0 Gardados para despois

Nin unha empresa no Porto Seco de Monforte aos catro anos da inauguración da que ía ser a porta de Europa

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Documentos relacionados

O 28 de febreiro de 2014 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inaugurou o Porto Seco de Monforte. Catro anos despois segue a ser unha explanada urbanizada sen unha soa empresa instalada. Tampouco ten aínda un acceso por estrada de calidade, eivas que limitan que se poida converter no nó loxístico que estaba chamado a ser no que conflúan todas as mercadorías que entren ou saian de Galicia por ferrocarril. Esa concentración dos tráficos facilitaría que a comunidade se integre no denominado Corredor Atlántico ferroviario de mercadorías, que á súa vez permitiría obter máis financiamento comunitario para mellorar a liña entre Monforte e Ponferrada e facer así máis atractivo o Porto Seco. Un circo vicioso.

A infraestrutura loxística clave para que teña sentido a incorporación de Galicia ao corredor atlántico europeo de mercadorías foi anunciada por Aznar e Fraga en 2001 pero aínda non ten acceso

Foi o 20 de xullo de 2001, na precampaña das eleccións autonómicas que tres meses máis tarde volvería gañar con maioría absoluta Manuel Fraga, cando o presidente galego, acompañado do daquela presidente do Goberno central, José María Aznar, anunciou en Monforte o Porto Seco, no marco dunha xira por Galicia centrada fundamentalmente en prometer melloras nas infraestruturas ferroviarias. Na súa inauguración trece anos despois a Xunta presentou a infraestrutura como “decisiva e fundamental para o futuro desenvolvemento empresarial e loxístico da nosa comunidade, así como unha grande oportunidade para toda Galicia”. Posteriormente, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) chegaría a presentalo como a porta de entrada a Europa das mercadorías que chegan polo Atlántico.

Entre o anuncio de futuro de 2001 e a súa inauguración en 2014, Monforte chegou a ver como o Plan Galicia publicitado polo Goberno de Aznar prometía unha liña de AVE ata Ponferrada como segunda conexión de altas prestacións coa Meseta. Pero a razón de ser do Porto Seco é a de actuar como punto de confluencia das mercadorías que entren ou saían de Galicia por ferrocarril. Un nó loxístico no que as cargas procedentes dos portos ou polígonos industriais de toda Galicia conflúan, xa sexa por tren ou por estrada cando non haxa volume suficiente, para alí pasar na súa maior parte a circular pola vía férrea cara a Ponferrada e Palencia.

Esa é a teoría, porque catro anos máis tarde e despois de investir nel 20 millóns de euros o Porto Seco é unha chaira urbanizada na que aínda non está instalada ningunha empresa e na que non hai ningunha infraestrutura nova nin disposición das parcelas que facilite a carga e descarga de mercadorías dos trens, a súa razón de ser. As súas conexións por estrada e ferroviarias, claves para o seu funcionamento como plataforma loxística, seguen a ser practicamente as mesmas. Só se construíu un pequeno acceso viario desde a estrada autonómica que comunica Monforte coa Pobra do Brollón, e aínda se está a planificar a súa prolongación para que conecte coa estrada N-120.

A vía entre Monforte e Ponferrada, a primeira que conectou Galicia coa Meseta, en 1883, fixo da vila de Lemos a capital ferroviaria galega, precisaría dunha mellora para facilitar ese tráfico de mercadorías. O seu trazado, por exemplo, presenta nas proximidades de Torre do Bierzo un singular xiro sobre si mesmo en espiral para poder superar o desnivel ao que alí se enfronta.

A liña de tren Monforte-Ponferrada está encadrada na rede complementaria europea, non na principal da que forma parte o denominado Corredor Atlántico que desde a fronteira francesa atravesa a Península cara a Portugal

Pero malia que é a liña elixida para enlazar Galicia co resto da rede europea de tráfico de mercadorías, está encadrada na rede complementaria, non na principal da que forma parte o denominado Corredor Atlántico que desde a fronteira francesa atravesa a Península cara a Portugal pasando por Palencia, onde enlazaría a vía procedente de Monforte. Esa categoría superior, que segundo o Goberno central non pode variarse ata dentro dunha década, facilitaría a chegada de fondos europeos para a súa mellora. Pero segundo insiste o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, unha das institucións que máis forza está a facer para mellorar ese eixo de comunicacións, formar parte da rede complementaria non debera ser impedimento para que a liña recibise xa investimentos comunitarios se o Goberno central e a Xunta así o queren. O secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, salienta que por exemplo hai dispoñibles créditos a interese cero a través do denominado Plan Juncker pensados precisamente para impulsar ese tipo de actuacións.

