Profesionais da saúde mental instan a non actuar pola forza contra persoas sen fogar

Rúa do Vilar, na contorna da Praza do Toural © Santiago Turismo

A comezos desta semana o colectivo de comerciantes Compostela Monumental, que agrupa diversos establecementos do casco histórico da capital galega, subía o ton da súas protestas pola presenza na contorna da Praza do Toural de dúas persoas sen fogar -anteriormente foran tres-. O xerente da asociación, José Ángel Blanco, instaba en declaracións á Cadena SER a actual pola forza contra estas persoas, mesmo promovendo o seu ingreso nalgunha institución "contra a súa vontade". Ante estas declaracións e o balbordo xerado a Asociación Galega de Saúde Mental (AGSM) vén de instar a non clamar por este tipo de medidas como vía para solucionar o problema.

As declaracións de Blanco, que para o alcalde da cidade, Martiño Noriega, evidenciaban unha actitude "parafascista" contra as persoas sen fogar, enmárcanse nun conflito ante o que, segundo o voceiro do PP local, Agustín Hernández, o Concello apenas fai "nada". No entanto, dende o consistorio lémbrase a posta en marcha dun equipo de rúa que atende as persoas sen teito neste e noutros puntos da cidade. No caso concreto do Toural a asistencia canalízase a través de Cruz Vermella, de Cáritas e mesmo do Servizo Galego de Saúde, actuación que derivou no ingreso hospitalario de dúas das tres persoas que adoitaban permanecer na zona para atender, entre outros aspectos, os seus problemas de adición ao alcol.

"Estamos a seguir con fonda preocupación as informacións que se están a publicar nalgúns medios en relación á asistencia de persoas sen fogar" con "problemas de saúde mental e adicións", indica a AGSM, na que participan profesionais da saúde mental de todo o país. "Un dos aspectos que máis inquietude nos causa -explican- é o que atinxe ás suxestións de intevencións coercitivas" como as reclamadas polos comerciantes. "Aínda que existen figuras xurídicas para a protección das persoas con dificultades psíquicas sempre deben contemplarse dende a excepcionalidade" e, evidencian, "respectando a lexislación sobre os dereitos das persoas". Ademais, esa posible actuación xudicial debe situarse "no contexto dun plan sociosanitario individualizado".

Un colectivo de comerciantes esixiu ingresar "contra a súa vontade" as dúas persoas sen fogar que permanecen nunha céntrica praza compostelá

Neste contexto, e dende o devandito colectivo comercial se consideran insuficientes actuacións como as de Cáritas, Cruz Vermella ou o equipo de rúa, AGSM coida que cómpre "contradicir as mensaxes sobre da inutilidade das abordaxes psicosociais". "Existen problemáticas complexas para as que non hai solucións inmediatas que poidan evitar a singularidade de cada caso", salientan, indicando ademais que "os modelos asertivo-comunitarios" son, para os profesionais da saúde mental, "os axeitados para este tipo de intervencións". "Existen experiencias frutíferas noutras cidades e países".

A AGSM subliña a efectividades das "abordaxes psicosociais" para persoas sen fogar con problemas de adicións

A xuízo da AGSM, "o artellamento entre o social, o asociativo, o voluntariado e o sanitario" debe ser o "fundamento dun traballo multidisciplinar" para abordar "problemáticas" nas que a carencia de recursos económicos adoita mesturarse con problemas sanitarios. "Consideramos necesario -agregan- que o Servizo Galego de Saúde favoreza e se implique na incorporación dos clínicos en saúde mental aos equipos de atención aos sen fogar" como o que funciona en Compostela. Este tipo de actuacións, sinalan, deberan encadrarse nun Plan Estratéxico de Saúde Mental -o último púxose en marcha en 2006 e caducou en 2011, lembran- que "achegue coherencia, deseñe procesos" e coordine os recursos para atallar fenómenos coma este.

"Ningunha persoa debería convertirse en carnaza política, electoral ou mediática", di a Rede Galega contra a Pobreza

Nun sentido semellante maniféstase tamén a Rede Galega contra a Pobreza, que integra diversas entidades que atenden a exclusión social, entre outras áreas. No caso de EAPN Galicia a alerta esténdese ás declaracións pero tamén á publicación, en días recentes, dun cadriño na prensa local no que se chanceaba cos "marginales" e, nomeadamente, cunha das dúas persoas sen fogar do Toural, quen ouriñou ao ao paso dunha procesión de Semana Santa e, días despois, pediu "perdón" a través dunha carta remitida dende Cáritas. "Ningunha persoa debería convertirse en carnaza política, electoral ou mediática", sinala a Rede, en cuxa opinión estas mensaxes fomentan a aporofobia e obvian as recomendacións deontolóxicas para informar sobre as persoas sen fogar.

Rúa do Vilar, na contorna da Praza do Toural © Santiago Turismo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.