0 Gardados para despois

O alcalde de Monforte prefire "antes a autovía que ser Patrimonio da Humanidade"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Se teño que decidir entre a declaración de Patrimonio da Humanidade e a A-76 teño claro que me quedo coa autovía". Con esta rotundidade exprésase en declaracións a La Voz de Galicia o alcalde de Monforte, José Tomé (PSOE), facendo referencia a risco que a construción desta vía ten para o espazo natural e a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, "incompatible" segundo a comisión de expertos creada a instancias do Valedor do Pobo. A pesar de que esta declaración é tamén un obxectivo polo que o Concello de Monforte leva tempo traballando, o rexedor prioriza a construción desta infraestrutura, co argumento de que "a Ribeira Sacra sobreviviu todos estes anos sen ningunha declaración, grazas ao traballo de agricultores e viticultores".

O proxecto busca unir Ourense e Ponferrada, cun custe estimado de 1.200 millóns de euros, case 10 millóns de euros de media por cada un dos 125 quilómetros da autovía. Aínda que en parte do seu trazado o novo vial estea previsto como un desdobramento da actual estrada N-120 a A-76 supón un nada desdeñable impacto no territorio. Segundo datos do propio Ministerio "prevese construír 64 viadutos" que suporán 17 dos 125 quilómetros do trazado, superando os ríos Sil, Soldón, Lor, Cabe e Miño, así coma 22 túneles. O proxecto non só ameaza a Ribeira Sacra, senón tamén o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, "a zona de maior biodiversidade tanto animal como vexetal de todo o territorio galego", segundo subliña ADEGA.

Tomé criticou tamén a proposta de AGE (apoiada no Parlamento polo BNG), que a pasada semana pediu na cámara "a paralización inmediata desta infraestrutura" e que "se abra un novo prazo para estudar trazados alternativos para os tramos licitados e en proceso de redacción, e que se respecten os espazos naturais, ambientais e turísticos afectados". PP e PSOE votaron en contra, apelando á importancia desta vía para a comarca de Valdeorras. De igual xeito, o alcalde de Monforte cualificou as críticas ao actual trazado de "barbaridade".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.