Un dos principais ruxerruxes das semanas previas á campaña das eleccións municipais de 2011 tiña que ver con José Luis Rodríguez Zapatero. Lastrado pola viraxe da súa política e pola aplicación dos primeiros recortes da crise, para moitos candidatos do PSOE, e tamén do PSdeG, o que noutrora era un valor convertérase nun problema. No mellor dos casos Zapatero non sumaba e no peor, restaba posibilidades de cara á cita coas urnas. Pouco máis dun ano despois quen semella atoparse nunha situación semellante é o PPdeG. Quen senta agora en La Moncloa e dende alí aplica recortes aínda máis severos é Mariano Rajoy. Medidas como a suba do IVE ou o repagamento farmacéutico fan que Rajoy en particular e a marca PP en xeral fagan resentirse á marca Feijóo, que resiste mellor entre a treboada.
É neste contexto no que se presenta o primeiro gran acto da precampaña do actual presidente da Xunta. Unha vez ratificado pola dirección do seu partido Feijóo proponse ofrecer a imaxe dun baño de masas na súa proclamación como candidato á reelección. Celebrarase o vindeiro sábado e os conservadores tentaron organizalo no mesmo escenario de 2009, o compostelán Palacio de Congresos de Galicia. Pero un evento previamente programado no recinto obrigounos a trasladalo ao Auditorio de Galicia, tamén na capital. Non será esta a única diferenza a respecto da proclamación de hai tres anos. Rajoy, que daquela acudiu a Compostela no que foi o inicio dunha fonda implicación na campaña galega, non estará no evento. Nin el nin ningún dirixente estatal da formación conservadora.
Rajoy, que si estivo na proclamación de 2009, non repetirá porque "é un acto para Galicia e para os galegos", argumenta o PP
O encargado de ofrecer a explicación oficial destas ausencias é o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda. A proclamación de Feijóo "non vai contar coa asistencia doutros persoeiros do partido doutras comunidades autónomas" porque "se trata dun acto feito en Galicia, para Galicia e para os galegos", asegura. No mitin vai "primar a intervención do noso cabeza de cartel" e estará acompañado por unha nómina de dirixentes galegos cuxa "composición estará rematada a finais de semana". Todos eles diranlle a Galicia "que se fomos quen de facer todo o que fixemos nestes momentos de crise e dificultade, seremos qeun de facer moito máis cando superemos este bache económico", afirma.
Feijóo: "Os galegos distinguirán entre o Goberno central e eu"
Pero a asepsia da explicación de Miranda contrasta coas verbas pronunciadas polo propio Feijóo poucas horas antes. Nunha entrevista en Onda Cero o líder popular esforzouse en distanciar a súa figura de candidato da actualmente cuestionada figura de Rajoy. "Os galegos distinguirán entre o Goberno central e eu" á hora de votar, asegura, nun contexto no que descarta que vaia ser xulgado por "decisións doutros", máis aínda cando "a situación de España non é consecuencia dos últimos oito meses do Goberno" e Galicia "non forma parte das malas noticias" do Estado, senón que é "un raio de esperanza", di. "Teño a esperanza e a confianza no meu pobo, que non se deixa influír por cousas que non acontecen en Galicia", abonda. As eleccións xerais xa foron "zanxadas" hai oito meses e "o que se xoga aquí é distinto; se Galicia renova maioría ou se mete por unha senda con varios partidos", enfatiza.