Villares advirte que o informe esgrimido pola Valedora "demostra que participou na elección" da irmá do voceiro do PP

A Valedora, na comisión na que compareceu sobre a sentenza do TSXG © Valedor do Pobo

A Valedora do Pobo, Milagros Otero, acudiu o pasado xoves ao Parlamento para ratificar que non está disposta a dimitir como consecuencia da sentenza na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou o nomeamento da súa xefa de servizo de Administración e Persoal por ser elixida con criterios "á medida" ditados, segundo o ditame, pola propia Valedora. Durante esa comparecencia Otero rifou aos grupos da oposición, negouse a responder ás súas preguntas e retrucou ás súas acusacións esgrimindo un informe que, ao seu xuízo, deixa claro que se abstivo de participar na elección para o posto de María Puy Fraga, irmá do voceiro parlamentario do PP e filla de Francisco Puy, catedrático de Dereito do que a Valedora foi discípula académica. A xuízo do voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, o informe que Otero esgrime para exculparse realmente "demostra que participou na elección" anulada pola Xustiza. 

O grupo parlamentario de En Marea divulgou este sábado a documentación presentada por Otero á Cámara. Nela inclúese a resolución na que a Valedora se abstén do proceso de elección o 25 de xaneiro de 2016 por estar incursa nunha das causas persoais para facelo, segundo a lei administrativa vixente nese momento. Esa abstención provocou que as competencias formais da titular da institución sobre o proceso pasasen, automaticamente, ao seu adxunto, Pablo Cameselle, que "no exercicio das súas funcións delegadas" pediu un informe sobre o nomeamento que foi asinado polo catedrático de Dereito do Traballo Jesús Martínez Girón e mais polo secretario xeral e a coordinadora xeral do Valedor do Pobo. Nese informe, con data de 4 de marzo do mesmo ano, é no que segundo Villares fica demostrado que a Valedora continuou a intervir tras absterse do proceso.

A Valedora abstívose formalmente o 25 de xaneiro e o informe do 4 de marzo salienta que "a Valedora considera de gran importancia o adecuado desempeño de funcións que encomenda á xefatura de servizo en materia de seguridade, prevención de riscos laborais e saúde no traballo"

No apartado dese informe relativo aos "criterios de selección do posto" destácase, por exemplo, que "a Valedora considera de gran importancia o adecuado desempeño de funcións que encomenda á xefatura de servizo en materia de seguridade, prevención de riscos laborais e saúde no traballo" e "por iso, considérase de especial relevancia calquera mérito achegado neste ámbito". A continuación, o informe sinala que "unha vez analizada toda a documentación presentada" polas 18 persoas aspirantes ao posto, "estímase" a partir dos seus currículos e méritos que "o perfil máis idóneo para o posto" é, "con base nos criterios mencionados", o de Puy Fraga. Neste sentido, o propio informe alude expresamente ao criterio "en materia de seguridade, prevención de riscos laborais e saúde no traballo", ditado pola Valedora, para o que se valora que Puy Fraga realizase "un curso sobre o desempeño das funcións en prevención de riscos laborais".

Fragmentos da documentación achegada pola Valedora ao Parlamento tras a sentenza do TSXG

Luís Villares: "A documentación presentada pola Valedora significa exactamente o contrario do que dixo", que "deu instrucións" cando "en teoría levaba mes e medio sen participar no proceso"

Deste xeito, a xuízo de Villares fica claro que "a documentación presentada pola Valedora significa exactamente o contrario do que dixo" no Paralmento, isto é, que "un mes e medio despois de que anunciase a súa abstención" no proceso, a Valedora "deu instrucións sobre o que ela considera de especial importancia para o óptimo desempeño" das funcións da praza en xogo e "sinala que preferencias, valoracións e méritos deben ser tidos en conta con máis intensidade". "En teoría -resalta o voceiro de En Marea- a Valedora levaba mes e medio sen participar no proceso" pero "seguía participando" nel, o que dende o seu punto de vista "avala, unha vez máis, a petición de cesamento" de Otero "por actuar con desviación de poder, de maneira arbitraria e con absoluto desprezo dos méritos dos demais aspirantes" ao posto. Chegados a este punto, agrega, "o PP non pode seguir protexéndoa, como fixo o pasado xoves".

O criterio do Tribunal

O TSXG considerou que "as indicacións da Valedora" malia absterse do proceso "resultaron decisivas para a determinación dos criterios de selección"

Estas mencións ás preferencias da Valedora no informe do 4 de marzo son tamén claves para o Tribunal Superior, segundo a sentenza que anulou o nomeamento. "Non é difícil -segundo a Sala- deducir que os autores do informe tiveron que se poñer en contacto coa Valedora" para que ela "expresase a especial importancia que había de conceder aos criterios de selección e méritos" que, aínda por riba, estaban "desvinculados das funcións" que o Regulamento da institución outorgan a esta xefatura de servizo. Na súa resposta á demanda, dende a institución do Valedor alegouse que esas "especificacións" están "recollidas nas memorias da institución", se ben para o Tribunal "esta explicación non convence", toda vez que "as indicacións da Valedora resultaron decisivas para a determinación dos criterios de selección".

Atendendo á sentenza, valoráronse á candidata que obtivo o posto "os méritos mencionados" malia "estaren desvinculados das tarefas propias do posto convocado", os cales "se determinaron pola Valedora malia á súa asbtención previa". Esa valoración, ademais, chegou "unha vez que tivo coñecemento dos crurículos de méritos invocados pola aspirante que finalmente sería adxudicataria". Isto, segundo o TSXG, "pon de manifesto que existen indicios claros de que boa parte dos criterios de selección e méritos computables foron determinados á medida da candidata que resultou beneficiada coa adxudicación do posto".

Luís Villares, voceiro de En Marea, no Parlamento CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.