O PP ampara a Valedora, que reparte culpas ao seu equipo tras a sentenza por dar un posto “á medida”

A Valedora do Pobo, Milagros Otero, na súa chegada á comisión do Parlamento na que deu explicacións pola sentenza CC-BY-SA Praza Pública

Os populares coinciden con Milagros Otero en considerar “un erro humano xestionado por un equipo de persoas” o nomeamento de xeito “arbitrario” da irmá do portavoz do PP

O PP ampara como Valedora do Pobo a Milagros Otero, que non dimite do cargo porque “fomos moitos os errados” e “non comparto os indicios que se sinalan como causas do fallo”. Eses foron os dous principais argumentos que desenvolveu Otero este xoves no Parlamento de Galicia para tentar defender a súa actuación despois da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que vén de considerar que ela mesma interferiu con “arbitrariedade” e “desviación de poder” para darlle un posto “á medida” a María Puy Fraga, irmá do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy Fraga, sobriña do ex-presidente Manuel Fraga e filla de Francisco Puy, que foi profesor da propia Otero, argumento este último que ela mesmo esgrimiu para separarse do procedemento, algo que segundo o tribunal non ocorreu.

As explicacións de Otero ante a Comisión de Peticións, o órgano do Parlamento encargado das relacións co Valedor do Pobo, non convenceron á oposición, que segue a reclamar a súa dimisión e que mesmo foi rifada pola Valedora, que non é a primeira vez que se sinte perseguida. A comparecencia de Otero si lle valeu ao PP, que non se limitou a amparala a ela e o seu argumento dun “erro humano xestionado por un equipo de persoas” senón que mesmo defendeu a valía e o dereito de María Puy Fraga de acceder ao posto.

Tras a negativa de Otero a dimitir, será o Pleno do Parlamento o que o próximo martes debata e vote o seu cesamento

Agora, tras a negativa de Otero a dimitir, será o Pleno do Parlamento o que o próximo martes debata e vote o seu cesamento, para o que é precisa unha maioría de 3/5, o que fai clave a postura popular agora favorable á Valedora. Este mesmo xoves o presidente Feijóo, que previamente considerara necesario que Otero dese explicacións, evitou pronunciarse sobre o caso ao non coñecer aínda o que a esa mesma hora estaba a ocorrer na Cámara.

Intervencións lidas e sen responder preguntas

Otero leu as súas dúas intervencións e non respondeu as preguntas que lle formulou a oposición

Nesa Comisión de Peticións a comparecencia de Otero consistiu na súa lectura tanto dun discurso inicial como da réplica ás intervencións dos grupos parlamentarios, na que non respondeu as preguntas que estes lle formularon. Otero desviou responsabilidades: “Nalgúns aspectos témonos equivocado na institución, pero non cabe dúbida de que fomos moitos os errados, posto que a resolución anulada foi analizada e informada por dous técnicos xurídicos, por todo o equipo técnico do Valedor do Pobo, que aprobou por unanimidade e sen a máis mínima obxección o informe previo, e polo adxunto á valedora, que asina a resolución”. En varios momentos da súa intervención Otero apuntou de xeito expreso ao seu adxunto, Pablo Cameselle, nomeado no seu momento a proposta do PSdeG, do mesmo xeito que ela o foi polo PP. El foi quen asina a resolución anulada pola sentenza, pero nesta o foco das ilegalidades ponse en Otero.

A Valedora, Milagros Otero, na súa comparecencia co seu adxunto, Pablo Cameselle, á dereita da imaxe Dominio Público Valedor do Pobo

Otero admitiu que a decisión de pedir o informe externo que a sentenza considera clave para entregar a praza foi "opcional, non preceptiva"

Canto ao fondo da cuestión, a tramitación anulada dese posto, Otero cargou contra os argumentos empregados polos xuíces na súa sentenza e insistiu en que os criterios para a súa cobertura, que a sentenza considera que eran “á medida” de Puy Fraga, foron establecidos de xeito previo á convocatoria, evidenciando que iso ocorreu antes de que ela mesma se abstivese de participar no procedemento. Otero tamén admitiu que a decisión de pedir un informe externo sobre os candidatos ao posto -documento que a sentenza considera clave para entregar a praza a Puy Fraga- foi “opcional, non preceptiva” e recoñeceu que “tería sido mellor” encargar ese informe a un catedrático de Dereito Administrativo e non de Dereito Laboral, como se fixo.

