Quen vale á Valedora?

A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, este venres co presidente do Parlamento, o popular Miguel Santalices © Parlamento de Galicia

A Valedora do Pobo vén de presentar con meses de demora o seu informe de 2024 tras máis dun ano en funcións co mandato caducado, sen que a súa renovación sexa activada por un PP que agora vai quitarlle o control da Lei de Transparencia

A Valedora do Pobo desde 2019, María Dolores Fernández Galiño, leva 15 meses en funcións logo de que o seu mandato por 5 anos caducase en agosto do pasado ano. Este venres presentou con varios meses de demora o seu informe anual de 2024 sen que o Parlamento de Galicia controlado polo PP activase aínda a Comisión de Peticións que o debe analizar. 

Un PP que tamén demora as negociacións que debe abrir para a renovación do seu cargo e que agora vai quitarlle o control da Comisión da Transparencia de Galicia tras emitir decisións favorables á cidadanía ou a algúns medios de comunicación que veñen causando malestar no Goberno galego. Ese órgano que vela pola aplicación da Lei de Transparencia vai pasar, con menos pluralismo, ao Consello Consultivo.

Este venres a propia Valedora restaba importancia á demora do informe e o feito de estar en funcións. "Xa o informe do ano pasado presenteino estando en funcións tamén", dixo ante preguntas sobre a súa situación, da que non fai valoracións. "Non podo, eu non entro neses procesos ata que se abra o proceso de renovación, que aínda non está aberto", respondeu Fernández Galiño, a quen tamén se lle preguntou pola retirada de competencias sobre transparencia. A Valedora lembrou que é o poder lexislativo o encargado de atribuír competencias e mentres a tivo ela "na medida do posible a presidencia da comisión traballou niso".

A Valedora, Dolores Fernández Galiño, co presidente do Consello Consultivo, Andrés Lago Louro, que agora asumirá a Comisión da Transparencia © Consello Consultivo

Tamén se lle preguntou pola súa valoración sobre se a mudanza na Comisión da Transparencia será positiva para a transparencia en xeral en Galicia e sobre se ela mesma se sentía cómoda con esa encomenda. "A Valedora ten e segue tendo competencia e facultade de supervisión das administracións en materia de transparencia, de feito temos unha área que se chama Transparencia e tramita máis de cen queixas cidadás", dixo Fernández Galiño, referíndose ás competencias da propia institución do Valedor do Pobo de analizar queixas da cidadanía sobre o funcionamento das administracións máis alá das competencias da Comisión de Transparencia para resolver recursos sobre peticións concretas de acceso a información.

Fernández Galiño non valora a decisión do poder lexislativo de retirarlle a Comisión da Transparencia pero lembra que a súa institución "ten e segue tendo competencia e facultade de supervisión das administracións en materia de transparencia"

Porén, malia as declaracións públicas da Valedora, a decisión do PP de retirarlle a Comisión da Transparencia para adscribila ao Consello Consultivo supuxo unha conmoción na institución, segundo coinciden tres fontes internas distintas. A nova foi coñecida alí a través de Praza.gal e a falta de explicacións da Xunta deixou a institución sen argumentos que poder esgrimir. 

Xuíza de carreira desde 1989, Fernández Galiño foi unha elección do PP en 2019, pero segundo diversas fontes tanto da institución como da Xunta vén exercendo con máis independencia da que gusta nun Goberno galego máis cómodo cos seus antecesores, Milagros Otero e José Julio Fernández, malia as sucesivas polémicas daqueles. 

Xa en 2023 se produciu cando menos un desaxuste entre a Valedora e o PP cando este adscribiu tamén á súa institución a Autoridade Independente de Protección do Informante cunha reforma legal que contemplou a posibilidade de que persoal asesor elixido discrecionalmente poida investigar irregularidades denunciadas na administración. O PP atribuíu a medida á propia Valedora pero esta desmarcouse da decisión dos populares e asegurou que esas tarefas só as faría persoal funcionario.

Dolores Fernández Galiño na súa toma de posesión como Valedora do Pobo en agosto de 2019 para cinco anos © Parlamento de Galicia

Fernández Galiño tomou posesión en agosto de 2019 e a lei establece que o nomeamento é para un período de cinco anos, que rematou o 31 de xullo do pasado ano, hai máis de 15 meses. Cando este prazo remata, a lei di que a Valedora cesa pero "seguirá no desempeño do seu cargo con prórroga de funcións ata que se produza a nova elección". Unha elección para a que non hai ningún prazo e que corresponde ao Parlamento de Galicia cunha maioría das tres quintas partes, isto é, 45 dos 75 deputados.

Nas anteriores renovacións do cargo o grupo maioritario, que propuxo o nome de cada valedor ou valedora, negociou co segundo grupo para que este propuxese a vicevaledoría ou persoa adxunta á valedoría, nomes que foi tendo o segundo cargo da institución. Así o fixo o PSdeG en 2019 ao colocar como adxunta á súa ex-deputada María Xosé Porteiro

Co actual reparto de escanos, ante unha renovación da Valedora a tradición diría que o PP seguiría a nomear á persoa titular mentres que o BNG, agora segunda forza por diante do PSdeG, pasaría a ser o propoñente do cargo adxunto. Varias fontes sinalan que o PP estaría disposto a manter de xeito indefinido a Fernández Galiño no cargo para non abrir unha renovación que daría entrada na institución a unha persoa elixida polo BNG. Outra posibilidade sería obviar a tradición e negociar igualmente co PSdeG, xa que os 40 escanos do PP só precisan de 5 dos 9 escanos que teñen os socialistas para acadar os 45 votos necesarios para renovar a institución.

Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo, nunha entrevista con Praza.gal CC-BY-SA Praza Pública

Ademais da Valedora, tamén está pendente de renovar o Consello de Administración da CSAG, antiga CRTVG, e nos dous casos o PP só precisa de 5 votos sumados aos seus 40 escanos para acadar a maioría esixida polas respectivas leis

No BNG varias fontes aseguran que tras 15 meses en funcións o PP aínda non se puxo en contacto para tentar negociar a renovación da Valedora. Unha renovación que se suma á do Consello de Administración da nova Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), substituta da CRTVG, que comezou a funcionar como tal este verán pero sen actualizarse aínda os cargos anteriores máis alá da nova directora xeral, Concepción Pombo, imposta polo PP.

Nese caso o Consello de Administración da CRTVG estaba composto ata agora por 4 membros designados polo PP, unha polo PSdeG e outra polo BNG. Para a elección do novo consello a nova lei establece unha maioría de dous terzos ou, no seu defecto, de tres quintos, novamente 45 escanos. Isto é, o PP volve ter nas súas mans a posibilidade de negociar co BNG, co PSdeG, de tentar enfrontalos entre eles coa ameaza de que algún quede sen representación (proporcionalmente os 9 escanos dos socialistas non darían dereito a un posto no Consello de Administración, que debería ser cedido por outro grupo) ou de afrontar unha negociación conxunta co Valedor do Pobo. 

No pasado, de feito, xa sucedeu que os grupos de AGE/En Marea quedasen sen representacións que lles corresponderían malia teren máis deputados que agora o PSdeG ou mesmo seren segunda forza. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.