Moito antes do "erro inxustificable" admitido por Feijóo por aprobar unha reforma legal que beneficia a algúns condenados, o seu PPdeG xa recoñecera todo tipo de erros na tramitación de leis no Parlamento de Galicia
"O que é evidente é que cometemos un erro e os erros necesitan unha rectificación". Así valora o presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, a votación por parte do seu grupo parlamentario no Congreso a favor dunha emenda legal que permitirá convalidar a persoas condenadas en España o tempo en prisión que xa pasasen noutros países. Unha medida que os populares lamentan que vai supoñer acurtar o tempo na cadea a membros de ETA e en cuxa tramitación os deputados populares relatores da cuestión, entre eles a galega Ana Belén Vázquez, asinaron que estudaran "con todo detemento" a modificación aprobada. A medida, ademais, foi aprobada por un grupo parlamentario popular no Congreso á cuxa fronte está o tamén galego Miguel Tellado e que conta como asesores a varios que antes estaban no PPdeG e foron desprazados a Madrid con Feijóo.
Sen tanto calado nin repercusión pública, no pasado tamén o PPdeG, con Feijóo á súa fronte, admitiu que cometera diversos erros na tramitación de todo tipo de modificacións legais que despois tivo que corrixir. Non eran simples correccións de leis previas que o paso do tempo e novas realidades fixesen necesario mellorar senón que foron erros recoñecidos abertamente ou corrixidos aos moi poucos días de tramitar outras versións previas. Mudanzas que puxeron en dúbida a imaxe de boa xestión que Feijóo tentou transmitir durante os seus anos á fronte da Xunta.
Non é necesario remontarse moito nos 13 anos de Feijóo á fronte da Xunta e do PPdeG para atopar erros na tramitación parlamentaria de leis. Un dos casos máis significativos foron as sucesivas rectificacións na tramitación hai catro anos da denominada Lei de Reactivación Económica coa que os populares afondaron nas súas políticas de relaxar o control ambiental de todo tipo de proxectos.
A norma foi presentada no Parlamento de Galicia como unha proposición de lei do PPdeG o 7 de decembro de 2020. Pero mes e medio despois de presentar o texto, que orixinalmente contaba con 64 artigos, o propio PPdeG formulouse a si mesmo 46 emendas coas que engadiu á lei outros 13 artigos completamente novos cos que entre outras cuestións reduciu os requisitos para xustificar subvencións da Xunta e estableceu mecanismos para que o Goberno galego poida trasladar o seu funcionariado de consellerías.
Pero non quedaron aí os cambios e posteriormente os populares aínda presentaron unha “corrección de erros” das súas propias emendas contra si mesmos. Un documento co que retiraron unha emenda e mudaron outra para engadir ao texto orixinal tres novas particularidades aos procedementos de avaliación ambiental que inicialmente só se citaban pero non se desenvolvían, provocando así un baleiro legal e inseguridade xurídica.
A Lei de Reactivación Económica de 2021 foi proposta polo PP, que presentou 46 emendas contra o seu propio texto e despois unha "corrección de erros" das súas propias emendas
Poucos meses despois a Xunta cometía outro erro na tramitación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia ao borrar con ela máis de 300 palabras doutra lei previa de 2015 que supuxeron eliminar o procedemento administrativo polo que as concentracións parcelarias son rexistradas no Catastro. O erro, que entrou en vigor en maio, non foi corrixido ata finais daquel 2021, cando o Goberno aproveitou para facelo a través da lei de acompañamento dos Orzamentos para o seguinte exercicio, normas coas que vén mudando todo tipo de leis previas con menos debate e de xeito máis acelerado. Foi nesa lei de acompañamento na que a Xunta admitiu que todo o texto suprimido "fora eliminado por erro". Un borrado que fixera que nunha lei na que antes había cinco puntos con máis de trescentas palabras pasase a ter un único punto con 26 palabras que non tiñan sentido co que as antecedía e sucedía.
Pero a lei de acompañamento aproveitada pola Xunta para corrixir o erro que ela mesma cometera na lei previa de recuperación da terra agraria tamén tería erros noutros puntos. A norma entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2022, pero mes e medio despois, o 17 de febreiro, o Goberno galego publicaba no Diario Oficial de Galicia unha "corrección de erros" da mesma de catro páxinas.
Entre outras cuestións, a lei impulsada pola Xunta e revisada despois polo PPdeG no Parlamento obviara a existencia de embarcacións por baixo de determinadas esloras ou incluía un paradoxo na xestión do banco de alugueiro de terras que impedía na práctica o seu funcionamento.
A lei de acompañamento dos Orzamentos de 2022 tivo unha "corrección de erros" de catro páxinas, entre elas unha por incluír a palabra "asignar" en lugar de "asinar", o que facía imposible a aplicación dunha norma
Por unha banda, a lei pretendía actualizar as taxas que todo tipo de embarcacións deben pagar a Portos de Galicia polo uso das súas instalacións para amarrar, descargar ou outras actividades. Taxas que nalgúns casos teñen como criterio de cobro a eslora ou lonxitude da embarcación, pero en cinco casos a Xunta fixera desaparecer da lei as embarcacións de menor tamaño ao poñer no primeiro chanzo do seu texto "=" a un determinado número de metros obviando o símbolo "<", que incluiría tamén as de menos dese tamaño.
A lei da Xunta revisada polo PP e que chegara a entrar en vigor tamén estableceu que a inclusión de explotacións agrarias no banco de alugueiro de terras debía iniciarse “por solicitude das persoas interesadas cuxa explotación estea incluída no banco”, un paradoxo que impedía a súa aplicación. A corrección de erros deixou claro que esa inclusión de terras debía ser “por solicitude das persoas interesadas en que a súa explotación estea incluída no banco”. Nese mesmo eido o texto tamén contiña outro erro significativo ao dicir que as persoas propietarias de terras obxecto de reestruturación parcelaria poderían “asignar” a outras persoas compromisos de venda ou arrendamento. A "corrección de erros" realizada pola propia Xunta mes e medio despois da súa entrada en vigor aclarou que o que quería dicir a lei era que as persoas propietarias poderían “asinar” elas ese tipo de compromisos.
Máis preto no tempo, xa con Feijóo en Madrid, a Xunta tamén realizou unha corrección significativa dunha lei relevante, nese caso sen admitir que cometera un erro pero mudando o texto legal apenas 14 días despois de entrar en vigor. Foi na nova Lei do Xogo, que entrou en vigor o 6 de outubro do pasado ano con novas restricións no eido dos bingos populares. O 20 de outubro, apenas dúas semanas despois da súa entrada en vigor, e novamente a través dunha lei de acompañamento, a Xunta rexistraba no Parlamento unha corrección da norma do xogo para facilitar os bingos populares.