A Valedora vese vítima de “ataques deslexitimadores” tras as críticas de asociacións sanitarias e sociais

A Valedora na súa comparecencia no Parlamento Dominio Público @Valedordopobo

Colexio Oficial de Psicoloxía, Colexio Oficial de Traballo Social, Colexio Oficial de Educadores e Educadoras Sociais, Médicos Sen Fronteiras, SOS Sanidade Pública, asociacións de enfermos de diabete, hepatite ou cancro, ou o Movemento Galego da Saúde Mental, que agrupa outros varios sindicatos, colexios e asociacións. Todos eles veñen criticando nos últimos meses que a Valedora do Pobo, Milagros Otero, ataque a dignidade das persoas e opte nas súas actuacións por avalar o traballo da Xunta fronte ás peticións que lle formula a cidadanía ou as posturas doutras administracións. Porén, este martes Otero optou por obviar esas críticas da sociedade civil e acusou ás administracións que formulan eses mesmos reproches, en velada referencia ao Concello de Santiago, de realizar “ataques deslexitimadores” contra a institución que representa.

O conflito que enfronta a Milagros Otero co goberno municipal de Santiago, de Compostela Aberta, paira desde hai meses sobre a maioría das intervencións públicas da Valedora. Otero critica o que considera inacción do Concello cos problemas de convivencia cidadá que veñen provocando varias persoas sen fogar, mentres que o Concello considera que a Xunta debería implicarse máis coa cuestión sen que a Valedora censure na mesma medida o Goberno galego.

Un día despois de que varias entidades da sociedade civil a recusasen, Milagros Otero considera que a censura da súa actuación por parte doutras administracións supón un ataque contra a institución

Otero, que mesmo fixo públicos datos privados de varias desas persoas, chegou a dicir a finais do pasado ano que a inhabilitación xudicial e o ingreso nalgunha institución, mesmo contra a súa vontade, sería a solución para esas persoas que carecen de fogar, o que provocou críticas de diversas entidades de atención social e psicolóxica. A esa censura polo comportamento da Valedora no caso deste colectivo sumouse este luns a “reprobación” de Otero por parte de asociacións de doentes e entidades en defensa da sanidade, que consideran que nesa materia defende máis á Xunta que á cidadanía.

Este martes Otero asegurou que “todas as administracións” reciben recomendacións pola súa parte e criticou que “non resulta aceptable responder” a esas suxestións con “ataques” que non valora como dirixidos contra as súas declaracións e actuacións persoais senón que considera “deslexitimadores” da institución que representa. Otero tamén dixo na súa intervención que, no caso das persoas sen teito, “finalmente o Concello de Santiago parece ter aceptado as medidas recomendadas desde esta institución”, sen indicar cales serían e logo de que o principal paso dado pola administración municipal fose pedir que a Fiscalía estude o posible ingreso dunha persoa sen teito por motivos sanitarios, medida xa defendida por un xulgado compostelán o pasado 2016 tras apreciar "responsabilidade penal" da Administración autonómica neste ámbito.

A deputada do PP Paula Prado considerou as críticas á Valedora do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, unha "pataleta e berrinche de neno pequeno"

Nas réplicas dos grupos parlamentarios a Milagros Otero, a representante do PP, Paula Prado, considerou as críticas á Valedora do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, unha “pataleta e berrinche de neno pequeno”. No extremo contrario, o portavoz de En Marea, Luís Villares, volveu pedir a renuncia de Otero e asegurou que a súa formación defende a institución do Valedor do Pobo e que as súas críticas se dirixen contra o xeito en que a xestiona a súa actual titular con “laudatios xeralizadas á Xunta”. En similar liña se manifestou o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, para quen Otero actúa de xeito político “por omisión”, ao non fiscalizar como debera as actuacións das administracións públicas.

Otero, nun intre da súa intervención © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.