A Valedora arquiva os expedientes pola atención a persoas sen fogar no Concello de Santiago

A Valedora, nunha imaxe de arquivo © Valedor do Pobo

En decembro de 2015 a Valedora do Pobo iniciou o trámite dunha queixa formulada por unha asociación santiaguesa de comerciantes, Compostela Monumental, e outra veciñal, Compostela Vella. Nela indicábase que "dende hai bastante tempo os veciños e empresarios do casco histórico" de Santiago, "en concreto os da zona da praza do Toural" e a súa contorna estaban a "padecer as consecuencias" da "presenza permanente dun grupo de persoas sen teito" con "comportamentos contrarios á ordenanza de convivencia" da capital galega. Esta queixa e outra asociada -formulada por "traballadores do Banco de Santander"- foron tramitados en senllos expedientes que a propia Valedora e o PP local tornaron nunha das máis virulentas controversias políticas do mandato municipal e que veñen de ser arquivados.

Segundo confirma o Concello de Santiago, nos primeiros días deste mes de agosto o goberno local recibiu a comunicación na que a titular da institución, Milagros otero, "comunica a súa decisión de arquivar os expedientes que tiña abertos en relación á situación das persoas sen fogar" na cidade. Polo camiño quedan case dous anos de comunicacións e acusacións cruzadas co goberno que encabeza Martiño Noriega, pero tamén episodios nos que Otero se adheriu publicamente ás teses das entidades que formularan as queixas, o cal chegou a suscitar a petición da súa dimisión por parte de diversas asociacións sanitarias e do ámbito social, así como da oposición parlamentaria.

Despois de que o consistorio santiagués respondese aos requerimentos con documentación sobre o traballo da Concellería de Políticas Sociais neste ámbito e mentres un xulgado compostelán apreciaba "responsabilidade penal" da Xunta por falta de atención a unha destas persoas sen fogar -eran tres en total-, Otero aproveitaba o pasado marzo a presentación do seu informe anual ante o Parlamento para facer revivir a polémica. Así, salientou o asunto da atención ás persoas sen fogar en Santiago como un dos máis relevantes do ano e asegurou que recibira "moitas queixas ao respecto", cando realmente eran só dúas das máis de 65.000 formuladas durante ese exercio, unhas 63.000 relativas a áreas de xestión da Xunta.

A Valedora deu en revelar no Parlamento datos persoais destas tres persoas sen fogar e ante as peticións de dimisión dixo ser vítima de "ataques deslexitimadores"

Malia ao balbordo político creado por esa primeira intervención a Valedora regresou sobre o asunto na súa comparecencia ante a Cámara para presentar o informe ante unha comisión de deputados. Nesa intervención Otero deu en revelar datos persoais das devanditas tres persoas sen fogar e acrecentou o volume das queixas de "moitas" a "moitísimas". "Eu vou por Santiago pola rúa e a xente de Santiago que se dirixe a min faino por ese problema", xustificou.

Tras unha nova vaga de peticións de dimisión que Otero leu como "ataques lexitimadores", a institución notifica o arquivo dos expedientes. Faino, indica o Concello, "argumentando que coñeceu por sentenza xudicial" que "os servizos sociais do Concello interviñeron na información da situación e nas medidas de apoio" ligadas "á única" desas tres persoas sen fogar "que seguía sendo obxecto das queixas recibidas". "Esa persoa -sinala a Concellería responsable- fora ingresada nun centro sanitario por orde xudicial tras a mediación dos servizos sociais do Concello" e previamente, atendida por entidades sociais presentes na Mesa de Coordinación auspiciada polo goberno local.

O Concello compostelán subliña que a Valedora "argumenta que coñeceu por sentenza xudicial" que os servizos sociais municipais "interviñeron na infromación da situación e nas medidas de apoio"

Dende o Concello santiagués este arquivo acóllese como unha mostra de que "atendemos todos os requirimentos que fixo a Valedora" e mais as súas "recomendacións". "Nós -sinalan fontes municipais- sempre lle detallamos que dispositivos tiñamos para a atención a persoas sen fogar", como a devandita Mesa de Coordinación, un equipo de rúa ou un programa de vivendas, entre outros.

Os expedientes da Valedora, lembran, desenvolvéronse mentres a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, "ten presentado un escrito diante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia" por mor do "tratamento informativo que algúns medios de comunicación deron" a estas persoas sen fogar e "ás situacións de pobreza, vulnerabilidade e exclusión social que sofren". Tamén formularon reclamacións ante o CPXG pola mesma cuestión entidades como os colexios profesionais de Educación Social e de Traballo Socail, así como a Fundación RAIS.

Rúa do Vilar, na contorna da Praza do Toural © Santiago Turismo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.