"Non temos por que asumir os postulados xudiciais". En xullo do pasado 2018 o PP galego resolvía deste xeito a súa postura sobre a continuidade de Milagros Otero como Valedora do Pobo. Facíao despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulase o nomeamento da xefa de servizo de Administración e Persoal da institución ao observar que fora outorgado con "arbitrariedade" e "desviación" de poder a María Puy Fraga, filla do catedrático de Dereito Francisco Puy, de quen Otero foi "discípula" académica na Universidade de Santiago, irmá do voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, e sobriña do falecido presidente Manuel Fraga.
Ao rexeitar o recurso formulado pola Valedora do Pobo o Supremo ratifica a anulación do nomeamento da sobriña de Fraga que, segundo o TSXG, fora outorgado "á medida", con "arbitrariedade" e "desviación de poder"
Diante desta sentenza, que considerou que o proceso fora deseñado "á medida" da beneficiada, a oposición galega activara o procedemento parlamentario para destituír a Otero, que negara calquera irregularidade e, tras revogar o nomeamento, descargara culpas no seu equipo. Pero o PP fixera uso da súa maioría absoluta para frealo. "Non imos tomar decisións firmes cando non hai unha sentenza firme", afirmara a deputada Paula Prado no nome dos populares, convencida de que "non houbo desvío de poder por parte de ninguén". O PP fiaba así a continuidade de Milagros Otero no posto á aceptación no Tribunal Supremo do recurso contra a sentenza do TSXG. Pero ese recurso vén de ser rexeitado.
Nunha providencia ditada o pasado 28 de marzo e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a sala do Contencioso-Administrativo do Supremo desbota tramitar o recurso da Valedora. Faino, argumenta, porque non existe "interese casacional obxectivo" para "a formación de xurisprudencia". A Sala non "aprecia" no escrito remitido pola institución galega "a formulación dun porblema xurídico que transcenda do cariz marcadamente casuístico que presenta o litixio". Por iso non tramita e impón á institución do Valedor do Pobo o pagamento das custas procesuais cun límite máximo de 2.000 euros.
A oposición volve esixir a destitución "inmediata"
Os grupos da oposición galega ven na decisión do Tribunal Supremo unha ratificación das súas propias advertencias. "Advertiamos de que iamos facer un ridículo espantoso ante o Tribunal Supremo e iso é o que acaba de pasar", resume a deputada do PSdeG Patricia Vilán lembrando as súas propias no debate no que o PP salvou a Otero. "O PP e o presidente Feijóo decidiron mantela agardando a que a sentenza fose firme" e agora xa o é, polo que dende o PSdeG "non imos indicar nin á Valedora nin o presidente a forma de cesamento" contemplada na lei. "Só desexamos que sexa o máis pronto posible" e "no caso de que non sexa así", advirte, o PSdeG aposta por volver promover o mecanismo parlamentario para destituíla.
En Marea, PSdeG e BNG, que fan responsable a Feijóo, concordan na necesidade de volver activar o mecanismo parlamentario para destituír a Milagros Otero como Valedora do Pobo e non descartan facelo conxuntamente
Nun sentido semellante o voceiro de En Marea, Luís Villares, remítese á "hemeroteca" de Feijóo para "reiterar a petición de cesamento" de Otero. "Dixo que esa decisión non era firme e que tomaría nota en canto o fose" mentres "nós diciamos moi claro que non podiamos admitir o nepotismo" e "por iso pedimos ao Parlamento que retirase a confianza a Milagros Otero por enchufar a sobriña de Manuel Fraga. A xuízo de Villares "non pode ser que a persoa encargada de facer valer os dereitos dos cidadáns ante as Administracións sexa a primeira en vulneralos" e por iso, advirte, se Otero non cesa no cargo tamén o grupo de En Marea é partidario de volver activar a destitución.
Pola banda do BNG a súa deputada Noa Presas concorda con que Otero debe "cesar inmediatamente". O Bloque, resalta, xa viña advertindo de que viña actuando como "valedora do PP" e agora "fica demostrado" que "actuou como conseguidora do PP" para "favorecer a irmá do voceiro do PP". "É escandaloso e obsceno" que Otero siga no cargo e "o principal responsable" de que isto suceda "é Núñez Feijóo", que neste caso, cre a parlamentaria ourensá, está a amosar cal é a súa "rexeneración democrática", consistente en "actuar de xeito nepótico e caciquil".
Neste contexto fontes parlamentarias confirman a Praza.gal que xa houbo contactos entre En Marea, PSdeG e BNG para activaren a vía prevista no artigo 5 da Lei do Valedor, o cal permite someter a continuidade da persoa titular do posto a unha votación na Cámara no caso de "notorio incumprimento das obrigas e deberes do seu cargo". As tres formación da oposición coinciden na necesidade de promover esta destitución, con lixeiras diferenzas a respecto do momento máis oportuno para facelo, polo que non desbotan que esta activación se produza de xeito conxunto.