0 Gardados para despois

Os técnicos advirten que a autovía impediría que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio Mundial

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Un informe de expertos coordinados polo Valedor do Pobo asegura que a proposta do trazado da A-76 -polémica autovía concibida para unir Ponferrada con Ourense- "é incompatible coa declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade". Son os membros da comisión multidisciplinar de técnicos, creada a instancidas do Alto Comisionado, os que no devandito informe técnico aseguran que a alternativa aprobada para esta estrada, así como os traballos vinculados á execución, faría imposible que esta zona fose recoñecida pola Unesco.

Os técnicos aseguran que o trazado e as obras de execucion farían imposible que a Ribeira Sacra fose recoñecida pola Unesco

Os autores do informe técnico para a proposta da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade cren que o trazado aprobado e as obras "van supoñer unha afectación significativa de espazos e hábitats que gozan de diferentes estatus de protección", tales como espazos naturais protexidos ou hábitats de interese comunitario.

Ademais, advirten de que tamén será afectado de xeito "grave e permanente" o patrimonio paisaxístico da Ribeira Sacra, o que suporía danar un "aspecto central" na proposta da candidatura da zona a Patrimonio da Humanidade. Para o grupo de expertos creado a instancias do Valedor, a necesidade da infraestrutura "non parece xustificada en función do tráfico actual", polo que cren "necesario" propoñer o estudo de posibles trazados alternativos "que supoñan unha menor afectación medio ambiental do territorio".

O informe non cren "xustificada" a autovía "en función do tráfico actual" e cren "necesario" estudar outros trazados alternativos

Do mesmo xeito, no comunicado emitido polo Valedor os técnicos expresan a súa "convicción" de que o actual trazado previsto "é incompatible coa citada declaración, obxectivo que goza dun amplo consenso na sociedade galega". E o Alto Comisionado manifesta xa o seu "pleno apoio" á declaración dos expertos.

Este equipo multidisciplinar é o encargado de realizar o estudo técnico que permitirá a elaboración da candidatura da Ribeira Sacra á Unesco, para o que as deputacións de Lugo e Ourense achegaron 100.000 euros.

Foi xa hai algúns meses, e xa en plena campaña pola declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, cando varios veciños da zona descubriron o impacto que o trazado desta estrada tería na zona e crearon unha plataforma contra el. O colectivo leva tempo alertando de que "a construción da A-76", cuxa declaración de impacto ambiental foi aprobada polo Goberno central no verán de 2013 tras moitos anos de trámites, "pon en perigo unha zona de especial fraxilidade paisaxística" e "atenta contra a cohesión do tecido social dos núcleos de poboación afectados". Afecta a esta paisaxe privilexiada, pero tamén a "equipamentos socioculturais, lugares de reunión e de lecer infantil" e "agrede a contorna da Capela da Costria", "ben cultura protexido que xa tivo que sufrir un desmantelamento cando se construíu a N-120. Agora, alertan, o pequeno templo, xa "arrodeado pola N-120 e a C-546", estaŕia afectado por "dous carrís e un túnel".

Advertiron tamén do risco para a candidatura da zona á Unesco, acudiron a Europa e conseguiron o apoio de partidos e institucións, que se uniron á súa petición de alternativas a un trazado que cren unha aberración. Tentan convencer o Ministerio de Fomento para que varíe as súas intencións iniciais e incluso contaron co apoio do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Non así co do seu partido, o PP, que o pasado mes de outubro deixou "abraiados" aos veciños ao proclamar que esta autovía da Ribeira Sacra "non toca a Ribeira Sacra". Unha infraestrutura na que o Estado prevé gastar 1.200 millóns.

Reunión coa ministra de Fomento

Por outra banda, membros da Plataforma contra a A-76 pola Ribeira Sacra reuníronse este luns coa ministra de Fomento Ana Pastor, para transmitirlle as súas queixas e reivindicacións sobre o trazado da autoestrada. Aproveitando a visita da titular do Goberno a Ourense, o colectivo expresoulle a súa preocupación e Ana Pastor, segundo a entidade, tería manifestado o seu compromiso para abrir o período de exposición pública do tramo Monforte-Ourense, e así dar posibilidade a que se presenten alegacións ao trazado.

Ana Pastor mostrouse "moi sorprendida" polas repercusión do actual trazado, segundo di a plataforma

Segundo comentaron os membros da plataforma, a Ministra mostrouse "moi sorprendida" polas repercusións que podería carrexar a realización desta obra segundo está proxectado o trazado actual. O colectivo móstrase "satisfeito" polo compromiso alcanzado por parte do Ministerio, aínda que advirte que continuará "loitando ata conseguir a modificación do trazado".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.