En 2012 o seu predecesor dimitira unha vez que a oposición activara os mecanismos para solicitar na Cámara o seu cesamento e malia que os populares aínda o apoiaban, ao contrario que fai na actualidade con Milagros Otero
En maio de 2012 o daquela Valedor do Pobo, Benigno López, presentou a súa dimisión do cargo unha vez que PSdeG e BNG activaran os mecanismos para solicitar formalmente o seu cesamento no Parlamento de Galicia despois de que defendese a necesidade de recortar prestacións sociais. O PP o avalara poucas horas antes e, tras a súa marcha, os populares criticaron o “dano” que ao seu xuízo fixeran as críticas da oposición á institución. Malia todo, López decidira marchar antes de someterse ao escrutinio da Cámara.
Seis anos máis tarde, a oposición novamente vén de activar os mecanismos para debater e votar o cesamento da actual Valedora, Milagros Otero, e agora ata o PP está de acordo en que ela debe dar explicacións na Cámara tras a sentenza que considera que interferiu para darlle un posto a unha irmá do portavoz popular. Otero, ao contrario que López, aínda non dimitiu.
A primeira estación do viacrucis que vivirá Otero nos próximos días está fixada para o xoves, cando a Comisión de Peticións do Parlamento, o órgano encargado de relacionarse coa Valedora do Pobo, acolla as súas explicacións polos feitos relatados na sentenza. Tras a súa comparecencia, os deputados da comisión, xa sen ela, debaterán sobre a súa continuidade e o PP deberá aclarar se segue a soster a Otero ou non. Se non é así e ela tampouco dimite, o martes próximo xa está previsto o debate sobre o seu cesamento por parte do Pleno do Parlamento, que foi o que a nomeou cunha maioría cualificada de 3/5.
De momento o PP limítase a declarar en público que é preciso escoitar as explicacións de Otero antes de decidir sobre o seu futuro, pero en privado son varias as voces que xa consideran insostible a súa continuidade
Este martes os tres grupos da oposición volveron insistir na necesidade de que Otero abandone o posto despois da sentenza que considera que actuou con “arbitrariedade” e “desviación de poder” para outorgar a praza á irmá de Pedro Puy e filla do seu profesor Francisco Puy. De momento o PP limítase a declarar en público que é preciso escoitar as explicacións de Otero antes de decidir sobre o seu futuro. Pero en privado son varias as voces que xa consideran insostible a súa continuidade e así aseguran que se lle transmitiu á institución.