O Goberno de Portugal lanza os contratos para a modernización definitiva do tren Porto-Vigo

Vázquez Mao e D'Oliveira (primeiro e segundo pola dereita), no foro ferroviario celebrado en Vigo © Eixo Atlántico

Foi fixado como unha prioridade nos primeiros meses do mandato do Goberno socialista de António Costa e, tras o golpe do accidente do Porriño do pasado setembro, o Executivo de Portugal disponse a impulsar de vez a modernización do treito da liña ferroviaria Porto-Vigo sobre a que ten competencias, isto é, ata Valença do Minho. Así o anunciou este xoves o secretario de Estado das Infraestruturas de Portugal, Guilherme d'Oliveira, quen ademais establece xa un prazo para a entrada en funcionamento da liña modernizada: o ano 2019.

No transcurso dun foro sobre a vertebración ferroviaria da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, celebrada en Vigo polo Eixo Atlántico, D'Oliveira concretou que a vindeira semana o gabinete de Costa lanzará as licitacións dos concursos públicos para modernizar a Linha do Minho, uns traballos que implican electrificar "a totalidade" do percorrido do Porto a Valença e a "modernización" do conxunto da infraestrutura cun investimento de 83 millóns de euros. Trátase, di, de 93 quilómetros contemplados no plan Portugal 2020 de estímulo económico.

O secretario das Infraestruturas de Portugal prevé que a electrificación da Linha do Minho estea rematada en 2019

Estas obras, detalla D'Oliveira, suporán un "incremento significativo da competitividade" da liña pola que actualmente transitan os vellos trens 'Celta', tanto polo "aumento da capacidade dos comboios", como pola mellora da súa seguridade. O alto cargo advirte, non obstante, que a responsabilidade de que a conexión ferroviaria entre Galicia e Portugal sexa modernizada plenamente non depende só do Goberno portugués. "A linha entre Porto e Vigo não deve terminar em Valença", resume o secretario de Estado, que anuncia que na vindeira Cimeira Ibérica amosará o calendario que Portugal manexa para estes traballos co obxectivo de "coordenalo" co Ministerio de Fomento de España.

Neste sentido, D'Oliveira lembra que os primeiros contratos xa foron asinados o pasado outubro polo ministro portugués das Infraestruturas, Pedro Marques, nun acto público en Viana do Castelo. Aquela operación implica a electrificación do tramo Nine-Viana, a nova sinalización entre Nine e Valença e mais a construción dunha subestación eléctrica que dea servizo á nova liña. Fronte a esta exposición o secretario de Estado de Infraestruturas de España, Julio Gómez-Pomar, sinalou no mesmo foro que procurará a "coordinación" con Portugal para rematar a electrificación entre Guillarei e Tui, se ben advirte de "problemas" para "unificar as voltaxes", diferentes nas vías a ambos lados da raia. "Son temas técnicos que se poden superar", afirmou, tras subliñar o incremento de viaxeiros do Celta e tamén da liña ferroviaria ata Madrid.

Agardando as "autoestradas ferroviarias"

Ante os plans portugueses e as declaracións do Goberno de España o secretario xeral do Eixo Atlántico -que agrupa municipios galegos e portugueses-, Xoán Vázquez Mao, agarda que este sexa o impulso definitivo para unha das principais demandas da entidade. "Levamos demasiados anos con corredores ferroviarios, chegou o momento de termos autoestradas ferroviarias", di. O reto, lembra, é completar a saída sur de Vigo, 30 quilómetros ata Valença que permitirían completar "a conexión A Coruña-Lisboa".

Neste sentido, Vázquez Mao insta a fixarse no incremento de pasaxeiros do eixo atlántico ferroviario no seu percorrido galego dende que foi mdernizado. "Algo quere dicir", sinala, xa que "cando o tren se moderniza é máis competitivo, sostible e a demanda medra". 

As autoridades portuguesas agardan que os trens Alfa Pendular, na imaxe, circulen pola Linha do Minho cando estea electrificada © Comboios de Portugal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.