"Indígname que nas listas electorais vaian 44 persoas que pertenceron a ETA. Bildu é socio preferente socialista e coller unha papeleta do PSOE é ser cómplice de Bildu", asegurou a semana pasada Manuel Lorenzo, candidato do PP á alcaldía da Coruña, durante un dos seus actos de campaña. No mesmo día, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, repetía consigna en Muros, aludindo desta vez ao BNG, ao que pedía que "demostre o seu compromiso coa democracia" e "rache" coa coalición abertzale, que volveu sacar ao debate este martes nun acto en Vilalba e nos mesmos termos. Fixo o mesmo o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, cando o pasado sábado visitou unha feira en Cervantes e sinalou a Bloque e PSdeG, volvendo tirar de ETA e pedíndolles "explicacións" tras duros ataques.
Dende que, a pasada semana, o xornal ABC puxera o foco na denuncia pública do Colectivo de Víctimas del Terrorismo en el País Vasco na censuraba que "44 persoas que integran as listas de EH Bildu" en diversos concellos para o 28M "estiveron condenadas no pasado por pertenza" ou "colaboración con ETA", o PP fixo da cuestión elemento central do seu argumentario preelectoral e de campaña. Sete deles, os implicados no seu día en asasinatos, anunciaron que non tomarán posesión das actas se saen elixidos.
A integración de persoas condenadas por relación con ETA nas listas de EH Bildu valeu ao PP para tirar dun argumentario que durante anos usaron o PPdeG e Feijóo en Galicia
A polémica non se centrou só en Euskadi ou Navarra, senón que se espalla e chegou tamén a Galicia, onde o argumentario popular é repetido constantemente por dirixentes e candidatos en campaña. Tamén a nivel estatal, con Núñez Feijóo á fronte dunha estratexia que non lle é descoñecida. Nin moito menos. Agora que hai voces que lle reclaman que deteña unha deriva que mesmo levou un senador do PP a dicir na Cámara Alta que "os cimentos da lei de vivenda se levantan sobre as cinzas do atentado de Hipercor", a hemeroteca lembra que ETA ou Bildu foron durante anos recurso habitual do PPdeG e do ex-presidente da Xunta para confrontar coa oposición, fundamentalmente no Parlamento.
Tamén en campaña. Hai case unha década, na das eleccións europeas de 2014, Feijóo tiraba xa de Bildu e Resistencia Galega para atacar a BNG e AGE, unha constante que ampliou tamén para os seus ataques ao PSdeG durante anos e habitualmente na Cámara. Ata a súa última comparecencia nun pleno do Parlamento galego, hai un ano, o 27 de abril de 2022. Ese día, Feijóo sinalou o Bloque por "meterse na senda de Bildu" e aos socialistas polos seus "problemas" coa formación abertzale. Repetía o que fora unha constante, xunto a Venezuela e o bipartito, nos seus debates parlamentarios.
PP e Feijóo tiraron de Bildu e ETA para desprezar as críticas polo peche do paridoiro de Verín, retrucar a sentenza contra a CRTVG por represalias ou criticar a cesión de Tráfico a Navarra
O comodín de ETA e Bildu foi usado por Feijóo en numerosas ocasións na Cámara, como cando tirou del para desprezar as críticas da oposición ao peche do paridoiro no hospital de Verín no Nadal de 2019. Un día despois de que cidadanía verinense se manifestase ás portas do Parlamento, acusaba todos os partidos da oposición de ser "radicais" por ser "socios de Bildu, o partido dos ex-etarras". Dous anos despois, tamén a final de ano, o PP presentaba unha iniciativa contra o soberanismo que evocaba a ETA, na que o daquela secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, concluía o debate cunha alusión ao comando Barcelona da banda terrorista nunha resposta ao Bloque. Tamén houbo alusións ao Otegi, a Bildu e á violencia.
Agora, Feijóo vén de impulsar no seu partido unha proposición non de lei rexistrada este mércores no Congreso para "impedir que a gobernabilidade de España dependa de partidos que inclúen nas súas estruturas ou nas súas candidaturas electorais persoas condenadas por terrorismo". Un intento de forzar votacións vinculadas a ETA ou o independentismo que xa foi usado no Parlamento galego.
Nunha das súas últimas iniciativas parlamentarias, o PPdeG alude a Bildu para abordar unha política de vivenda estatal "en mans dos independentistas"
Son case 80 os plenos nos que Bildu aparece nomeado na Cámara galega e varias as iniciativas parlamentarias coa coalición abertzale como protagonista asinadas polo PPdeG, neste caso para abordar a lei estatal de vivenda. Nunha delas, os populares aseguraban que "os mesmos que dicían que non pactarían con Bildu e o repetiron unha e mil veces, deixan agora en mans dos independentistas a política de vivenda, como fixeron ca memoria histórica e co Código Penal".
Porque as alusións á esquerda abertzale ou a ETA apareceron en moitos debates, mesmo naqueles que nada parecían ter que ver. No novembro pasado, o PP renegaba da "repugnante submisión do Goberno ante Bildu" polo traspaso da competencia de tráfico que antes apoiara en Galicia dúas veces para acabar bloqueándoa.
Miguel Tellado, xa como vicesecretario de Organización Territorial dos populares, advertía da "chulería coa que os herdeiros de ETA se alegran dos seus logros", en referencia ao pacto orzamentario que implicaba culminar o traspaso das competencias de tráfico a Navarra, unha medida que o PPdeG apoiou abertamente para Galicia, xa baixo o mando de Núñez Feijóo.
Hai menos dun ano, a Xunta retrucou á condena á CRTVG por represalias a un traballador cargando contra Bildu e o goberno bipartito. Foi o vicepresidente segundo, Diego Calvo, quen ante a petición de contas do Bloque polo ditame xudicial, acusou a formación nacionalista de "criticar por criticar" e de "aprobar a lei Bildu e ir na candidatura con Bildu".