O Frankenstein levado ao cinema este ano por Guillermo del Toro reavivou o interese e comentarios públicos sobre a novela decimonónica de Mary Shelley, na que o doutor Víctor Frankenstein dá vida a unha criatura -ou un monstro- composta de diversas partes de corpos humanos. O horror que o protagonista da historia acaba sentindo ante o resultado da súa propia creación é unha metáfora habitual para describir alguén que padece ou figura espanto por algún acto propio.
Os gobernos do PPdeG interpretan cada ano a súa versión lexislativa de Frankenstein. Anacos que procuran acabar 'dando vida' a un único corpo legal nunha operación non exenta de riscos que esta semana acabou revolvéndoselle ao creador
Os sucesivos Gobernos do PP galego interpretan unha vez ao ano a súa particular versión lexislativa de Frankenstein. Canda os Orzamentos Xerais da Xunta para o exercicio seguinte, o Executivo rexistra a chamada lei de medidas fiscais e administrativas, coñecida como lei de acompañamento. Aglutinan nun único texto legal as reformas que queren introducir en moitas outras normas, tanto leis como normativas de rango inferior, para tramitalas dun golpe xunto aos orzamentos. Anacos que procuran acabar dando vida a un único corpo legal nunha operación non exenta de riscos que esta semana acabou revolvéndoselle ao seu creador, o PPdeG.
Alén de reducir as posibilidades de control da oposición e da cidadanía en xeral sobre cada reforma concreta -decenas de leis mudan a un tempo cun formato de trámite e control idéntico ao dunha lei ordinaria-, o emprego deste mecanismo foi tecendo ao longo dos anos unha arañeira cada vez máis mesta. Non en van, acabou sendo habitual que unha lei de acompañamento modifique a outras das anteriores, que á súa vez xa retocaran múltiplos textos legais previos.
A esa suma de retallos o PP vén engadindo outro: emendas ao seu propio goberno rexistradas ao límite do prazo. Cunha delas procuraban flexibilizar aínda máis a moratoria do eucalipto, pero entre as présas trabucáronse e acabaron esquecéndoa
A esa suma de retallos o PP vén engadindo outro máis. Ao tratarse formalmente dunha lei como outra calquera, a de acompañamento conta co seu preceptivo trámite de emendas. E, nos últimos anos, o Grupo Popular aprovéitao para introducir nalgúns casos matices e noutros, amplas alteracións no texto que o seu propio Goberno rexistrou apenas un mes antes. Modificacións das modificacións, reformas das reformas sobre a marcha.
Foi neste punto onde Frankenstein cobrou vida e se revolveu contra o seu creador. O pasado luns o Grupo Popular no Parlamento apuraba para rematar as súas emendas á lei de acompañamento e rexistralas ás présas antes de que expirase o prazo, ás 18:30. Fixérono apenas seis minutos antes do límite, ás 18:24. Cando pasaran algo menos de dous minutos da hora de peche os conservadores rexistraron un segundo documento con máis emendas, neste caso redactado por anacos en galego e castelán, o que evidencia máxima aceleración na súa elaboración.
En ningún dos dous envíos, nin no rexistrado en prazo nin o enviado fóra del, estaba a emenda que o PP avanzara por diversas vías: ía usar esta fórmula para flexibilizar aínda máis a moratoria do eucalipto. Como informou Praza.gal, varias fontes consultadas coinciden en sinalar que o PP se trabucou e acabou esquecendo incluír no paquete final a emenda coa que pretendía corrixir en movemento a lei de acompañamento redactada pola Xunta, concretamente no apartado que muda diversos puntos da lei recuperación da terra agraria do ano 2021. Agora buscan fórmulas para poder aplicar igualmente a medida, co rexistro dunha lei independente por trámite de urxencia como opción máis probable.
Non son poucas as voces que discrepan deste xeito de lexislar. Tamén hai algunhas que consideran que o episodio deste luns sería difícil de concibir noutrora; nos tempos de Fraga, pero tamén nos que o Grupo Popular tiña aos mandos a Pedro Puy
Non son poucas as voces ao longo dos anos que discrepan deste xeito de lexislar e alertan dos riscos de facelo. Algunhas mesmo se teñen escoitado dentro do propio PP, se ben as máis das veces as alertas proceden de BNG e PSdeG, que nos seus anos de goberno (de 2005 a 2009, cos orzamentos de 2006 a 2009 baixo a súa responsabilidade) nunca recorreron a leis de acompañamento. Pola redución do debate sobre as reformas, pero tamén por ser un exemplo de mala calidade lexislativa.
Nos corredores do Pazo do Hórreo ecoaron esta semana outra volta estas críticas. Canda elas, tamén, consideracións a respecto de que o episodio deste luns sería difícil de concibir noutrora; nos tempos de Manuel Fraga. Pero tamén nos anos en que o Grupo Popular, xa con Feijóo como presidente, tivo aos mandos a Pedro Puy.
Na xornada da confusión e erro final, o actual voceiro, Alberto Pazos, e a vivoceira e secretaria xeral do partido, Paula Prado, esforzáronse en cargar con dureza contra as emendas da oposición aos Orzamentos, así como en empregar a tribuna do Hórreo para lanzar diversas críticas a Pedro Sánchez ou contra o Bloque, quer pola recente viaxe de Ana Pontón a Sudamérica, quer pola xestión da alcaldesa de Santiago, entre outros asuntos, en intervencións despois divulgadas a través das redes sociais.