0 Gardados para despois

Fomento e a UE priman o camión fronte ao tren nos fondos europeos para o noroeste peninsular

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A Autovía do Cantábrico (A-8) e non o ferrocarril de mercadorías será a prioridade do Goberno central e a UE á hora de orientar investimentos comunitarios en materia de infraestruturas cara o noroeste peninsular durante polo menos a próxima década. Así o ratificou onte o propio ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, nunha reunión cos responsables europeos do denominado Corredor Atlántico da rede transeuropea de infraestruturas.

O Goberno aspira a incluír a A-8 dentro das infraestruturas intelixentes da UE para o período de orzamentos comunitarios 2021-2027 pero relega o ferrocarril de mercadorías máis alá

Os orzamentos comunitarios planifícanse para períodos de sete anos, de xeito que no período actual, o 2014-2020, estanse a fixar as prioridades para o período 2021-2027 a partir da definición das grandes redes transeuropeas de transportes, que serán as que captarán o groso dos investimentos. Galicia aspiraba a verse integrada no denominado Corredor Atántico ferroviario, que na súa definición actual cruza a península desde Francia cara Lisboa sen tocar o noroeste peninsular. Para iso, formou con Asturias e Castela e León un grupo de presión que o pasado 9 de outubro escenificou a súa reivindicación cun acto na Cidade da Cultura. Un mes despois, Fomento vén de tirar por terra as súas aspiracións.

O anuncio de Fomento prodúcese un mes despois de que Galicia, Asturias e Castela e León escenificasen a súa unidade nun acto na Cidade da Cultura

A aposta do Goberno central e a UE para o noroeste peninsular non será a súa inclusión no Corredor Atlántico ferroviario de mercadorías senón no de estradas, coa A-8 como vía principal para os camións. A autovía está rematada, pero a súa utilidade para Galicia está moi condicionada polo trazado elixido, no que a néboa condiciona a circulación mentres o Goberno vén adiando as probas dos inventos que poderían paliar o seu efecto. Nesa liña, a A-8 podería beneficiarse de que a UE primará para os próximos anos nos seus investimentos as denominadas infraestruturas intelixentes, que no caso das estradas pasan pola implantación de sistemas de xestión do tráfico, plataformas loxísticas ou infraestruturas de subministro de combustibles sostibles.

O obxectivo agora desvelado por Fomento é que a A-8 poida incorporarse ao Corredor Atlántico europeo e captar fondos comunitarios no período 2020-2027. Porén, malia que é precisamente no noroeste onde menos capacidade ten a rede para o transporte de mercadorías, o modo ferroviario non será revisado ata a negociación “prevista para 2023, que culminará en 2027”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Os empresarios de Pontevedra cargan contra o ministro pola súa “falta de firmeza”

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, cargou este xoves contra o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, “pola súa falta de firmeza ao negociar a inclusión do noroeste da Península no Corredor Atlántico previsto na Rede Transeuropea de Transportes". Para Cebreiros “parece que están decididos a condenar a competitividade do tecido empresarial do noroeste nacional, pero en realidade este anuncio é a guinda dunha xestión concatenada de erros e incompetencias”.

“Unha vez máis Galicia perde unha oportunidade histórica e resulta severamente prexudicada”, di Jorge Cebreiros

O presidente dos empresarios de Pontevedra di que o abandono do noroeste comezou co socialista Joaquín Almunia como comisario de Economía e critica que nin José Blanco como ministro de Fomento nin o bipartito “moveran un dedo”. “Unha vez máis Galicia perde unha oportunidade histórica e resulta severamente prexudicada”, sentenza Cebreiros.

Novos atrasos no plan de mellora urxente do FEVE

Á espera dos grandes investimentos en infraestruturas de carácter plurianual que non dan chegado á costa norte de Galicia, a prometida mellora urxente do tren de vía estreita, o antigo Feve, acumula novas demoras, segundo vén de denunciar a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo. Renfe comprometérase ante a Xunta e os concellos a realizar, entre outras, melloras e reparacións no seu parque móbil. Porén, segundo a Plataforma esas actuacións non se están a realizar nos prazos comprometidos, o que provoca que se sigan a producir “avarías diarias”. O plan xa fallara nada máis aprobarse.

A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo denuncia que as melloras e reparacións comprometidas nos trens non se están a realizar nos prazos previstos

Para a Plataforma, “os directivos de Renfe coa compracencia do Ministerio de Fomento e a Xunta están a insultar á xente que diariamente queda tirada nos apeadeiros e estacións, chega tarde a calquera sitio onde se propón ir ou simplemente non o poden usar pola nula fiabilidade ou desastrosos horarios”.

Nesta liña, unha recente mobilización en defensa do tren da Mariña realizada por aficionados do Ribadeo que se desprazaron no Feve ao partido que o seu equipo xogaba co Viveiro saldouse cun notable atraso do tren que os tiña que levar de volta.