Tras anos recibindo críticas por non planificar as súas actuacións, Adif programa obras por 650 millóns ata 2025 na liña Vigo-León como principal conexión de mercadorías de Galicia
A inclusión de Galicia e o noroeste peninsular no denominado Corredor Atlántico de mercadorías por ferrocarril non supón por si só recibir fondos europeos de xeito automático senón só a posibilidade de que o Estado poida pedilos a Bruxelas. Para iso ten que presentarlle á UE proxectos de actuación concretos aos que destinar eses cartos, e así llo reclamaron a Fomento hai tres semanas os gobernos autonómicos do noroeste, incluída a Xunta, xunto con empresarios e sindicatos, que cuantificaron en 3.100 millóns de euros as obras necesarias. Este mércores Fomento e Adif presentaron o plan director desas actuacións e elevaron a 3.558 os millóns necesarios para esas melloras pendentes.
Durante os últimos anos Adif veu recibindo críticas desde distintos sectores empresariais e sindicais, así como desde a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, pola súa falta de planificación ou, cando menos, polo escurantismo desa planificación no caso de existir, o que impide que os operadores poidan prever con tempo as características que terán as infraestruturas ferroviarias dentro duns anos e así programar as súas actuacións. Á espera de que se concrete en documentos técnicos máis precisos, este mércores Adif avanzou as liñas mestras desa planificación no marco da mellora das liñas incluídas no Corredor Atlántico.
Fronte aos 3.100 millóns que calcularan os gobernos autonómicos como necesarios para modernizar as liñas ferroviarias de mercadorías do noroeste, entre as que as galegas son as máis obsoletas da Península, Adif eleva agora a cifra a 3.558 millóns. Deles, 1.293 corresponderíanse con renovacións de infraestruturas xa existentes e 2.265 con novas construcións. Á súa vez, desas contías os millóns destinados á mellora da liña León-Vigo, a principal para as mercadorías galegas, ascenderían a 650, que segundo Adif deberan ser investidos ata 2025.
A presentación deste mércores de Adif tamén prevé o investimento nos próximos anos de 70 millóns entre Vigo e A Coruña para mellorar os treitos antigos que quedaron á marxe do novo Eixo Atlántico de alta velocidade.
Igualmente, a planificación de Adif contempla o investimento doutros 300 millóns en Galicia en actuacións complementarias comofacilitar a conexión do porto exterior de Ferrol coa Coruña e Lugo.
Malia que os anuncios realizados este mércores en Madrid por Fomento aumentan en 400 millóns as reclamacións realizadas polos gobernos autonómicos e a que aínda está por coñecerse o documento técnico que plasme as actuacións concretas, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, presente na presentación, xa considerou insuficientes os anuncios do ministerio.