe con destino tanto interno como externo. "Proclamo que son un candidato libre" e, de ser reelixido, un "presidente libre", asegura.
Feijóo advirte que pode esperar "todo" doutra maioría absoluta do PP e "nada" dun Goberno da esquerda galega
E mentres o electorado pode esperar "todo" do candidato -do PP- de Galicia, Feijóo proclama que da esquerda, á que agora denomina "multipartito da oposición", non pode "esperar nada". Tampouco do Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos, ao que sitúa "contra os cidadáns dun lugar", de Galicia, "por non elixilos a eles", afirmou aínda que nas últimas eleccións xerais socialistas e UP sumaron 12 escanos en Galicia e o PP, 10.
Co Goberno en pleno e a súa delegada viguesa, Corina Porro, en primeira fila e con confetti ao xeito americano para pechar o acto no recibidor do Palacio de Congresos Mar de Vigo, que cargos e militancia popular encheron sen problemas, Feijóo lánzase a tentar emular as catro maiorías consecutivas de Fraga. Sobre un chan que reprentaba tamén unha gran bandeira galega erixiuse en sinónimo de Galicia e de "estabilidade".
Atendendo ao discurso do candidato popular, o que está en xogo o 5A é "caer ou non no "enfrontamento", nas "imposicións", a "intransixencia" ou a "inestabilidade". Ou, pola contra, se a candidatura que el encabeza logra un novo apoio "extraordinario", a maioría absoluta, e fica así "preservada" a "normalidade".