A xeira das cifras milmillonarias nos investimentos que os Orzamentos Xerais do Estado prevén para Galicia finalizou hai polo menos un cuatrienio. Tras tocar teito en 2009, cando os fondos para as liñas ferroviarias de alta velocidade do Eixo Atlántico (A Coruña-Vigo) e coa Meseta acadaron o seu máximo, a tendencia foi descendente ao non existir outros proxectos dunha magnitude semellante. Esa liña tendeu cara a abaixo malia á lixeiras subas como as dos Orzamentos de 2014 a 2016 ou como a que trae consigo o proxecto orzamentario para 2021, entregado polo Goberno do PSOE e Unidas Podemos este 28 de outubro no Congreso.
O primeiro orzamento do Goberno de coalición do PSOE e UP prevé 832 millóns de euros en investimento territorializado para Galicia
O investimento territorializado deste novo orzamento, o primeiro do Goberno de coalición, reserva algo máis de 832 millóns de euros para Galicia. É un 10% máis que o previsto nas contas de 2019, que non chegaron a superar o trámite parlamentario -o seu rexeitamento precipitou o adianto electoral-, pero que en calquera caso segue afastado, nas grandes cifras, dos exercicios caracterizados polos fortísimos investimentos nun AVE agora a piques de rematar. Esa é tamén a principal diferenza, no que atinxe a investimentos para Galicia, coas derradeiras contas do Goberno do PP de Mariano Rajoy, que prevía uns cen millóns máis.
Malia á proximidade da fin das obras do AVE, o Ministerio de Transportes (antigo Fomento) e as entidades que dependen del, como o Adif e Renfe, seguen concentrando para 2021 o groso do investimento previsto polo Estado en Galicia, pero xa cun peso moito menor da alta velocidade. Así, por exemplo, a obra que absorbe individualmente un maior orzamento para 2021 é o treito Arzúa-Melide da autovía Lugo-Santiago (A-54), con algo máis de 36 millóns de euros. Este importe, non obstante, é inferior aos 55millóns de euros que o mesmo Ministerio consigna para rebaixar peaxes da AP-9.
Máis tren convencional e estradas que AVE
En termos cuantitativos, as obras que absorben máis fondos son os treitos pendentes da autovía A-54 entre Lugo e Santiago e en materia ferroviaria, a mellora da liña de Ourense a Lugo
En materia ferroviaria, alén do remate do AVE coa Meseta e de 29 millóns de euros para a variante de Ourense, destacan os algo máis de 35 millóns de euros para a renovación da liña ferroviaria Monforte-Lugo, aos que se engaden outros 12 millóns para a renovación do treito Ourense-Monforte.
Estes traballos de mellora, en parte xa en marcha, están encamiñados a mellorar a conexión ferroviaria entre as capitais lucense e ourensá e veñen substituír a prometida liña de alta velocidade entre ambas cidades, proxecto que nunca chegou a existir alén dos anuncios -Feijóo chegou a prometer construíla con fondos da Xunta- e de "estudos" que seguen aparecendo nas contas de Transportes para 2021, mais cuns insignificantes 100.000 euros.
En materia ferroviaria destacan tamén varias partidas para proxectos do corredor atlántico ferroviario que suman uns 50 millóns de euros ou 29 millóns de euros para o tren ao porto exterior de Ferrol. Do mesmo xeito, o Ministerio de Transportes subliña no seu orzamento que "continuará durante 2021 os estudos do baipás de Betanzos, co obxectivo de reducir os tempos de viaxe entre A Coruña e Ferrol, e iniciará un novo estudo relativo á conexión Vigo-Fronteira portuguesa".
En termos cuantitativos destacan, mesmo por riba das partidas ferroviarias, varias en materia de estradas. É o caso destinados dos fondos aos tramos pendentes da devandita autovía Lugo-Santiago (cos 36 millóns para o treito Arzúa-Melide e uns 32 para unir Melide con Palas de Rei) ou 20 millóns de euros para a A-57, o tramo Vilaboa-A Ermida na contorna da cidade de Pontevedra. [As contas do Estado para 2021 destinan 55 millóns a rebaixar as peaxes da AP-9]
As fragatas converten Defensa no segundo ministerio máis investidor en Galicia
Defensa asigna 65 millóns en 2021 para as fragatas que construirá en Ferrol e Transición Ecolóxica destina 20 millóns á rexeneración da ría do Burgo
Por tras do Ministerio de Transportes e as entidades que dependen del, o Ministerio de Defensa é o departamento estatal que prevé un maior investimento territorializable en Galicia. A razón son as fragatas F-110 que este departamento constrúe nos estaleiros da ría ferrolá, cinco barcos que prevén mobilizar uns 4.000 millóns de euros e que neste orzamento de 2021 xa teñen consignados 65 millóns de euros aos que se engaden case 10 máis para mantemento de buques da Armada.
Tras Transportes e Defensa sitúase o Ministerio para a Transición Ecolóxica, que no proxecto orzamentario de 2020 reserva 46 millóns para investimentos territorializables en Galicia, case 10 máis que nas contas de 2019 que non chegaron a ser aprobadas. Entre os proxectos deste departamento máis salientables pola súa contía destacan 20 millóns de euros para a rexeneración ambiental da ría do Burgo (nos derradeiros orzamentos de Rajoy estaba dotado cun millón de euros e nas contas non aprobadas de 2019 contaba con 8). Tras estes departamentos sitúase o Ministerio de Cultura, con 4,6 millóns de euros para o Museo Arqueolóxico de Ourense.