A número 2 do PPdeG inicia a súa intervención no balance anual da Valedora congratulándose da condena do fiscal xeral do Estado
A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, está en funcións desde agosto do pasado ano, cando rematou o seu mandato legal por cinco anos, pero o PP, grupo maioritario do que depende a súa renovación, non iniciou aínda ese proceso. Pola contra, vai aprobar unha reforma legal para que esa institución deixe de xestionar a Comisión da Transparencia de Galicia, o órgano que supervisa o funcionamento da Lei de Transparencia.
Neste contexto, este venres a Valedora expuxo no Parlamento o seu informe anual correspondente a 2024, feito público hai uns días [Eivas en dependencia, listas de espera e falta de pediatras encabezan o récord de queixas á Valedora]. Foi nunha comisión na que o BNG pediu ao PP que cumpra a lei e active a renovación da Valedora, cuestión que o PP obviou por completo. Pola contra, apartándose da cuestión, optou por congratularse da condena este xoves do fiscal xeral do Estado.
O deputado do BNG Óscar Insua lembrou que a deste venres foi a primeira comisión do Parlamento relacionada coa Valedora do Pobo no que vai de ano e lamentou a demora do PP en impulsar a súa renovación. O nomeamento require de 45 dos 75 deputados, polo que o PP precisa de cando menos 5 votos máis a engadir aos seus 40 escanos.
"Se o PP puidera nomear Valedora a través da lei de acompañamento así o tería feito", dixo Ínsua, para quen este é "un PP co que non se pode chegar a ningún acordo, está pechado en banda, prefire o ruído". "Son os primeiros en infrinxir, en desacatar o que está na lei", sentenciou.
Pero na súa intervención a continuación a deputada e número 2 do PPdeG, Paula Prado, nada dixo sobre a renovación da Valedora. Prado comezou afastándose por completo do motivo da comisión, o informe anual da Valedora, e iniciou a súa intervención congratulándose da condena este xoves do fiscal xeral do Estado. É, ao seu ver, unha "vitoria clara da xustiza" porque "ninguén está por riba da lei". Foi unha intervención na que tamén cargou contra o Goberno de Pedro Sánchez ou o Concello de Santiago.
Tampouco o PSdeG dixo nada sobre a renovación da Valedora e todos os grupos coincidiron en agradecer o seu traballo para mellorar o funcionamento das administracións galegas.