En marzo de 2017 Milagros Otero presentaba ante o Parlamento o informe do seu primeiro ano completo como Valedora do Pobo. O documento ocupaba 908 páxinas sobre toda caste de asuntos que foran obxecto de queixas por parte da cidadanía, unhas 65.000 das que 63.000 estaban vinculadas con áreas de xestión da Xunta. Pero nas dúas ocasións en que tivo que debullar o documento publicamente Otero puxo o foco nas, dixera, "moitísimas" queixas que recibía polos problemas que xeraban as persoas sen fogar no centro de Santiago.
Esas "moitísimas" queixas eran realmente só dúas -unha formulada por unha asociación de comerciantes e un colectivo veciñal vinculado a esta e outra, por persoal do Banco Santander-. "Eu vou por Santiago pola rúa e a xente de Santiago que se dirixe a min faino por ese problema", agregara Otero para xustificar o seu énfase nesta cuestión.
Na contorna da valedoría afirmábase, non sen un aquel de resignación, que a persoalísima percepción da valedora sobre as persoas sen fogar en Santiago afectara de xeito crucial na súa actuación institucional sobre o asunto
A controversia co Concello de Santiago a respecto das persoas sen fogar durou case dous anos, ata que a propia Valedora acabou arquivando as "moitísimas" queixas que realmente eran dúas. Polo camiño, non obstante, Otero mesmo revelara no Parlamento datos persoais de tres persoas sen fogar e, ante as críticas de asociacións sanitarias e colectivos sociais por facelo, declarárase a si mesma como vítima dunha vaga de "ataques deslexitimadores".
Na contorna da valedoría afirmábase, non sen un aquel de resignación que, efectivamente, a persoalísima percepción da Valedora sobre se as persoas sen fogar en Santiago eran moitas ou poucas e mesmo a súa valoración política do goberno local dirixido por Compostela Aberta afectara de xeito crucial á súa actuación institucional sobre aquel asunto. Tomárao, dalgún xeito, como algo persoal.
O compoñente persoal tamén foi clave, segundo o Tribunal Superior, no caso que vén de provocar a dimisión en dous tempos de Milagros Otero como Valedora
O compoñente persoal foi tamén clave, segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), no caso que vén de provocar a dimisión en dous tempos de Milagros Otero. Unha dimisión "en diferido", ao xeito do despedimento de Luis Bárcenas, evocaba este xoves a líder do BNG, Ana Pontón. O Supremo rexeitou o recurso ao que o PP se aferrara para manter a Otero no cargo despois de que o TSXG considerase que, mediante un proceso "á medida", manobrou para dar con "arbitrariedade" un posto de xefa de servizo na institución a María Puy Fraga.
Puy Fraga era unha descoñecida para o gran público ata esa sentenza xudicial, propiciada por unha denuncia doutro candidato ao mesmo posto. Pero non así para a propia Valedora, a súa amiga, e o seu círculo máis próximo. Tratábase da sobriña do falecido presidente Manuel Fraga e, daquela, tamén da irmá do voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen non consta que interviñese en ningún punto do proceso. E, polo tanto, da filla de Francisco Puy Muñoz, de quen Otero fora "discípula" na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago. De novo, o clixé das "familias prominentes" que tan lóxico semellaba para o vello patrón da dereita española.
Búscase agora a quinta persoa nun posto cuxos dous últimos responsables empurraron coas súas polémicas fóra da esfera de discreción e prestixio institucional no que o situaran os seus dous primeiros titulares
Este asunto persoal, do que Otero inicialmente culpou ao seu equipo -especialmente ao vicevaledor, proposto polo PSdeG-, provoca a súa caída apenas un ano antes de que expirase o seu mandato. A tamén máxima responsable do Consello da Transparencia, faceta na que eloxiou abertamente a xestión do Goberno galego, marcha, pero con condicións.
Di que non o fará ata que os grupos parlamentarios cheguen a un acordo sobre a persoa que a substitúa -a elección require dunha maioría reforzada de tres quintos, un mínimo de 45 dos 75 escanos do Parlamento-. Para o PP isto é todo un exercicio de "responsabilidade", en verbas de Paula Prado. Unha decisión que a "honra", segundo Alberto Núñez Feijóo. Para En Marea, PSdeG e BNG, o enésimo movemento de Otero en clave partidaria. Se dimite, que marche xa, veñen dicir.
Ábrese agora un período de conversas entre os grupos parlamentarios sen límite de tempo e de resolución complexa. O precedente máis inmediato durou tres anos, os que transcorreron entre a dimisión de Benigno López como Valedor, no seu caso por xustificar os recortes sociais en plena crise económica e a elección da propia Otero, cuxa afinidade co PP era notoria para os seus coñecidos e pública durante os anos en que exerceu como colaboradora en faladoiros da Radio Galega.
Sobre o Pazo do Hórreo paira o interrogante de se a esquerda parlamentaria, imprescindible na elección, negociará con máis habilidade que nas dúas ocasións anteriores, nas que a elección recaeu en figuras do agrado do PP e de Feijóo
Búscase agora a persoa que será a quinta na historia da autonomía nun posto cuxos dous últimos responsables empurraron coas súas polémicas fóra da esfera da discreción e prestixio institucional no que o situaran os seus primeiros titulares, José Cora e José Ramón Vázquez Sandes. Sobre o Pazo do Hórreo paira agora o interrogante se a esquerda parlamentaria, imprescindible na elección, negociará con máis habilidade que nas dúas ocasións anteriores. Daquela PSdeG e BNG primeiro e só o PSdeG, despois, deron en transixir con figuras do agrado do PP e do propio Feijóo encadrando a renovación do Valedor en pactos institucionais máis amplos. Os resultados están á vista.