Dous anos, cinco meses e once días despois de que o Congreso dos Deputados dese luz verde definitiva ao derradeiro orzamento elaborado polo ministro de Facenda de Mariano Rajoy, Cristóbal Montoro -poucas semanas despois de que a moción de censura desbancase o PP do Goberno de España-, o Executivo de coalición do PSOE e Unidas Podemos vén de encarreirar definitivamente as súas primeiras contas públicas.
Alén da vertente económica, a votación dos Orzamentos alarga a maioría que investiu presidente a Pedro Sánchez
Os Orzamentos Xerais do Estado saen da Cámara Baixa camiño do Senado co aval de entre 187 e 188 apoios nas votacións celebradas na mañá deste 3 de decembro de 2020 e o gabinete de Pedro Sánchez pasa a ter garantido estrear o ano 2021 sen os límites financeiros herdados dos conservadores e prolongados por dúas veces. Sánchez gobernará por primeira vez cun orzamento de seu e e farao cun horizonte político axitado pola pandemia, pero a priori moito máis despexado que en xaneiro mesmo malia ao desmarque de Ciudadanos.
Alén da vertente estritamente económica, estas votacións alargan o bloque que investiu presidente ao socialista o pasado xaneiro. Forzas como ERC ou EH-Bildu ou unha parte de JuntsXCat (o PDeCAT) optaron polo "si" tras negociacións cun significado político que transcende as propias contas e que non seguiron o mesmo vieiro pola banda do BNG, único escano que transita do "si" na investidura á negativa aos Orzamentos.
Néstor Rego: "Estamos diante dunhas contas que discriminan o noso país"
O deputado do Bloque, Néstor Rego, ficou finalmente no "non" porque, defendeu, as forzas que sustentan o Goberno de España mantiveron unha "actitude pechada" a respecto das súas emendas e non accederon a "modificar á alza nin un euro" do investimento territorializado previsto para Galicia, 832 millóns de euros que supoñen un 10% máis que as contas non aprobadas de 2019, pero un 11% menos que o derradeiro orzamento do PP. "Estamos diante dunhas contas que discriminan o noso país", sintetiza para explicar o seu voto.
Tanto o PSOE como Unidas Podemos, pola súa banda, celebran no propio Congreso e tamén en Galicia o visto e prace aos Orzamentos estatais. Para o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, abonda consultar as cifras para evidenciar que o proxecto "beneficia a Galicia, inviste por galego máis do que invisten por cada madrileño, catalán ou andaluz" e ademais, alén do investimento territorializado, "saldan unha débeda histórica coa rebaixa da AP-9", 63 millóns de euros entre as bonificacións xa existentes e as novas, que suman 55 deses millóns.
Gonzalo Caballero: "Benefician a Galicia e teñen un claro compoñente progresista e social"
As contas, subliña Caballero, teñen un "claro compoñente progresista e social" e están concibidas "para que ninguén quede atrás" no contexto da COVID-19. Esa é a razón, mantén, pola que lamenta que o BNG "non votase coas forzas progresistas" e quedase "fóra de xogo". "Poñerse en contra destas contas é poñerse en contra da suba das pensións, do incremento dos salarios dos empregados públicos ou da histórica rebaixa das peaxes da AP-9", considera.
Para Galicia en Común, estes "orzamentos históricos" son "bos para o conxunto do Estado e bos para Galicia", en verbas de Antón Gómez-Reino. Do punto de vista do parlamentario, os grupos que optaron polo rexeitamento "deberán explicar á cidadanía a que intereses responden e por que din non á baixada das peaxes, a rexenerar a ría do Burgo" ou "a subir a pensión a case 800.000 galegos e galegas".
PSOE e UP reprochan o "non" do Bloque, cuxo deputado coida que ambos grupos "defenden o indefendíbel" para "explicar o descenso de investimento en Galiza"
Do punto de vista do deputado do BNG, os argumentos de PSOE e Unidas Podemos só pretenden "defender o indefendíbel" para "explicar o descenso do investimento na Galiza en relación a orzamentos anteriores". Nesta liña, Rego considera que "non serve a xustificación do AVE, porque ademais este está sen acabar" e "temos moitas necesidades pendentes, especialmente en infraestruturas ferroviarias". Iso, agrega, é "tan falso e demagóxico" como "as acusacións de aliármonos con Vox e co PP" porque "nós tan só nos aliamos cos galegos e galegas e coa defensa dos seus intereses, estea quen estea no Goberno de Madrid". Nestes mesmos argumentos afondou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, nun vídeo difundido nas redes sociais tras a votación.
"Cada un fixo a súa parte e as dereitas non achegan nada"
No debate definitivo dos Orzamentos antes do seu envío ao Senado, tanto a voceira do PSOE, Adriana Lastra, como o seu homólogo de UP, Pablo Echenique, congratuláronse pola aprobación e a pluralidade de siglas que a avalan. Os acordos, enxalzou Lastra, tecéronse porque os seus autores estiveron "menos preocupados polas enquisas e máis, polas propostas". En síntese, "cada un fixo a súa parte, menos o PP e as dereitas", defendeu Lastra, informa Aitor Riveiro para eldiario.es.
Pedro Sánchez: "Son os Orzamentos máis renovadores e sociais para responder á peor crise nun século"
O Grupo Socialista ve na luz verde aos Orzamentos Xerais de 2021 unha garantía para unha lexislatura prolongada e para a fortaleza do Executivo e así o consideran tamén dende Podemos. As contas, defende Echenique, "inauguran unha nova etapa política en España" e "consolidan unha nova maioría parlamentaria que representa todo o contrario que vostedes", dixo dirixíndose ao PP, Vox e Ciudadanos: "pluralidade, diálogo, xustiza social e mirar ao futuro".
Tras a votación, tamén Pedro Sánchez expresou a súa satisfacción por pode contar dende o comezo do vindeiro ano cos "Orzamentos máis renovadores e sociais para responder á peor crise nun século". "España -sinala o presidente do Goberno de España- di adeus a outro tempo e avanza decidida cara a un futuro de progreso".