0 Gardados para despois

Xunta e Fomento admiten que a chegada do AVE en 2018 era imposible e adíana agora a 2020

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Sexta data fetiche para as conexións ferroviarias galegas de alta velocidade con Madrid. Tras 2009, data sinalada no inicio dos traballos do que se presentaba como xermolo do AVE galego, chegaron 2010, 2012, 2015 e 2018. E dende este martes, 2019. O ano no que se celebrarán as vindeiras eleccións municipais e europeas é o anunciado polo ministro de Fomento e o presidente da Xunta como novo horizonte. Concretamente, o "terceiro trimestre" dese exercicio, isto é, despois deses comicios, pero só para a chegada en probas, polo que o prazo efectivo será 2020.

Íñigo de la Serna recibiu este martes na sede do seu Ministerio a Alberto Núñez Feijóo, á conselleira de Infraestruturas e mais ao xefe do gabinete do presidente para lles referendar a demora. Tras unhas dúas horas de xuntanza o titular da Xunta anunciou ante a prensa que, segundo De la Serna, ese é o novo prazo para que as obras "estean concluídas" e transiten polas vías os "trens de comprobación".

Feijóo e De la Serna fixan para o "terceiro trimestre" de 2019 a "conclusión" das obras, tras as que cómpren uns catro meses de probas de seguridade

Non é a data, daquela, para a entrada en servizo, para que sexa posible viaxar en tren de alta velocidade entre Galicia e a Meseta, tal e como se fixara ata agora e tal e como esixira o PP galego ao ministro socialista José Blanco. Deste xeito a nova demora roldará cando menos os dous anos, se ben Feijóo reduce o "deslizamento da finalización" a "oito ou nove meses".

O propio ministro De la Serna admite que tras o remate das obras a posta en servizo da liña non é, nin de lonxe, inmediata. Cómpren uns tres ou catro meses de probas, explica polo que no escenario máis optimista estes traballos estarán concluídos antes de 2020.

O novo prazo non implica a variante de Taboadela, que a Xunta defendeu como esencial para o remate mentres gobernou o PSOE en España

O trazado que ambos dirixentes presentan como o da chegada definitiva do AVE a Galicia non é, así e todo, o que o propio goberno da Xunta vía esencial no ano 2011, cando o PSOE aínda gobernaba en España e Feijóo consideraba que o trazado non se podía dar por finalizado ata a súa conclusión. A variante de Taboadela, en Ourense, non estará operativa nin de lonxe nesa data e os primeiros trens circularán cunha solución provisional. "Estamos en disposición -sinala o ministro- de realizar un investimento que non será menor, que será importante, para conseguir reducir sensiblemente os tempos de viaxe entre Toaboadela e Ourense". El mesmo, mantén, visitará as obras cada tres meses para "comprobar o seu estado".

Situación das obras entre Zamora e Ourense

O PP incluíu o prazo de 2018 no programa das eleccións do pasado setembro malia ser xa inviable

A ultima data politicamente vixente ata agora durou algo máis de catro anos nos discursos oficiais, aínda que tecnicamente tornara en imposible moito antes. Fora lanzada a finais do verán de 2012, mes e medio antes das eleccións galegas dese outono, e o encargado de poñela en escena fora Mariano Rajoy nun acto de partido compartido con Feijóo. Ese horizonte incluíuse nos sucesivos programas electorais do PP tanto para os comicios xerais como para os autonómicos, tamén nos do pasado setembro, cando na súa proposta programática os populares galegos fixaban 2018 como horizonte "irrenunciable" para o remate da liña malia ser xa inviable.

Malia a esas promesas o presidente da Xunta defende agora que a nova demora vén provocada polo feito de que o Goberno de España estivese en funcións durante un ano. Mentres o Executivo de Rajoy tiña as súas competencias limitadas ambos mandatarios teimaron en anunciar o 2018.

A imposibilidade de cumprir o prazo mantido polos dous primeiros ministros de Fomento do goberno Rajoy, Ana Pastor e -interinamente- Rafael Catalá non foi admitida publicamente ata o pasado decembro, cando De la Serna chegou ao Ministerio e mantivo o seu primeiro encontro institucional con Feijóo. "Quero ser realista e trasladarlles o que realmente hai", dixera daquela o ex-alcalde de Santander, recoñecendo que as "dificultades de execución" e os "problemas administrativos" provocaban que non estivese "en condicións de trasladar un prazo concreto".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O Eixo Atlántico esixe a Feijóo unha "estratexia" ferroviaria fronte á "tomadura de pelo colectiva" do AVE

O presidente da Xunta acudiu á xuntanza deste martes con De la Serna tras recibir unha carta do secretario xeral do Eixo Atlántico, a entidade que agrupa os municipios de Galicia e o norte de Portugal, instándoo a defender ante o Goberno de España unha "estratexia única e indivisible de competitividade para Galicia" mediante a "modernización das infraestruturas ferroviarias" no canto de manter a "tomadura de pelo colectiva" das sucesivas datas da finalización do AVE a Madrid.

Poucos días despois de que o Goberno de Portugal ratificase que se dispón a lanzar os contratos para ter rematada a modernización e electrificación da liña ferroviaria Porto-Valença no ano 2019 o Eixo Atlántico achégalle a Feijóo ata tres informes -asinados polo ex-presidente da Xunta Fernando González Laxe e por Miguel Rodríguez Bugarín, primeiro director xeral de Mobilidade de Feijóo- sobre as que, din, deberan ser as principais liñas de actuación da mobilidade ferroviaria: Vigo-Tui, Lugo-Ourense e a conexión Monforte-Palencia, incluíndo o porto seco monfortino.

O Eixo reclama as conexións ferroviarias Vigo-Tui, Lugo-Ourense e Monforte-Palencia

"O presidente de Galicia -di Vázquez Mao na súa misiva- debe defender ante o Goberno central os intereses de quen o elixiron". "É certo", admite, que o AVE "é unha prioridade, pero non o é menos que constitúe a maior tomadura de pelo colectiva que se produciu nos últimos 25 anos por parte de todos os gobernos de España, incluíndo os 12 anos de goberno do seu partido, o que representa o 50% desta ópera bufa".

Para o secretario do Eixo sería "inimaxinable" que o Executivo central tratase deste xeito "a Euskadi ou Catalunya, por citar dous exemplos de gobernos combativos na defensa dos seus intereses, esteamos ou non de acordo con eles". "Non é crible, señor presidente, que a paralización de tramos teña que ver coa situación política que viviu España durante un ano, porque os contratos estaban asinados e o Goberno só tiña que cumprir a lei". "Se unha gran construtora non cumpre -resume, o Goberno non a penaliza". 

Vázquez Mao: "Sería inimaxinable unha situación semellante con Euskadi ou Catalunya"

"A presión para executar o AVE non pode ser considerada como un logro, senón como unha obriga", xa que Galicia "ten dereito e obriga de reclamar que se complete o mapa ferroviario" que, dun xeito "perfectamente viable" reclaman os concellos. "Solicitámoslle que faga valer o seu peso como único presidente con maioría absoluta" para "honrar os votos que os galegos lle deron e defender estas propostas ante o Ministerio de Fomento", conclúe.