0 Gardados para despois

O plan urxente de Renfe para mellorar o tren do norte galego falla ao primeiro día

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Avarías, atrasos, escaseza e máquinas paradas. A conexión ferroviaria da costa norte de Galicia, entre Ferrol e Ribadeo, leva anos esmorecendo, padecendo supresións de servizos que son substituídos por transportes en autobuses ou taxis. A situación empeorou aínda máis neste primeiro semestre do ano, con problemas mecánicos diarios que provocaron que mesmo só un tren estivese dispoñible en moitas ocasións. As queixas da Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo e dos usuarios foron continuas e os alcaldes dalgúns dos concellos afectados mantivo xuntanzas con representantes da Xunta e de Renfe, na que acordaron tamén crear un grupo de traballo. A compañía ferroviaria anunciou un plan de actuación que foi trasladado aos rexedores e á Consellería de Infraestruturas. Nel incluíronse medidas a medio e longo prazo, pero tamén outras de aplicación inmediata como a recuperación de dúas máquinas que levaban tempo nos talleres. Unha delas púxose en funcionamento o pasado xoves pero avariou xa o venres. Nesta semana, os atrasos e avarías volveron ser constantes. 

Renfe anunciou un plan de actuación inmediata que incluír recuperar dúas máquinas inmobilizadas: unha delas avariou un día despois de volver ás vías

"É papel mollado", asegura a plataforma sobre o Plan de Actuación Ancho Métrico en Ferrol que a Xunta fixo chegar aos alcaldes dos concellos afectados. Nel, medidas urxentes como o aumento e dispoñibilidade de máis recambios nos talleres, melloras nestes, mantemento preventivo, reparacións e a posta en marcha de dúas unidades que levaban tempo paradas. "Xa lles está fallando o inmediato", asegura o colectivo en defensa do tren Ferrol-Ribadeo en conversa con Praza.gal. Unha das dúas unidades inmobilizadas foi posta en funcionamento o pasado xoves, pero o venres avariou. Nin un día tardou. É, curiosamente, unha das máquinas máis novas, dun conxunto entregado entre 2009 e 2011 que sofre problemas de electrónica e hidráulica a cada pouco. "Hai un 50% de posibilidades de que avaríen cada vez que saen", insisten. "É insufrible". 

"As unidades que deberían prestar un servizo perfecto, avarían máis que as que teñen 30 anos", insiste a plataforma en referencia a máquinas antigas, das que só quedan oito no Estado -entre tres e catro delas en Galicia- e que, malia non ter tampouco un mantemento axeitado, fallan menos que as máis novas. 

As máquinas adquiridas entre 2009 e 2011 seguen a ser as que máis fallan

Sexa como for, as actuacións inmediatas tamén fallaron e o servizo ferroviario da costa norte galega volveu quedar nos últimos días con só dous dos nove trens dispoñibles, ao que hai que unir as avarías, os continuos atrasos e os deficientes horarios establecidos. Nesta mesma semana, as demoras denunciadas desde hai meses volveron ser constantes e xeneralizadas. Este mércores, dúas máquinas que prestaban servizos entre Ribadeo e Ferrol e entre Ferrol e Oviedo avariaron, sendo apartados na estación de FEVE de Cerdido, onde as vías quedaron bloqueadas. Outro tren que viña ca capital asturiana nin tan sequera chegou a Galicia ao quedar parado en Cudillero, mentres que o da tarde en sentido contrario non pasou de Xuvia, onde un bus substituíuno no percorrido, como tantas veces ocorre. 

Nesta semana, dous trens da liña Ferrol-Ribadeo avariaron en Cerdido, outro que viña de Asturias non chegou a Galicia e o de sentido contrario parou en Xuvia

A situación é igualmente denunciada por sindicatos como CCOO, que cre que Renfe "tomou o pelo aos alcaldes". "Non se mellorou nada e todo segue igual", indicaron tras referirse a situacións concretas como a do pasado 6 de xuño cando, segundo asegura Comisión, chegou a haber "oito trens avariados", polo que todos os servizos tiveron que facerse por estrada. Nestes problemas, tanto plataforma como traballadores denuncian tamén "falta de persoal", incluíndo interventores. A compañía ferroviaria asegura que incorporou seis maquinistas en 2016 e un máis neste ano á base de Ferrol. 

