0 Gardados para despois

Competencia critica que Adif non faga oficial o novo treito do AVE anunciado por Rajoy para 2018

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Adif, a empresa pública que xestiona a rede ferroviaria, pasou de non cumprir as súas propias previsións oficiais sobre os novos treitos que porá en servizo cada ano a non facer públicas esas previsións, entre elas a do treito Zamora-Sanabria do AVE entre Galicia e Madrid que o presidente Rajoy anunciou que funcionaría neste 2018. Esa falta de previsión de Adif foi censurada este martes pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), que critica que “desta forma, dificilmente as empresas ferroviarias poderán deseñar os seus servizos”.

A Comisión da Competencia critica a Fomento por non facer públicas as súas previsións, como obriga a UE, e censura que así “dificilmente as empresas ferroviarias poderán deseñar os seus servizos”

Todos os anos Adif fai oficial a súa denominada Declaración sobre a Rede, o documento no que actualiza e detalla as características das súas infraestruturas para que as empresas que operan nelas transportando pasaxeiros ou mercadorías, tanto españolas como internacionais, poidan planificar o seu traballo. Ese documento é avaliado pola Comisión da Competencia, que o ano pasado reprendeu a Adif porque non cumprira coa súa previsión de que o novo treito de AVE duns cen quilómetros entre Zamora-Pedralba de la Pradería, o próximo en pórse en servizo entre Galicia e Madrid, estaría aberto en 2016. Non foi así e aínda se porá en servizo ao longo deste 2018, segundo confirman diversas fontes e anunciou en público Rajoy o pasado 29 de decembro, cando tamén avanzou que este ano o AVE chegaría a Castellón (treito inaugurado o pasado 22 de xaneiro), Burgos, Murcia e conectaría as estacións de Chamartín e Atocha cun túnel específico.

O informe de Competencia sobre a Declaración sobre a Rede 2018 de Adif di que “sorprende que os borradores remitidos non inclúan información concreta sobre as postas en servizo que, aparentemente e de acordo con información pública, entrarán en funcionamento nun horizonte temporal próximo”, e remítese aos anuncios realizados por Rajoy. “Desta forma, dificilmente as empresas ferroviarias poderán deseñar os seus servizos e solicitar capacidade de treitos que os propios xestores non informan de se entrarán en servizo ou non en dito período”, censura Competencia. “Idealmente, a información contida na Declaración sobre a Rede debera incluír [...] as aperturas de liñas e a evolución xeral da Rede Ferroviaria de Interese Xeral en 2018 e 2019”, engade.

Competencia critica que Fomento tampouco fixo pública a súa estratexia a cinco anos vista, como está obrigado desde hai dous anos, e di que iso supón "incerteza para os usuarios"

A CNMC critica en xeral esa falta de previsións públicas a respecto da evolución da rede ferroviaria nos próximos tempos tanto por parte de Adif como do Ministerio de Fomento, que ten a obriga, imposta pola normativa europea, de publicar a súa estratexia ao respecto para o medio prazo. A propia Comisión da Competencia salienta que esa estratexia do ministerio “que cubrirá un período temporal de, alomenos, cinco anos, será renovable”.

A crítica de Competencia a Fomento é directa: “Esta sala xa sinalou [hai un ano] o atraso que acumula a publicación da citada estratexia indicativa por parte do Ministerio de Fomento, tanto respecto da data límite establecida na Directiva RECAST (16 de decembro de 2014) como da propia Lei” estatal que, lembra, “fixa o prazo da súa publicación o 16 de decembro de 2016”. Dous anos despois, Fomento aínda non fixo públicos os seus plans, polo que Competencia remata pedíndolle expresamente que o faga canto antes “de forma que os xestores de infraestruturas poidan, á súa vez, elaborar os seus programas de actividade, limitando a incerteza sobre a evolución das infraestruturas ferroviarias para os usuarios das mesmas”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.