0 Gardados para despois

O AVE non chegará a Puebla de Sanabria ata 2018, ano no que xa tería que estar en Galicia

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A última promesa do Goberno central sobre a chegada do AVE a Galicia para 2018 é materialmente imposible de cumprir desde hai bastantes meses, xa que aínda non se moveu nin unha pedra nos 17 quilómetros do treito Taboadela-Ourense. Porén, este venres vén de coñecerse que aínda será a comezos dese ano cando poida pórse en servizo un seguinte treito de liña de alta velocidade, entre Zamora, a onde xa chega agora, e Puebla de Sanabria, xa na fronteira con Galicia.

O cambiador de ancho que Adif instalará alí entre a liña de alta velocidade e a convencional non se rematará ata entón

Adif, a empresa pública construtora da infraestrutura, vén de publicar este venres os pregos de condicións para contratar unha asistencia técnica que supervise a construción do cambiador de ancho de vías que vai instalar en Pedralba de la Pradería, uns cinco quilómetros ao oeste de Puebla de Sanabria. Ese equipamento será o que permita aos trens de ancho variable, como os Alvia, pasar da liña de AVE que chegue ata alí á actual liña convencional. O prazo de execución das obras dese cambiador, segundo se indica neses pregos agora desvelados, é de 13 meses, polo que, dado que aínda hai que adxudicar o contrato agora licitado, esa instalación non entrará en servizo antes do inicio de 2018. Horas despois de desvelar os pregos desa supervisión da obra, Adif informaba de xeito público da próxima licitación da propia obra e ratificaba ese prazo de execución de 13 meses.

Desde finais do ano pasado, xusto antes das eleccións xerais, os trens xa chegan sobre a liña de AVE xa rematada ata Zamora, onde se sitúa o actual cambiador entre a nova e a vella infraestrutura. Nos cen quilómetros que separan Zamora de Puebla de Sanabria os traballos están moi avanzados, pero sen ese cambiador que non estará rematado ata comezos de 2018 non poden entrar en servizo. Así que haberá que agardar ata entón para notar novas reducións dos tempos de viaxe entre Galicia e a Meseta.

Nos 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense aínda non se moveu unha pedra

Entre Puebla de Sanabria e Ourense hai outros algo máis de cen quilómetros, a maioría de túneles, nos que as obras avanzan con distinta sorte. Porén, os últimos 17 quilómetros, entre Taboadela e Ourense, aínda non viron moverse nin unha soa pedra, á espera da reformulación do proxecto decidida por Fomento. Aínda que comezasen xa os traballos, é materialmente imposible acometelos en dous anos. Mentres non se execute ese treito, Fomento baralla a posibilidade de enlazar a vía de alta velocidade que chegue ata alí directamente coa vía convencional e instalar nela un terceiro carril para que poida ser empregada polos trens AVE sen necesidade doutro cambiador de ancho máis. Iso si, eses trens terían que circular por eses 17 quilómetros de vía convencional a moita menos velocidade, dadas as curvas alí existentes.

De momento, Fomento segue mantendo a data de 2018 para a entrada en servizo de toda a liña Madrid-Galicia, prazo que na última campaña autonómica teimaron en manter PP e Ciudadanos. Pero á marxe de que iso xa é imposible no caso dos 14 quilómetros entre Taboadela e Ourense, significaría que Adif vai construír en Sanabria un cambiador de ancho que sería utilizado durante menos dun ano.

 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.