0 Gardados para despois

A Valedora fai públicos no Parlamento datos privados de tres persoas sen fogar

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A Valedora do Pobo, Milagros Otero, fixo públicos este luns no Parlamento de Galicia varios datos privados de tres persoas sen fogar da cidade de Santiago. As dúas queixas recibidas pola súa institución sobre os problemas de convivencia causados por estas persoas nunha praza de Santiago foron colocadas novamente por Otero por diante dos varios milleiros de queixas, reiteradas ano tras ano, sobre o funcionamento da sanidade en Galicia, especialmente das listas de espera, ou doutros moitos conflitos máis numerosos. Así o fixo a Valedora na súa comparecencia na Cámara para dar conta do informe anual que a pasada semana presentou en rolda de prensa, intervención esta segunda na que Otero non só volveu cargar directamente contra o Concello de Santiago por non dar solución ao problema senón que estendeu a súa crítica á Coruña por unha suposta proposta para “arranxar pontes para que as persoas sen fogar vivan debaixo delas”, negada hai dous meses polo goberno local da Marea Atlántica.

Otero teima, co apoio do PP, en situar o problema por diante doutros máis numerosos e critica unha suposta proposta de “arranxar pontes para que as persoas sen fogar vivan debaixo delas” na Coruña

Sobre o caso de Santiago, a Valedora deu o alcume dunha das persoas sen fogar e os nomes de pía doutras dúas, así como varios datos persoais e sanitarios deles. Otero contou que o primeiro deles “está morto”, que outra “ten un problema de violencia doméstica” porque o terceiro “que é a súa parella, lle dá unhas palizas criminais todos os días na rúa”, así como que este último estivo un tempo determinado hospitalizado e mesmo identificou a cidade onde vive unha parente. A Valedora chegou a contar que no caso dun deles “a súa mesma familia e os médicos determinaban” que o que lle conviña era incapacitalo. Otero argumentou que dá importancia ao problema porque non ten só as dúas queixas oficiais que recibiu senón “moitísimas”: “Eu vou por Santiago pola rúa e a xente de Santiago que se dirixe a min faino por ese problema”, dixo.

“Eu vou por Santiago pola rúa e a xente de Santiago que se dirixe a min faino por ese problema”, argumentou a Valedora

Segundo Otero, o problema das persoas sen teito require de actuacións en materia de políticas sociais e de aplicación das ordenanzas municipais sobre convivencia. Sobre o primeiro aspecto, Otero introduciu unha cuestión que non figura en ningunha das queixas formuladas á súa institución o pasado ano. “Non me parecen sensatas as recentemente expostas posibles solucións que postulan a conveniencia de arranxar pontes para que as persoas sen fogar vivan debaixo delas”, dixo, en referencia a unha reflexión formulada por unha empresa contratada polo Concello da Coruña para mellorar os viadutos da avenida de entrada á cidade. O goberno local de Marea Atlántica rexeitou que esa medida formase parte do plan que ten en marcha para a mellora das condicións de vida das persoas sen teito.

A deputada do PP Paula Prado cargou contra o alcalde de Santiago por supostamente facer "chistes machistas" sobre a Valedora

Na súa crítica ao Concello de Santiago, Otero contou coa colaboración da deputada do PP Paula Prado, quen cargou contra o alcalde, Martiño Noriega, por “populista” e por facer “chistes machistas” sobre a Valedora cando hai uns días dixo de xeito irónico, sobre o seu crítico informe anual, que esta non lle escribe “cartas de amor”. Prado, que centrou a súa intervención en criticar os concellos e obviar o papel da Xunta, xustificou que a Valedora está “máis preocupada pola desprotección das persoas afectadas que o número de persoas ás que afecte”.

Desde En Marea, Paula Vázquez Verao censurou que a institución é “moi compracente coa Xunta e cárganse as tintas sobre os concellos e mesmo nalgún caso sobre as persoas peticionarias”. Por outra banda, tanto a deputada de En Marea como o do PSdeG, Raúl Fernández, chamaron a atención sobre o ínfimo número de queixas procedentes do rural que aparecen no informe da Valedora, mentres que o deputado do BNG, Xosé Luis Rivas, preguntoulle pola capacidade de presión política que ten a Valedora ante o Goberno galego. “Eu non quero exercer política”, dixo Otero, senón “dicir os problemas” xa que “a presión é a presión da forza das cousas”. “Somos unha institución eficaz e necesaria”, foi a valoración xeral de Otero sobre o traballo do Valedor do Pobo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

En Marea pide o cesamento da Valedora: "Está ao servizo do PP"

D.L.

O voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, esixiu este luns o cesamento da Valedora do Pobo porque, ao seu xuízo, Milagros Otero está a incorrer  nunha "evidente deixación de funcións". A presentación do seu informe de 2016 deixa claro, dende o seu punto de vista, que a alta comisionada está "ao servizo do PP" e non "do pobo".

Villares: "Podería formar parte dese partido, pero non pode ser Valedora"

"Vemos unha compracencia e unha diferenza de trato evidentes perante situacións que son equiparables" pero que a titular da defensoría aborda "en función de quen goberne en cada administración". Así, por exemplo, "en relación á RISGA recoñece que non se outorgan máis axudas porque está sen desenvolver a lei", pero "obvia a competencia da Xunta neste eido", ou aborda o reparto de cotas pesqueiras "descargando toda a responsabilidade sobre os mariñeiros".

Mentres, censura Villares, Otero demostra "unha actitude partidista e parcial" coas súas mencións "ao problema das persoas sen fogar no Concello de Santiago", sobre o que "só constan dúas denuncias", fronte a, por exemplo, "11.238 queixas polo traslado do persoal do 061 e do 112" dende capital galega á Estrada, "unha decisión do Goberno autonómico". O informe da Valedora "non é do pobo, é do gabinete de comunicación do PP" e, daquela, Otero "podería forma parte dese partido, pero non pode ser Valedora".