0 Gardados para despois

Feijóo sentencia que todas as datas de remate do AVE foron un "engano" agás as do goberno de Rajoy

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Todo era mentira "ata agora". Ou, máis concretamente, ata que Mariano Rajoy chegou á presidencia do Goberno de España. O presidente da Xunta foi cuestionado este xoves polo novo prazo anunciado polo Ministerio de Fomento para a finalización da conexión de Galicia coa Meseta a través do tren de alta velocidade, isto é, o remate de obras no "terceiro trimestre" de 2019 que levará a entrada en servizo ao ano 2020 cunha solución provisional ao seu paso por Ourense. Segundo Alberto Núñez Feijóo resulta comprensible o "escepticismo galaico" sobre a "conectividade definitiva" porque todos os prazos, agás os últimos, foron "un engano".

Tras a reunión semanal do Consello da Xunta o xefe do Goberno galego instou a considerar que "o problema non son os tres trimestres" que, afirma, é adiada a data final. "O que me preocupa é que aos galegos, dende hai 10 anos, nos estiveron mudando a data de finalización do AVE", é que "chove sobre mollado e nos levan datas do AVE de forma pouco responsable". "Os galegos -reflexiona- non podemos estar satisfeitos, porque nos foron enganando dende o ano 2010 ata agora: nos enganaron no ano 2010, no 2012, no 2015", evoca.

Tres das cinco anteriores datas de finalización ofrecéronnas gobernos do PP e dúas, do PSOE, unha delas asinada tamén por Feijóo

Efectivamente, a nova data resultante do "deslizamento" apuntado por Feijóo nos últimos días é a sexta anunciada formalmente polo Goberno de España. Tres das cinco anteriores foron prometidas baixo mandatos do PP e outras dúas, do PSOE. Nomeadamente, a de 2010 indicada por Feijóo foi a anunciada tras a catástrofe do Prestige polo gabinete de José María Aznar, que en 2001 asegurara na colocación da primeira pedra do eixo atlántico ferroviario que o AVE galego funcionaría en 2009. A seguinte, 2012, foi anunciada polo Goberno de Zapatero con Magdalena Álvarez como ministra. Tamén con Zapatero chegou a de 2015, neste caso plasmada por escrito no denominado Pacto do Obradoiro coas rúbricas do ministro José Blanco e do propio Alberto Núñez Feijóo.

Feijóo, con Blanco na sinatura do pacto sobre a chegada do AVE en 2015, o 21 de xullo de 2009

A data politicamente vixente ata esta semana, 2018, prometeuna Mariano Rajoy en outubro de 2012 nun acto preelectoral e o PP mantívoa ata despois da campaña electoral das eleccións galegas do pasado setembro. Se esta non foi realidade non foi por mor dun novo engano, vén dicir Feijóo, senón porque o Goberno de España estivo "bloqueado durante un ano", e "bloquear un país supón non só bloquear un goberno, senón bloquear as decisións dun goberno que non existe". Foi, debulla, "a primeira vez que no houbo goberno e por non haber, non había nin ministro de Fomento, porque estaba acumulado ao ministerio de xustiza durante os últimos meses", sinala, en referencia ao período de catro meses en que, tras pasar Ana Pastor á Presidencia do Congreso, Rafael Catalá asumiu estas competencias.

O presidente teima en que o novo atraso é produto do "bloqueo" do Goberno de España, aínda que incluíu o prazo de 2018 no seu programa electoral do pasado setembro

"Este atril é testemuña, neste caso muda, de que durante un ano estiven dicindo que o feito do bloqueo do Goberno de España ía producir bloqueo en moitas decisións e, moi especificamente, no ámbito das grandes infraestruturas", sinala. No entanto, os traballos da conexión galega de alta velocidade acumulan atrasos dende 2013, dous anos antes das eleccións xerais, e o prazo de 2018 era xa tecnicamente imposible cando, hai apenas medio ano, o PP galego o incluíu como "irrenunciable" no seu programa electoral.

Neste escenario o presidente da Xunta insta a pór o foco na "transparencia" do novo ministro e na promesa de que a nova liña ferroviaria "ten que entregarse, dende o punto de vista da finalización da obra" nese terceiro trimestre de 2019 para "empezar a auditoría da axencia de seguridade e os trens de proba, e acreditar que se pode entregar definitivamente aos trens comerciais". "Valoro a transparencia do ministro e a reiteración do compromiso de vir unha vez cada noventa días" e así ter "o minuto e resultado dun AVE que é imparable".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.