A oposición sinala a Feijóo e a Rajoy pola "corrupción institucional" no atraso das fragatas en Navantia

Feijóo, durante unha visita aos estaleiros de Navantia © Xunta

O Goberno central do PP, como destacou eldiario.es, freou a construción das fragatas en Ferrol para adaptalas aos mísiles da empresa do ex-ministro Morenés. Ademais, a daquela ministra de Defensa, María Dolores de Cospedal, encargou por 9,5 millóns á compañía do propio Morenés avaliase a idoneidade deste armamento que aprazou durante meses a carga de traballo da que dependen milleiros de empregos na ría ferrolá. Malia todo, Feijóo e o PPdeG culparon o Executivo de Sánchez do atraso até hai unha semana e manteñen agora silencio tras coñecerse un caso que desde a oposición cualifican como "fragatazo" e "corrupción institucional".

Villares cre que estamos "ante  un verdadeiro caso de corrupción institucional"

“Estamos, unha vez máis, ante unha actuación que pon por riba o interese dunha empresa dun membro do PP ao interese xeral e ao emprego nunha comarca cunha situación tan grave como a de Ferrolterra", denunciou este luns o portavoz de En Marea, Luís Villares, que cre que estamos "ante un verdadeiro caso de corrupción institucional" con "consecuencias desastrosas para a comarca". 

Así, Villares esixe a Feijóo "que explique por que mentiu a todas as galegos e galegos" e que "se asuman as responsabilidades que correspondan". Do mesmo xeito se manifestou a secretaria xeral do PSOE de Ferrol, Beatriz Sestayo, que amosou a súa "indignación" e pediu tamén a comparecencia do presidente da Xunta para explicar "o pelotazo que pretendía dar a costa dos traballadores" tras un caso que cualifica de "enorme gravidade". 

Para os socialistas ferroláns, o atraso do proxecto das fragatas --o "fragatazo"-- para favorecer a empresa de Morenés demostra "a enorme hipocrisía e senvergoña do PP" que, segundo di, "dedícase a favorecer o negocio entre os seus en lugar de preocuparse pola cidade". Por iso, insisten en pedir "que se asuman responsabilidades" e reclaman explicacións tamén tanto ao ex-presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, como á ex-ministra e ex-deputada, María Dolores de Cospedal. 

Sestayo (PSdeG) denuncia a "enorme hipocrisía" do PP e únese a Villares na petición de explicacións a Feijóo

Ademais, Villares lembrou que “En Marea denunciou tanto no Parlamento como no Congreso o atraso na construción naval". "A resposta do PP sempre foi que non se executaban por razóns orzamentarias; agora sabemos que era mentira", di o voceiro da formación, que aclara que pedirá ao Ministerio de Defensa "que estude as accións penais por se houbese lugar". "Demandaremos que os responsables deste atraso interesado asuman tamén o custo económico derivado. Por que temos que pagar nós?", preguntouse. 

Ana Pontón (BNG) reclama "que se investigue a Rajoy por frear as fragatas para beneficiar o ministro Morenés"

Villares denunciou tamén a "inaceptable perda de competitividade dos nosos estaleiros" que supuxo a actuación do PP. "Se a adxudicación das fragatas se tivese feito en tempo, en 2016, Navantia podería ter amosado ese encargo como carta de presentación para captar novos clientes, outorgándolle unha vantaxe competitiva que lle tería permitido optar a novos encargos"

Pola súa banda, Pancho Casal, deputado de En Marea, lembra que o contrato das fragatas F-110 "significa 7.000 postos de traballo durante dez anos, unha aposta absolutamente decisiva". "Estamos ante unha perda ecónomica que pode ser multimillonaria", advertiu.

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dirixe a esixencia de explicacións a Feijóo, que estende a Mariano Rajoy. Cómpre, a xuízo da líder do Bloque, "que se investigue" o anterior presidente do Goberno central "por frear as fragatas para beneficiar o ministro Morenés", peor tamén que "Feijóo dea a cara" sobre o acontecido. Ao mesmo tempo, cre necesario "que o Goberno de Sánchez remita a documentación á Fiscalía.

Pedro Puy (PPdeG) nega a polémica e cre que o atraso debeuse só a un debate técnico sobre o proxecto

Desde o comité de empresa de Navantia na ría de Ferrol denunciaron que se "estivo xogando durante dous anos; atrasando unha carga de traballo que podía estar finiquitada hai tempo", mentres que o alcalde da cidade, Jorge Suárez, o caso "pon de manifesto, de xeito palmario e documental, o que era un segredo a voces: a intención do Goberno do PP de desmantelar os estaleiros públicos".

Desde o PPdeG, o seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, cre que non hai polémica e que a cuestión cínguese unicamente a un debate técnico. Ademais, anima ao Goberno central de Pedro Sánchez a que tome xa unha decisión e encargue as fragatas a Navantia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.