A liña entre Monforte e Ponferrada, en todo caso, non é das peor preparadas para o tráfico de mercadorías das existentes actualmente en Galicia. Forma parte da liña electrificada que percorre todo o sur da comunidade procedente de Vigo e Ourense, e malia que a liña da Coruña e Lugo que alí se une non o está, Adif estuda a electrificación do treito Monforte-Lugo, ademais de supresións de pasos a nivel entre Ourense e Lugo. Ademais, fronte a outras liñas ferroviarias interiores, ese treito é dos que permiten trens de maior lonxitude de toda Galicia, elemento clave para que os convois de mercadorías sexan rendibles. Isto é, sería de dubidosa rendibilidade habilitar trens de mercadorías desde a maioría dos portos galegos, pero sería eficiente concentrar eses tráficos tanto de entrada como de saída en Monforte para alí canalizalos de xeito conxunto a través do ferrocarril en convois de maior tamaño.

Un informe coordinado polo ex-presidente González Laxe e o ex-director de Mobilidade Rodríguez Bugarín salienta a "imprescindible implicación dos portos" galegos para que o Porto Seco de Monforte teña futuro

Esas vantaxes e desvantaxes da rede de infraestruturas galegas aparecen analizadas nun informe para impulsar o Porto Seco que o Eixo Atlántico presentou hai un ano e que coordinaron o ex-presidente socialista da Xunta Fernando González Laxe, experto en cuestións portuarias, e o ex-director xeral de Mobilidade popular Miguel Rodríguez Bugarín. O documento salientaba que Monforte debe ser o gran punto de conexión de Galicia co resto da rede de mercadorías europea. Porén, para iso consideran “imprescindible a implicación dos portos” galegos, cada un dos cales está a desenvolver a súa propia estratexia loxística. De feito, de moito maior tamaño que o Porto Seco de Monforte é o Porto Seco de Vigo, a denominada Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves, impulsada pola Zona Franca e o Porto de Vigo, que polo seu emprazamento está claramente escorada cara os tráficos do sur da comunidade fronte aos do norte e cuxo desenvolvemento está a ser igual de lento.

Por outra banda, mentres que o obxectivo do Porto Seco de Monforte sería o de aglutinar os tráficos que cheguen de toda Galicia por camión ou tren para desde alí transportalos xuntos por tren cara a Ponferrada, Palencia e o resto da rede europea, a principal mellora en materia de infraestruturas que está a impulsar na zona o Ministerio de Fomento co apoio da Xunta é unha autovía que desdobre a N-120 que realiza ese mesmo percorrido. Unha autovía que tería un notable impacto ambiental que poría en risco a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e que ademais está a ser priorizada no seu treito máis oriental, cara a Ponferrada, no que ten máis sentido o tráfico ferroviario, que no occidental, cara a Ourense, onde axudaría a que o Porto Seco captase tráfico viario do resto de Galicia cara aos trens.

Fomento aposta a curto prazo e de xeito expreso polas estradas para o transporte de mercadorías en Galicia fronte ao ferrocarril

Unha aposta a curto prazo polas estradas fronte ao tren de mercadorías en Galicia que evidenciou Fomento na nota de prensa emitida polo propio ministerio da que xurdiu a polémica pola non inclusión de Galicia no Corredor Atlántico ferroviario. Nesa nota Fomento salientaba como a súa prioridade a inclusión dentro dese Corredor na súa próxima revisión da Autovía do Cantábrico (A-8).

Hai catro anos, noutra nota de prensa, o Goberno galego salientaba na inauguración do Porto Seco de Monforte que estaba inmerso “no impulso de diferentes actuacións que poidan lograr a maior proxección internacional do Porto Seco” e “trazando unha rede de conexións coas Autoridades Portuarias e a Zona Franca de Vigo, tratando de buscar sinerxías para a mobilidade de todo tipo de mercadorías e para o seu transporte”. Catro anos despois esa chaira segue a agardar por algo máis que unha placa inaugural.

Feijóo inaugura o Porto Seco de Monforte o 28 de febreiro de 2014 [Foto: Xunta de Galicia]

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.