0 Gardados para despois

Profesionais da saúde mental censuran as "declaracións agresivas" da Valedora sobre as persoas sen fogar

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado mes de abril o colectivo Compostela Monumental, que agrupa establecementos do casco histórico de Santiago, lanzou unha esixencia aos medios de comunicación. Instaba as autoridades, a comezar polo Concello da cidade, a actuar pola forza contra dúas persoas sen fogar que permanecían na contorna da céntrica Praza do Toural e ingresalos nalgures aínda que fose "contra a súa vontade". Aquela reclamación foi rexeitada polo goberno local e diversas entidades sociais, entre elas a Asociación Galega da Saúde Mental, que reclamou repecto á lei e ás persoas ante unha problemática tan "complexa". Apenas medio ano despois quen lanza unha petición semellante é a Valedora do Pobo, Milagros Otero, e o retruque chega novamente dende quen tratan doenzas vinculadas á saúde mental, sorprendidas polo que cualifican de "agresividade".

Dende pouco despois de ser nomeada a alta comisionada do Parlamento mantivo numerosos enfrontamentos co Concello santiagués a este respecto. Segundo Otero o goberno que encabeza Martiño Noriega non a informa sobre as medidas que está a adoptar a respecto das persoas sen fogar e das protestas dos devanditos comerciantes. Mentres, dende o departarmento de Políticas Sociais do consistorio lémbranse programas xa en marcha como a atención na rúa en colaboración con Cáritas e Cruz Vermella, o financiamento de entidades coma estas para atender persoas sen recursos e, máis recentemente, un programa de vivendas mediante a cesión de pisos municipais que xestiona a Federación de Asociacións de Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES), resaltan. Estes plans, vén subliñando o goberno local, apóianse da Mesa de Coordinación que xunta o Concello coas entidades sociais que atenden estas persoas.

Foi neste contexto no que, hai escasos días, Otero manifestou nunha entrevista con La Voz de Galicia que "xa" recibira a resposta do Concello, pero "aínda non tiven tempo a lela enteira". O tratamento das persoas sen fogar, admite, é "complicado" e é unha problemática que "teñen practicamente todas as cidades do mundo", se ben a continuación describe un panorama no que a veciñanza ten que "soportar que vivan na rúa, ouriñen na rúa" ou "rouben os peticos das persoas das terrazas". "Ninguén ten que soportar iso e eles non teñen que vivir na rúa, hai que darlles unha solución e esa solución será incapacitalos en moitos casos e sometelos a un tratamento se padecen adiccións. Non se pode dicir que é que non queren ir, claro que non queren ir, pero teñen que ir porque están enfermos", conclúe.

Milagros Otero: "Hai que darlles unha solución, e esa solución será incapacitalos en moitos casos e sometelos a un tratamento"

As contundentes declaracións de Milagros Otero foron retrucadas este martes dende o Movemento Galego da Saúde Mental, que agrupa uns trescentos profesionais e unha vintena de entidades deste sector. "Cando parecía que a cuestión dos denominados sen teito estaba a solucionarse en Santiago, a Valedora vén de despacharse cunhas declaracións públicas radicais e agresivas", lamentan. "A acción do Concello" para "facilitar vivenda e dispoñer de equipos de rúa para as persoas aludidas non logrou modoficar a actitude" de Otero, quen lamentan que "equipare unha persoa sen fogar cunha persoa sen capacidade de obrar que debe ser tutelada e ademais, segundo ela, contra a súa vontade, como se estivésemos no século XVIII". 

O Movemento Galego da Saúde Mental lamenta que a Valedora se "despache cunhas declaracións radicais e agresivas" nas que ven "simpleza e intolerancia"

"Non se sabe -afirma o MGSM a través dun comunicado- que é máis chocante, se a simpleza e a intolerancia da solución que se lle ocorreu ou que esta sexa defendida por quen ten entre os seus cometidos protexer os dereitos fundamentais das persoas". As "condutas" que describe a Valedora, agregan, "ou ben parecen problemas de convivencia ou quizais delitos menores", casos ante os que "a incapacitación non acostuma ser a solución". Pola contra, se Otero "coñece motivos que aconsellen" este tipo de medidas tería "o deber de iniciar a acción de incapacitación, poñendo en coñecemento da Fiscalía a existencia dunha persoa necesitada de protección".

"Actitudes como as que subxacen das opinións da Valedora -conclúen- son compoñentes esenciais da estigmatización das persoas que sofren as persoas afectadas por transtornos mentais". "Vencellas prexuizosamente condutas incívicas ou que non se corresponden co noso gusto coa incapacidade para rexerse", advirten, "só contribúe á maior marxinación dos máis febles e á insolidariedade", resaltan.

Reacción política e antecedente no ex-Valedor

As declaracións de Milagros Otero foron tamén censuradas no eido político polo voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, quen esixe unha "rectificación" da alta comisionada. Esixir a incapacitación destas persoas sen matices é, segundo Villares, afastarse "dos principios democráticos" e obviar, asemade, que ese procedemento é adoptado atendendo ás "capacidades cognitivas" de cada persoa e non a razóns de tipo social. Otero, conclúe, comete un "erro de vulto" e obvia, ao tempo, recentes resolucións xudiciais sobre o papel das Administracións na atención ás persoas sen fogar.

O ex-Valedor Benigno López dimitiu en 2012 tras a controversia creada pola súa defensa dos recortes sociais

A controversia a respecto das declaracións da Valedora chega catro anos e medio despois de que unhas controvertidas valoracións políticas do daquela titular do cargo, Benigno López, rematasen coa súa dimisión. En plena crise e entre sucesivas vagas de recortes López apostara por "suspender" a aplicación de parte dos preceptos da lei de dependencia e cualificara as tesoiradas de "imprescindibles, xustas e necesarias". As súas consideracións provocaran unha treboada política ante, malia a defensa do PP, rematara coa súa dimisión.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.