A Comisión Europea fai oficial a inclusión de Galicia no Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias

Trens de mercadorías na estacion de Monforte, pola que Galicia se conectaría co Corredor Atlántico Dominio Público Google Street View

A Comisión Europea decidiu este mércores incorporar o noroeste peninsular, e polo tanto Galicia, ao Corredor Atlántico de transporte de mercadorías por ferrocarril. A inclusión da comunidade, a través da liña A Coruña-Vigo-Monforte-Palencia, na rede principal de transporte ferroviario da Unión Europea enlazando coa xa incorporada liña Aveiro-Palencia-Francia, permitirá a Galicia acceder de xeito máis directo a fondos comunitarios para mellorar o transporte de mercadorías por ferrocarril, área na que a comunidade ten na actualidade as liñas máis obsoletas do Estado. Porén, como advirte o Ministerio de Fomento, a pertenza a un corredor europeo non garante a obtención directa de fondos, que ademais non se poderán obter ata 2021 e estarán condicionados a que as melloras en cuestión estean finalizadas en 2030 como máximo.

A decisión facilita, pero non garante, o acceso a fondos comunitarios para mellorar a rede entre 2021 e 2030

A decisión tomada este mércores pola Comisión Europea, que técnicamente supón a incorporación do porto da Coruña foi avanzada o pasado 24 de maio en Bruxelas polo coordinador da rede transeuropea, Carlo Secchi, que llo comunicou ao Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, unha das entidades que máis presión política leva facendo nos últimos tempos para lograr a incorporación de Galicia ao corredor. Posteriormente foille ratificada pola propia comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, ao portavoz de En Marea, nun encontro que mantiveron en Estrasburgo ao tempo que a Xunta o comunicaba ao Parlamento de Galicia.

A decisión deberá ser ratificada agora polo Consello Europeo de Ministros e polo Parlamento Europeo no prazo máximo de un ano, coa previsión avanzada por varias fontes de que a Eurocámara o poida facer antes das eleccións europeas de maio do ano próximo que a disolverán. Posteriormente haberá que agardar a que en 2021 entre en vigor o novo programa de fondos europeos para que o Goberno español poida solicitar o cofinanciamento comunitario das obras de mellora da rede ferroviaria que propoña coa condición de que estean finalizadas en 2030. Porén, como este mércores lembrou o Ministerio de Fomento, coa pertenza aos corredores mellóranse as “oportunidades de cofinanciamento destas infraestruturas, pero non se garante a obtención de fondos europeos para as mesmas, pois a necesidade financeira estimada para o desenvolvemento completo da rede é maior que o orzamento dispoñible”.

Sen estar no Corredor Galicia dependería en exclusiva dos fondos de Fomento; estando no Corredor ábrese a posibilidade de obter fondos europeos, pero Fomento deberá propor as melloras concretas, que leva anos adiando

Isto é, sen a pertenza ao Corredor Atlántico a mellora da moi obsoleta rede ferroviaria de mercadorías de Galicia dependería en exclusiva dos fondos do Ministerio de Fomento, que leva anos adiando todo tipo de actuacións de mellora. Coa pertenza ao Corredor Atlántico ábrese a posibilidade de obter fondos comunitarios para esas actuacións, pero Fomento deberá antes propoñelas, e en moitos casos carece de plans ou proxectos previos.

Este mércores, unha vez feita oficial a incorporación de Galicia ao corredor por parte da Comisión Europea, varias administracións atribuíronse o éxito. A Xunta lembrou a declaración institucional impulsada en outubro do pasado ano cos gobernos autonómicos de Asturias e Castela e León, Fomento salientou que a proposta foi remitida xa en decembro e o Eixo Atlántico agradeceu a colaboración de todas as entidades que veñen colaborando na súa presión política, escenificada nun cumio o pasado marzo no Barco de Valdeorras do que se descolgou a Xunta. O Eixo Atlántico tamén reclamou que, unha vez conseguida a posibilidade de obter fondos europeos para mellorar a rede, Xunta e Fomento impulsen o Porto Seco de Monforte, nó loxístico impulsado polo Goberno galego, que o cualificou como “porta de Europa”, pero que catro anos despois da súa inauguración carece de unha soa empresa implantada.

Participantes no cumio celebrado en marzo no Barco de Valdeorras a prol do Corredor Atlántico de Mercadorías [Foto: Eixo Atlántico]

Corredor cantábrico viario

A Comisión incluíu tamén na rede europea de transportes o denominado corredor cantábrico viario entre Bilbao e Portugal, o que facilitará fondos para melloras tecnolóxicas ou de explotación no transporte por estrada

Ademais da incorporación de Galicia ao Corredor Atlántico Ferroviario a través da liña A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-León, a decisión da Comisión Europea supón engadir ao mesmo a liña Xixón-León e, no resto da península, as liñas Huelva-Sevilla, Zaragoza-Pamplona/Logroño e conexións marítimas e fluviais no Guadalquivir e con Canarias e Baleares. Igualmente, a Comisión Europea incluíu tamén na rede europea de transportes o denominado corredor cantábrico viario entre Bilbao e Portugal, o que permitirá que o transporte por estrada nese eixo poida recibir tamén fondos para melloras tecnolóxicas ou de explotación.

Fomento lembra que esta revisión das redes europeas de transporte prodúcese no marco da negociación do próximo orzamento comunitario 2021-2027 e propón que se destinen 30.600 millóns de euros para esas redes priorizando os corredores europeos. Deses fondos hai que exceptuar 11.300 millóns destinados aos países en fase de cohesión.

Nova definición aprobada pola Comisión Europea do Corredor Atlántico na península Ibérica Dominio Público Comisión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.