0 Gardados para despois

Competencia apercibe a Adif por anunciar para 2016 un treito do AVE galego adiado a 2018

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O Administrador de Infraestruturas Ferroviariarias (Adif), a empresa pública que se encarga da rede de ferrocarrís, elabora cada ano a súa Declaración sobre a Rede. É un documento no que a compañía dependente do Ministerio de Fomento "detalla as características das infraestruturas ferroviarias" para que as empresas que operan nela transportando viaxeiros -a tamén pública Renfe, Comboios de Portugal e a francesa SNCF- ou mercadorías -públicas e privadas- poidan planificar o seu traballo. Un dos trámites que pasa é a súa avaliación por parte da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), que o pasado 27 de xaneiro emitiu un informe sobre a declaración de Adif para 2017. Entre outros aspectos, a CNMC reprende a Adif por anunciar para 2016 un treito do AVE Madrid-Galicia.

Conforme á lexislación europea, trasladada á estatal en 2015, esta declaración debe incluír, lembra Competencia, "as característica da infraestrutura posta á disposición das empresas ferroviarias", unha información "básica para que os potenciais usuarios" poidan "coñecer" como é "na actualidade e como será previsiblemente" no ano vindeiro. Nesta liña, evidencia, "a información que se proporcione en relación coas próximas modificacións que poida ter a rede debe ser fiable, coa fin de evitar incertezas no proceso de solicitude de capacidade da infraestrutura".

"A información sobre a rede debe ser fiable", advirte Competencia a Adif

É neste punto no que Competencia reprende a empresa pública. "Cabe destacar", di o documento, que Adif incluíu na súa declaración que "prevía que en 2016 se porían en funcionamento tramos da rede que finalmente non están operativos". Este foi o caso de tres treitos no Mediterráneo, un na contorna de Burgos "e o treito Zamora-Pedralba de la Pradería, da liña Madrid-Galicia". "Nun contexto onde os operadores ferroviarios deben realizar investimentos a longo prazo, incluíndo a planificación dos servizos de transporte", advirte a CNMC, "a evolución da rede non pode supoñer unha fonte de incerteza adicional, en particular, de períodos tan prolongados".

A empresa pública indicou no documento que o treito Zamora-Pedralba ía estar operativo en 2016. Co goberno en funcións ultimou trámites para abrilo a comezos de 2018 e agora vén de demoralo a finais dese ano

Este treito do futuro AVE galego foi un dos que estivo sobre a mesa da xuntanza na que esta semana o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, confirmou o, en verbas do presidente da Xunta, "deslizamento da finalización" dos traballos ata a segunda metade de 2019, o que adía a entrada en servizo -cunha solución provisional á altura de Ourense- ata o ano 2020. O prazo que agora ofrece o Goberno central despraza a entrada en servizo destes 110 quilómetros a finais de 2018.

No entanto, ata hai apenas un par de meses o propio Ministerio mantiña que os trens xa circularían polas novas vías a comezos dese ano. Xa lonxe, en calquera caso, do 2016 anunciado por Adif na súa declaración. Así o indicaba nun dos últimos trámites aprobados para a culminación destas obras, o contrato da supervisión das obras do cambiador de ancho de vías en Pedralba. Esta tramitación realizouse aínda co gabinete de Rajoy en funcións, o que contradí a versión da Xunta segundo a cal a causa da nova demora e do sexto prazo de conclusión do AVE galego foi o "bloqueo político" acontecido durante 2016.

A "alta velocidade" entre Ourense e Santiago negada tras Angrois

Mapa da rede ferroviaria difundido por Adif un mes antes do accidente de Angrois, coa liña Ourense-Santiago como alta velocidade

En 2013 o Adif indicou neste documento que a liña Ourense-Santiago era "alta velocidade" e negouno un mes despois, tras o accidente do Alvia

Esta non é, no entanto, a primeira ocasión na que a Declaración sobre a Rede lle causa problemas ao Adif. Na súa edición de 2013, datada no 17 de xuño dese ano, describiu as súas liñas indicando que a que une Ourense e Santiago era de alta velocidade, tal e como se pode observar no mapa sobre estas liñas, e sinalando ademais que contaba co sistema de freado automático ERTMS. No entanto, dende o día seguinte ao descarrilamento do Alvia en Angrois, que apenas un mes despois causou 80 falecementos, diversos responsables políticos, encabezados polo propio Feijóo e os dirixentes de Fomento, negaron que o sinistro sucedese nun treito de alta velocidade. Ademais, como é sabido, o ERTMS estaba desconectado a bordo dos Alvia dende 2012. Así o autorizara o propio Adif para evitar atrasos.

Nesta liña, nas súas comparecencias no Congreso tras o accidente os presidentes de Adif e Renfe afirmaron con vehemencia que "non se podía considerar que este fose un accidente de alta velocidade". "Entre Santiago e Ourense non hai alta velocidade", subliñou o máximo responsable do administrador ferroviario, Gonzalo Ferre. No entanto, Fomento e as súas empresas públicas rectificaron as súas propias afirmacións pola vía dos feitos a comezos de 2016, tamén co Goberno en funcións. Como informou este diario, daquela lanzaron unha campaña publicitaria para anunciar como "alta velocidade" o novo treito do futuro AVE galego entre Olmedo e Zamora, aberto, como adiantou Praza.gal, a escasos días das eleccións xerais do anterior decembro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.