Catro meses despois do suposto cesamento, a dimisión real. A Valedora do Pobo, Milagros Otero, rexistrou este martes no Parlamento o seu escrito de dimisión. Faino tres meses despois de que presentar a súa renuncia ante a Cámara e, apenas vinte e catro horas despois, modificala de tal xeito que podía seguir no cargo por tempo indefinido.
Dende que presentou a primeira renuncia, que non era tal, Otero seguiu exercendo con plenos poderes. Unha das súas últimas decisións foi a solicitude formal de incremento salarial
A dimisión en diferido de Milagros Otero, que segundo os servizos xurídicos do Parlamento non foi tal a efectos legais, produciuse despois de que o Tribunal Supremo rexeitase, como ela solicitara, tramitar o recurso co que tentaba revogar a sentenza na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou, por "desvío de poder" e "arbitrariedade" o nomeamento como xefa de servizo na institución dunha sobriña do falecido ex-presidente Manuel Fraga, irmá do actual voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy. O proceso, segundo o TSXG, fora trazado "á medida" da elixida.
Tras o que a efectos prácticos resultou ser unha dimisión simulada, a oposición tentou sen éxito activar o procedemento parlamentario para destituír a Otero, pero o PP evitouno e a alta comisionada seguiu exercendo con plenos poderes. Así o fixo, por exemplo, para tentar por segunda vez e novamente sen éxito recorrer a sentenza polo caso da sobriña de Fraga. E así o fixo tamén neste mes de xullo, cando propuxo formalmente aplicarse a si mesma e ao seu adxunto a suba salarial á que ten dereito o funcionariado durante este 2019, dun total do 2,5%.
No escrito de renuncia Otero subliña que "serviu a Galicia "con "lealdade, responsabilidade e honestidade"
Segundo o escrito rexistrado pola Valedora este 23 de xullo na Cámara, ao que tivo acceso Praza.gal, desta volta a dimisión si é real. Éo porque apela ao artigo 5.1 da Lei do Valedor, segundo o cal un dos motivos do cesamento é a "renuncia". Esta comunicación é presentada por Milagros Otero como unha "continuación" da carta do mes de abril, a da dimisión que non era tal. "Foi unha honra para min servir a Galicia, o que fixen en todo momento coa lealdade, responsabilidade e honestidade que esta posición requiría", conclúe o escrito.
Atendendo á propia lei do Valedor, ao existir agora unha renuncia efectiva ao cargo o presidente do Parlamento debe declarar oficialmente a vacante e, "no prazo non superior a un mes", ten que iniciarse o procedemento para elixir unha nova persoa que ocupe o posto. Miguel Santalices asinou xa esa declaración de vacante este mesmo 23 de xullo.
A elección do posto require o apoio dun mínimo de tres quintas partes da Cámara; a proximidade dun acordo acelerou a renuncia de Otero, segundo fontes consultadas por Praza.gal
Ese nome debe ter o apoio dun mínimo das tres quintas partes da Cámara -45 escanos-, o que necesariamente implica cando menos o voto favorable do PP e doutro grupo. Fontes parlamentarias consultadas por Praza.gal apuntan que os populares barallan xa nomes para o posto, algúns deles potencialmente aceptables para o PSdeG, que podería volver formular unha proposta de seu para adxunto. Mentres, quen si continúa no posto é o actual adxunto, Pablo Cameselle.
Segundo as mesmas fontes, nas últimas semanas existiron contactos a respecto da remuda e o proceso activarase en próximas datas tanto para o posto da valeduría como para o adxunto. O avance destes contactos, segundo as mesmas fontes, acelerou a renuncia real de Otero ao cargo.
As reaccións
Gonzalo Caballero ve a Otero manchada "pola corrupción" e coida que o PSdeG empurrou o PP a forzar a súa saída
Tras a dimisión real de Otero producíronse xa as primeiras reaccións políticas. Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, lembrou que hai apenas unha semana, ao tomar posesión da súa acta de deputado, instou o presidente da Xunta a promover o cesamento de Otero porque "estaba empañada pola sombra da corrupción". "O presidente empeza a atoparse nunha Galicia na que o PSdeG marca a axenda política", véndose obrigado a "seguir as pautas de limpeza e rexeneración", coida o líder socialista.
Dende o grupo parlamentario En Marea o seu vicevoceiro, Antón Sánchez, coida que a renuncia de Otero "chega tarde, e o que xa non chega é a actuación a tempo do señor Feijóo", quen a cuxo xuízo "debeu levar a cabo unha tarefa democrática removendo a Valedora do seu posto". "Non pode ser que durante meses tivésemos á fronte da institución que debera velar pola defensa dos dereitos da cidadanía a unha persoa sobre a que pesa unha sentenza por enchufar á sobriña de Fraga", agrega.
Os grupos de En Marea, BNG e Mixto coinciden en que a dimisión "chega tarde" e piden "consenso" alén de PP e PSdeG para a elección da persoa que substitúa a Milagros Otero
Pola banda do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, concorda con que a dimisión "chega tarde" e o "responsable" do "dano" sufrido pola institución é o presidente da Xunta, a quen tamén responsabiliza de que "ao longo do desempeño da súa función", Otero "demostrou sempre que estaba máis ao servizo do PP que do pobo galego". Neste contexto, a líder nacionalista pide agora "non repetir os erros do pasado" e que o nome da persoa que substitúa a Milagros Otero saia "dun debate con todos os grupos, e non dun pacto bipartidista entre PP e PSOE que xa vemos o que trae á institución".
No Grupo Mixto Luís Vilares tamén considera que a marcha de Otero "chega moi tarde" tras un caso que "revelou quen era Núñez Feijóo". Agora, cre, "deberíase abrir un proceso dialogado no que todas as forzas políticas tivésemos a oportunidade de buscar un nome de consenso". Neste sentido, agrega, o PSdeG non debera ter a "tentación de pactar unilateralmente co Partido Popular".