Nesa liña, o portavoz de En Marea, Luís Villares, salientou que o elixido para elaborar ese informe que segundo o tribunal só valorou as cualidades de María Puy e non do resto de aspirantes, o catedrático Jesús Martínez Girón, foi proposto en 2013 para a xunta electoral galega polo PP coa sinatura do seu voceiro, Pedro Puy.

A oposición coincidiu en rexeitar os argumentos xurídicos empregados por Otero: "Isto é o Parlamento, aquí vense a render contas políticas, non xurídicas”

Para Villares, a sentenza supón que “foi condenada a institución” pola “súa responsabilidade”, polo que ao seu ver só hai un xeito de restituír a sona do Valedor do Pobo, “a súa dimisión inmediata”. En similar liña se pronunciaron a deputada socialista Patricia Vilán -“vostede está causando un dano irreparable á valeduría do pobo”- e a nacionalista Montse Prado -“se vostede ten algún respecto pola institución e polo pobo galego, debería presentar a súa dimisión”-.

Os tres grupos da oposición coincidiron en rexeitar o intento de Otero de presentar ante eles supostas probas que, ao seu xuízo, só terían sentido no ámbito xudicial, non nunha comisión política. “Isto é o Parlamento, aquí vense a render contas políticas, non xurídicas”, díxolle Villares.

A popular Paula Prado atribuíu as críticas da oposición a que “Martiño Noriega deixara morrer aos senteito na rúa” e a Valedora llo reprochara

Pola contra, a deputada do PP Paula Prado non se limitou a defender a Otero como Valedora e a suposta valía profesional de María Puy Fraga para o posto en cuestión senón que cargou contra a oposición. Prado tirou da polémica xerada entre a Valedora e o Concello de Santiago a conta da atención que recibían as persoas sen fogar na cidade. “A vostedes os que lles molestaba era que a Valedora dixera que [o alcalde de Santiago] Martiño Noriega deixara morrer aos senteito na rúa, como foi o caso, que de tres morreron dous”, dixo Prado. Porén, a propia Valedora, tras cargar contra o Concello de Santiago por ese problema e ela mesma divulgar datos privados desas persoas, acabou arquivando eses expedientes.

Aspecto da Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia no que a Valedora deu explicacións das súas interferencias para outorgar un posto Dominio Público Valedor do Pobo

Votación sobre o cesamento martes no Pleno

A Valedora chegou a rifar aos grupos da oposición por non querer debater sobre outras cuestións: “Cada quen é responsable do que fai, do que di e do que cala”

A sesión deste xoves da Comisión de Peticións comezou cos tres grupos da oposición reclamando que se aprazase a presentación prevista como primeiro punto da orde do día dun informe da propia Valedora sobre a accesibilidade en Galicia para que non quedase escurecido polo debate sobre a continuidade de Otero. Porén, o PP rexeitouno e a Valedora expuxo primeiro ese documento antes de dar conta da súa propia situación. Os tres partidos da oposición rexeitaron participar nese outro debate para non mesturalo coa situación de Otero, pero ela mesma respondeulles con ton desafiante: “Cada quen é responsable do que fai, do que di e do que cala”, díxolles.

"Xa veremos", foi a resposta da Valedora, responsable da transparencia en Galicia, sobre se contestará preguntas dos medios de comunicación

Previamente, antes de entrar na Comisión, Otero foi preguntada nos corredores do Parlamento polos medios de comunicación se, ademais de comparecer na Cámara, pensa contestar preguntas dos medios de comunicación. O pasado luns a responsable de transparencia e comunicación da institución advertiu de que esta só se comunicaría sobre esta polémica a través de notas de prensa, sen posibilidade de formularlle preguntas, pero este xoves Otero si ofreceu unha entrevista a La Voz de Galicia na que avanzou a súa negativa a dimitir. Este xoves Otero, tras recibir os reproches da oposición por esa entrevista, chegou a negar a súa existencia. E preguntada pola posibilidade de que responda a cuestións doutros xornalistas, a resposta de quen tamén é Comisionada da Transparencia de Galicia foi “xa veremos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.