Navantia e o Ministerio de Defensa asinaron este martes en Madrid a orde de execución para a construción nos estaleiros da ría de Ferrol das cinco fragatas F-110 que o PP freara durante o Goberno de Mariano Rajoy para intentar adaptalas aos mísiles da empresa do ex-ministro Morenés.
A primeira hora da tarde, representantes da empresa e de Defensa deron visto e prace definitivo a unha construción nos estaleiros galegos que suporá un investimento de máis de 4.300 millóns nun prazo de execución de doce anos (2021-2032) e que se estima que sosteña 7.000 postos de traballo en Ferrol e a súa comarca.
A construción nos estaleiros galegos suporá un investimento de máis de 4.300 millóns nun prazo de execución de doce anos (2021-2032) e uns 7.000 postos de traballo
Así o lembrou a titular de Defensa, Margarita Robles, que anunciou a sinatura do acordo durante un acto electoral en Ferrol tan só unhas poucas horas antes de que a rúbrica se confirmase na sede do Ministerio.
Robles destacou que o Executivo central axilizou os trámites “fronte aos atrasos do Goberno anterior” e tras comprometerse á sinatura do contrato a principios de maio, o que cualificou como “un esforzo administrativo importante”. O anunciou chegou nun acto no que a ministra estivo acompañada do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; da secretaria xeral da agrupación socialista ferrolá, Beatriz Sestayo; e do candidato á alcaldía, Ángel Mato.
A sinatura chega meses despois de que se coñecese que o Goberno de Mariano Rajoy adiara a concesión deste contrato para favorecer a empresa que dirixira os ex-ministro Morenés. Foi daquela cando todas as forzas da oposición en Galicia criticaron con dureza as decisión do executivo popular, ao que acusaron de "corrupción institucional". Porén, Alberto Núñez Feijóo desentendeuse das críticas asegurando que de mísiles non falaba nin entendía. De feito, o PP seguiu durante meses culpando o Goberno de Pedro Sánchez dos atrasos no contrato.
A ministra de Defensa, Margarita Robles, anunciou a sinatura do contrato poucas horas antes de producirse durante un acto electoral do PSOE en Ferrol
Durante a xestión de Pedro Morenés e María Dolores de Cospedal, o Ministerio de Defensa impuxo como "prioritaria" a implantación nas fragatas F-110 dos mísiles Sea Ceptor, un tipo de proxectil que nunca fora usado pola Armada Española e que a compañía do ministro estaba a tentar colocar no mercado. Esa insistencia atrasou dous anos o proxecto de deseño técnico das fragatas. Só o pasado verán, semanas despois da chegada ao Goberno de Pedro Sánchez e da toma de posesión de Margarita Robles como responsable de Defensa, a situación foi desbloqueada, descartándose a compra dese modelo de mísil e dando luz ver ao encargo en Ferrol.