Os colexios oficiais de Traballo Social, Educación Social e Psicoloxía únense ás críticas á Valedora

A Valedora, nunha imaxe de arquivo © Valedor do Pobo

As declaracións realizadas pola Valedora do Pobo, Milagros Otero, sobre as persoas sen fogar ("hai que darlles unha solución e esa solución será incapacitalos en moitos casos e sometelos a un tratamento se padecen adiccións"), que foron rexeitadas este martes polo Movemento Galego da Saúde Mental, veñen de recibir tamén as críticas doutros colectivos profesionais. O Colexio Oficial de Traballo Social, o Colexio Oficial de Educadores e Educadoras Sociais e o Colexio Oficial de Psicoloxía publican un comunicado conxunto no que alertan de que as palabras de Milagros Otero constitúen "un novo estigma" e son "antipedagóxicas a nivel social de cara ás persoas que teñen unha enfermidade mental".

"As afirmacións da Valedora falan da eliminación dun problema, como se ese problema fose algo abstracto e non estivesemos a falar de seres humanos", denuncian os tres colexios profesionais

O documento salienta sobre todo a proposta realizada pola Valedora de que estes cidadáns sexan incpacitados: "A incapacitación civil é unha figura coa que non se debe banalizar porque supón a anulación de parte ou da totalidade dos dereitos civís dunha persoa, dereitos sobre os que se fundamente o concepto de persoa como tal". "As afirmacións da Valedora falan da eliminación dun problema, como se ese problema fose algo abstracto e non estivesemos a falar de seres humanos", denuncian os tres colexios profesionais, que alertan de que "a súa proposta vai cara á súa exclusión, á súa eliminación do espazo público, ben sexa porque queren ou, se non queren, pola forza. Dese xeito, eliminamos a estas persoas do noso campo de visión para que a súa presenza non nos recorde que non hai café para todo o mundo nin as eivas do sistema social no que vivimos".

Tamén fan fincapé na suxestión realizada por Milagros Otero de que estas persoas deberían ser forzados a seguir un tratamento. Subliñan que "forma parte da dignidade da persoa ter capacidade para decidir se quere ou non recibir un tratamento. Dun lado, porque se ten demostrado que son ineficaces se van contra a vontade da ou do individuo e do outro porque nega a súa liberdade". E lembran un documento publicado pola propia Oficina do Valedor do Pobo, iso si, noutro tempo (en 2010), que concluía que "a existencia das persoas sen fogar non pode resolverse a curto prazo e que vai seguir caracterizando a vida dos espazos cidadáns".

"A súa proposta vai cara á súa exclusión. Dese xeito, eliminamos a estas persoas do noso campo de visión para que a súa presenza non nos recorde as eivas do sistema social no que vivimos"

Os colexios engaden que os problemas de convivencia que poidan existir deben solucionarse a través de "sucesivas medidas de intervención social", e non "dunha resposta que nega a condición de persoa, de cidadanía, das persoas afectadas".

"Unha sociedade caracterízase por como trata a cidadanía que ten pouco ou nada. Isto pasa por non facer abordaxes simplistas de cuestións tan poliédricas como a exclusión social, polo compromiso dos poderes públicos e por implicar a sociedade na erradicación destes fenómenos", conclúen as tres entidades.

 

A Valedora, nunha imaxe de arquivo © Valedor do Pobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.