“Fronte aos que teñen que recorrer á descualificación para facer campaña, nós seguiremos centrados no que hai que estar", dixo Rueda antes de descualificar a BNG e PSdeG
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este sábado a Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña en Cervantes. Na localidade lucense, acompañou o candidato do PP á alcaldía, Óscar Fernández, a deputada autonómica e número 2 da candidatura, Encarna Amigo, e a outros membros da formación local. Cervantes forma parte do partido xudicial de Lugo, que xunto con A Fonsagrada pode ser clave para decidir o Goberno da Deputación provincial.
O presidente do PPdeG afirmou que o obxectivo da súa formación nestas eleccións municipais é "estender o modelo de sentidiño” que "caracteriza ao Goberno galego". “Queremos levar aos 313 concellos galegos a política da estabilidade, de avance sen ter que discutir con ninguén e de reclamar que non nos neguen nada ao que temos dereito”, dixo
Rueda dixo que o obxectivo da súa formación é "estender o modelo de sentidiño” que "caracteriza ao Goberno galego"
Rueda dixo que “fronte aos que teñen que recorrer á descualificación para facer campaña, nós seguiremos centrados no que hai que estar, que é explicar o que queremos facer: levar a política do sentidiño da Xunta aos 313 concellos galegos”. Neste senso, pediu aos seus candidatos e candidatas "que sigan centrados en explicar o que queren facer nos seus concellos".
Ao BNG pediu "explicacións" sobre o feito de que Bildu, “un partido co que van en alianza e ao que apoian explicitamente”, dixo, inclúa nas súas listas electorais nos concellos dos País Vasco a 44 persoas que foron condenadas polas súas relacións con ETA
A pesar desas palabras, o presidente da Xunta dedicou boa parte da súa intervención ante os medios a descualificar a BNG e PSdeG. Ao BNG pediu "explicacións" sobre o feito de que Bildu, “un partido co que van en alianza e ao que apoian explicitamente”, dixo, inclúa nas súas listas electorais nos concellos dos País Vasco a 44 persoas que foron condenadas pola súa pertenza a ETA, aínda que todos eles e elas cumpriron xa as súas condenas e as súas penas de inhabilitación. Rueda afirmou que Bildu leva nas súas listas a “asasinos condenados neses mesmos concellos”, algo que cualificou de “aberración que horroriza a calquera persoa sensata”.
Mentres, ao PSdeG criticou o “desembarco constante de ministros difíciles de identificar só para falar mal do PP e de Alberto Núñez Feijóo aos galegos”, así como “a súa obsesión por ter uns bos resultados só para lexitimar a Pedro Sánchez”.