Competencia volve criticar que Adif oculta as súas previsións de apertura de novos treitos do AVE galego

Estación de Puebla de Sanabria, a onde o AVE debera chegar en 2019 CC-BY-SA Josmi

A empresa pública, que está a piques de rematar o cento de quilómetros entre Zamora e Sanabria, evita confirmar a súa posta en servizo en 2019, o que para o ente regulador dificulta que as operadoras planifiquen os seus trens

Por segundo ano consecutivo, e malia o cambio no Goberno central, a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) vén de apercibir a Adif por ocultar as súas previsións oficiais de apertura de novos treitos en construción, entre eles o seguinte que se vai poñer en servizo do AVE entre Galicia e a Meseta, un cento de quilómetros entre Zamora e as proximidades de Puebla de Sanabria, en principio ao longo de 2019 malia prometerse xa para 2016.

Cada ano Adif, a empresa pública que constrúe e xestiona as liñas de ferrocarril, debe facer público un documento, denominado Declaración sobre a Rede, no que actualiza as características das súas liñas para que os operadores ferroviarios poidan organizar os seus trens. Ese documento é supervisado por Competencia, que durante varios anos previos criticou os incumprimentos de Adif das súas propias previsións de apertura de novos treitos, entre eles da liña de AVE galega. Tras esas críticas previas por non cumprir as súas propias previsións, na Declaración sobre a Rede emitida hai un ano Adif optou por non detallalas, o que fixo que Competencia pasase de censurar o incumprimento a censurar a ocultación.

Adif limítase a dicir nas súas previsións para 2019, cando debera entrar en servizo, que o treito Zamora-Sanabria está "en execución"

Un ano máis tarde, na súa Declaración sobre a Rede para 2019, Adif volve facer o mesmo e evita detallar cando vai poñer en servizo o treito de AVE entre Zamora e Pedralba da Pradería, nas proximidades de Puebla de Sanabria, que vai reducir novamente o tempo de viaxe en máis de media hora e que en documentos similares de anos anteriores xa anunciara para 2016 e que foi adiado en sucesivas ocasións. Desta volta Adif limítase a indicar no seu documento oficial que tanto ese treito, que de xeito público os responsables políticos anuncian para 2019, como o seguinte, entre Pedralba e as proximidades de Ourense, anunciado para 2020, están “en execución”.

Fragmento do informe de Competencia CC-BY-SA Praza Pública

Competencia critica que coa ocultación das previsións de Adif “dificilmente as empresas ferroviarias poderán deseñar os seus servizos e solicitar capacidade de treitos que os propios xestores non informan de se entrarán en servizo ou non en dito periodo”

A ocultación por parte de Adif no seu documento oficial duns prazos que os cargos políticos da empresa pública e de Fomento seguen a verbalizar de xeito constante leva novamente a Competencia a criticar o seu proceder. Con esa ocultación das súas previsións, di o ente regulador, “dificilmente as empresas ferroviarias poderán deseñar os seus servizos e solicitar capacidade de treitos que os propios xestores non informan de se entrarán en servizo ou non en dito periodo”. Competencia lembra que este non é o primeiro apercibimento ao respecto senón que xa advertiu “sobre a necesidade de que a Declaración sobre a Rede remita a unha páxina web onde os administradores das infraestruturas poidan facilitar información máis detallada sobre as obras, indicando as datas previsibles de posta en servizo. Este instrumento facilitaría actualizar o estado das actuacións sobre a rede dadas as incertezas inherentes aos prazos de finalización das actuacións”. 

Fronte a esas críticas tanto de Competencia como desde o ámbito político á súa indefinición á hora de ofrecer datas concretas para a posta en servizo de novas infraestruturas, Adif, tanto co anterior Goberno central como co actual, vén defendéndose argumentando que unha vez que ela remata as obras, quen autoriza a posta en servizo de cada liña tras revisala é a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria. Porén, Competencia vén obviando ese argumento nos seus informes e Adif evita concretar nos seus as datas de remate de obras á espera desas análises de seguridade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.