"Renfe tomou o pelo aos alcaldes", denuncia CCOO, que asegura que a pasada semana houbo días con "oito trens avariados"

O caso é que o plan presentado por Renfe á Xunta inclúe tamén medidas a medio e longo prazo e establece unha serie de investimentos (de máis de 2,5 millóns de euros) e "intervencións de grande alcance" no parque de ferrocarrís para o período 2017-2020. "Pero hai que facer algo nos problemas inmediatos, nos do día a día", reivindica a plataforma, que considera "totalmente insostible" a situación actual e solicita á Consellería de Infraestruturas, aos concellos, a Renfe e a Adif que se reunan canto antes para "buscarlle unha solución real a estes tremendos problemas que afectan a mobilidade dos cidadáns de Ferrolterra, Ortegal e a Mariña lucense". Xa que logo, que se active xa ese grupo de traballo conxunto para o que a Xunta pide un interlocutor en nome dos alcaldes. Con todo, non todos están incluídos. 

 

Unha resposta "descoordinada"

De feito, da Mariña só acudiu á xuntanza anterior o tenente de alcalde de Viveiro, xunto aos representantes de Moeche, Cerdido, San Sadurniño, Narón, Ferrol, Valdoviño, Cedeira, Ortigueira e Cariño. "É un desastre o que ocorre co tren, pero tamén a forma na que se están a levar a cabo as reivindicacións porque aquí ninguén nos chama e estamos á expectativa", quéixase Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, última localidade galega pola que pasa a liña antes de introducirse en Asturias. 

Ás reunións dos alcaldes coa Xunta e Renfe só acode un concello da Mariña: Viveiro

O rexedor aposta por unha resposta "conxunta e coordinada" de todos os concellos por onde pasa o tren ante "a falta de servizos e profesionais e a precariedade da liña". "Non se está a abordar do xeito que se debe e estase facendo xusto o que os que teñen a responsabilidade na xestión queren", insiste o alcalde de Ribadeo, que asegura que "hai anos xa que o tren non é máis que un transporte pintoresco para un turismo sen présa". 

"É un tren pintoresco para turismo sen présa que non vertebra nin serve desde o punto de vista laboral nin social", quéixase o alcalde de Ribadeo

"Non vertebra nin serve desde o punto de vista laboral e social do momento actual, non serve para trasladar xente entre concellos tan dinámicos como os da Mariña", explica Suárez, que aclara que, "mesmo no ámbito turístico", Ribadeo leva tempo solicitando á Xunta e ao Adif a construción dun apeadeiro perto da praia das Catedrais por ser un "foco de atracción turístico internacional" e lograr así fomentar o transporte público e evitar o uso do privado. "E non hai nada de nada; é todo un auténtico desastre", resume.

Porque a situación do tren da costa norte galega mudou a peor nos últimos tempos. Como lembra a plataforma, "nos anos 90 os horarios tampouco eran bos, pero eran fiables e os trens eran puntuais e rara vez tiñan avarías" "Agora non hai máquinas en reserva nin maquinistas", engade o colectivo, que cre que a situación no verán "aínda pode empeorar". 

Ademais de todos os problemas, o número de frecuencias entre as distintas localidades son insuficientes e, nalgúns casos, as viaxes están programadas en horarios que non se acomodan ás necesidades dos usuarios e usuarias. No fondo, un problema que se engrandece de comparar a situación en Euskadi o Catalunya e os seus trens de proximidade. Por iso, a plataforma tamén demanda a transferencia a Galicia das liñas do antigo FEVE. Tal e como lembraban en Praza.gal hai algúns meses, "Euskadi herdou unhas liñas de FEVE supostamente deficitarias e que estaban feitas un desastre e con elas conseguiu incrementar moito o número de pasaxeiros, e na actualidade mesmo transportan mercadorías. Hoxe todo o mundo considera o tren un valor". 

A plataforma insiste en que implantar un tren de proximidade "non sería complicado" mesmo cos medios actuais

Desde o colectivo insisten en que implantar un tren de proximidade decente nas liñas de FEVE "non sería complicado". "Mesmo cos medios de hoxe, redistribuídos e adaptados, poderíase dar un servizo ás tres comarcas que cumprisen coas necesidades, pero non podemos continuar con estes horariso que compiten cos buses, que dan prestacións sen xeito e que baleiran os trens", din.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.