O Goberno de España disponse a sacar adiante este 24 de novembro os Orzamentos Xerais do Estado para 2023 por folgada maioría no Congreso dos Deputados. Serán as terceiras contas públicas do Executivo de coalición do PSOE e Unidas Podemos que encabeza Pedro Sánchez, unha estabilidade orzamentaria que non se rexistraba dende a etapa da maioría absoluta do PP de Mariano Rajoy.
Os populares descualifican como "repugnante submisión do Goberno ante Bildu" o pacto orzamentario que implica culminar o traspaso das competencias de tráfico a Navarra
Entre os apoios logrados polo Executivo de coalición para os seus Orzamentos está, outra volta, o de EH-Bildu. A formación vasca garantiu o seu si a cambio de pechar un acordo de 10 puntos que inclúe a prórroga de medidas en materia social para 2023, caso da alza das pensións non contributivas ou da ampliación das prazas MIR para Atención Primaria. O pacto implica tamén unha medida significativa na área de autogoberno: "transferir a competencia de Tráfico a Navarra antes do 31 de marzo". O PP, a través do seu vicesecretario de organización, o senador por Galicia e ex-secretario xeral do PPdeG Miguel Tellado, atacouno como produto dunha "repugnante submisión do Goberno ante Bildu".
Aplicar "de maneira efectiva" ese traspaso supón, en rigor, culminar unha transferencia na que o PSOE -que lidera o Goberno de Navarra- xa avanzara co PNV, pero que mesmo fora anunciada polo PP nos tempos de José María Aznar, concretamente ao remate da lexislatura na que aínda precisaba dos apoios parlamentarios do Partido Nacionalista Vasco. Implica a extensión completa da Policía Foral navarra mediante a resolución "dos actuais problemas técnicos" que viñan atracando o traspaso, di o pacto con EH-Bildu.
A competencia de tráfico e das máis prometidas e frustradas en Galicia. O PP apoiouna abertamente en 2007 e 2008, tras a aprobación da Lei de Policía de Galicia, e permitiu iniciar os trámites para pedila a instancias do PSdeG e do BNG en 2019 e 2021
O acordo para Navarra ten innegables ecos en Galicia. Non en van, a transferencia das competencias en materia de tráfico é unha das máis prometidas e anunciadas da historia da autonomía e, posiblemente, as que máis veces foi frustrada tras iniciar o seu percorrido parlamentario. Eses inicios recibiron o apoio do PP en Galicia en 2008 -cando estaba na oposición- e, máis recentemente, en 2019 e en 2021, ano no que acabou por bloqueala tras as protestas dun colectivo de gardas civís e evidentes presións da extrema dereita. O que denominan como "expulsión" da Garda Civil é, precisamente, é o argumento do partido agora liderado por Alberto Núñez Feijóo para cargar contra o traspaso a Navarra.
Os conservadores, daquela, renegan do traspaso nun ton que se afasta de xeito radical da posición mantida -cando menos sobre o papel, pero sen pasos prácticos- durante máis dunha década en Galicia. Foi no ano 2007, xa baixo o mando de Feijóo, cando os populares se amosaron dispostos a apoiar un traspaso que quedara en mero bosquexo durante os mandatos de Fraga. Concretárono durante o trámite parlamentario da vixente Lei de Policía de Galicia (2007), impulsada polo Goberno de PSdeG e BNG.
O PP emendara aquel texto en varios puntos, pero non no referido as competencias da futura Policía galega. Esta tería entre as súas funcións as encomendadas pola lexislación estatal ás policías autonómicas, mais tamén outras transferidas "logo de acordo co Goberno do Estado". Estas eran a "vixilancia e control do tráfico en vías interurbanas", e funcións de policía xudicial para, "entre outros", ámbitos de "violencia intrafamiliar e protección de menores, seguridade cidadá" e "aqueloutras que poidan ser obxecto de transferencia". A lei quedou aprobada nos termos que defendera o Goberno galego da época e nela, a Policía galega tiña, entre outras, as funcións de "vixilancia e control do tráfico nas vías interurbanas", como apuntara o PP.
Tras accederen a tramitar a petición do traspaso formulada polo Bloque en 2021, os populares recuaron e vetárona aos poucos días entre protestas dun colectivo de gardas civís e ataques da extrema dereita
Para despregara aquela lei era imprescindible que o Estado transferise as competencias de tráfico e así, en 2008, o Parlamento aprobaba por unanimidade iniciar o proceso para a súa reclamación. A petición chegou en 2010 ao Congreso, onde naufragou por mor do "non" do PSOE e tamén pola abstención dun PP que daquela tiña votos dabondo para desequilibrar a balanza se optase polo "si".
A cuestión quedou durmida durante a década seguinte. Pero a principios de 2019, poucos meses despois de que o PSOE retornase ao Goberno de España a través da moción de censura que levou á presidencia a Pedro Sánchez, o PP galego dixo estar disposto a volver a reclamalas e propiciouno absténdose ante unha proposición de lei formulada polo PSdeG neste sentido, que acabou decaendo por remate de lexislatura.
En 2021, o traspaso do tráfico volveu estar sobre a mesa da man do BNG e o PP volveuse abster, permitindo volver iniciar o debate, que igualmente apoiou o PSdeG. Pero aos poucos días recuaron e, tras protestas de gardas civís e ataques da extrema dereita, acabaron proclamando que a Xunta, mentres siga nas súas mans, en ningún caso quererá as competencias de tráfico se non as exerce a Garda Civil. Acto seguido, bloquearon a petición.