0 Gardados para despois

Cospedal encargou por 9,5 millóns á empresa de Morenés avaliar os mísiles que atrasaron as fragatas de Ferrol

Gonzalo CortizoGonzalo Cortizo | @gonzalocortizo


Antonio M. Vélez | eldiario.esAntonio M. Vélez | eldiario.es | @unvelez


María Dolores de Cospedal formalizou un contrato de 9,5 millóns de euros para que unha empresa do sector armamentístico redactase un informe sobre as vantaxes e riscos da implantación dun tipo determinado de mísil na futura construción das fragatas F-110. A empresa elixida, onde o anterior ministro Pedro Morenés fora alto executivo, para elaborar o documento que avaliase os mísiles era a principal interesada en asegurar que o armamento non ofrecía riscos e que a súa incorporación aos buques da Armada era idónea, xa que optaba á adxudicación do Ministerio.

"Non é normal pedir unha análise de riscos á mesma empresa que serve o produto que se somete a xuízo", asegura un ex-alto cargo do Ministerio

A compañía, MBDA, é un xigante multinacional dedicado á fabricación de proxectís pesados e tivo ao ex-ministro Morenés como presidente da súa filial en España, xusto antes da súa entrada no primeiro Goberno de Mariano Rajoy. Con Morenés á fronte do Ministerio, os dispositivos de MBDA foron cualificados por Defensa como "opción prioritaria" para a súa implantación nos buques de guerra. Dous anos despois, e fronte á oposición da Armada segundo fontes do Exército, Cospedal decidiu encargar o estudo que despexase dúbidas sobre a selección do provedor de Defensa a un dos dous aspirantes que aspiraba a vender o armamento.

Fontes do Ministerio consultadas por eldiario.es cualifican o contrato como "profundamente irregular". "Non é normal pedir unha análise de riscos á mesma empresa que serve o produto que se somete a xuízo", asegura un ex-alto cargo do Ministerio, con responsabilidades no pasado na avaliación e compra de material militar.

De Cospedal, con mandos da Armada na Escola Naval de Marín / CC BY-SA-NC Ministerio de Defensa

Segundo os expertos consultados, o "habitual" neste tipo de situacións é buscar a un terceiro sen intereses directos na adxudicación para realizar a avaliación sobre as ofertas e a integración dos mísiles. Este tipo de encargos adoitan realizarse a empresas de enxeñaría para que analicen vantaxes e desvantaxes do material dunha compañía coa que asinan un contrato de confidencialidade.

O estudo evidencia a teimosía que o Goberno de Rajoy mantivo durante dous anos, atrasando a posta en marcha do proxecto previo á construción das fragatas en Ferrol

Con todo, Cospedal encargou esa tarefa de análise -a través dun procedemento negociado e sen publicidade de nove millóns de euros que incluía un só pagamento fixado para 2021- a unha das dúas aspirantes a ese millonario contrato. Ningunha outra compañía asistiu como competidora. A data oficial de formalización do acordo foi o 28 de decembro de 2017.

O estudo encargado polo Ministerio de Cospedal evidencia a teimosía que o Goberno de Rajoy mantivo durante dous anos para que fosen os mísiles de MBDA os que finalmente se instalasen nas fragatas F-110. Eses dous anos de discusión coa Armada, contraria aos mísiles da empresa de Morenés e partidaria de fornecerse dun consorcio internacional que xa financiaba o Ministerio de Defensa,  atrasou a posta en marcha do proxecto técnico, previo ao comezo da construción das fragatas F-110.

Pendente de revisión

O Goberno de Sánchez prevé ter que pagar cando menos unha parte dos 9,5 millóns pactados coa ex-empresa de Morenés na etapa de Cospedal

Ao tratarse dun acordo adoptado a finais de 2017, o Goberno de Sánchez podería ter que abonar parte ou a totalidade dos 9,5 millóns de euros pactados no seu día. A pesar de que os mísiles da empresa de Morenés quedaron desbotados co cambio de Goberno, Defensa podería ter que cumprir as súas obrigacións contractuais coa ex-empresa do ministro.

"Realizáronse os traballos sen finalizar e o contrato está en fase de liquidación. Hai que valorar en que porcentaxe", aseguran fontes de Defensa a eldiario.es. O equipo que dirixe Margarita Robles recoñece que haberá que pagar a parte do traballo que se realizou, aínda cando a súa utilidade sexa nula para o desenvolvemento das fragatas que Navantia espera empezar a construír en Ferrol. O Executivo está a analizar os resultados do informe para tentar sacar utilidade dalgunha das conclusións que conteñen as súas páxinas: "Está a analizarse a súa posible utilización para outros fins", aseguran desde o ministerio. 

Uns 7.000 empregos pendentes das F-110 en Ferrolterra

A construción das fragatas supón un investimento de 4.000 millóns e carga de traballo para unha década en Ferrolterra

A construción das Fragatas F-110 supón un investimento de 4.000 millóns de euros e carga de traballo aos estaleiros ferroláns durante polo menos unha década. O contrato para a súa construción aínda non se asinou aínda que o senador do PSOE Angel Mato asegurou este mércores que ese contrato estará listo para a súa rúbrica antes de que finalice o ano despois de que este verán se desbloquease por fin a elección do mísil e desbotasen a anterior empresa de Morenés.

Os cálculos que baralla o Ministerio aseguran a creación de 7.000 postos de traballo directos e indirectos na comarca de Ferrolterra, unha zona moi castigada pola reconversión naval nas últimas décadas, asociados á construción dos buques. Deles, 1.300 empregos serían directos, 2.000 asociados á industria auxiliar e outros 3.500 empregos indirectos xerados por outros subministradores.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.