0 Gardados para despois

O novo Goberno portugués dálle prioridade á mellora do tren Porto-Vigo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A mellora da atrasada conexión ferroviaria entre Vigo e Porto vén sendo unha materia pendente das relacións entre Galicia e Portugal dende hai moitos lustros sen que se producisen avances significativos. Así, por exemplo, na última Cimeira Ibérica, unha xuntanza de apenas dúas horas en Baiona o pasado xuño, o tema volveu estar sobre a mesa para constatar que a electrificación desta liñá estará en servizo dous anos máis tarde do previsto. No entanto, o novo goberno portugués, do Partido Socialista co apoio do Bloco de Esquerda e do PCP, di estar decidido a pular por esta infraestrutura con declaracións públicas, pero tamén con cartos.

Este luns unha ampla representación do novo Executivo de Portugal encabezada polo primeiro ministro, António Costa, participou en Vilanova de Gaia, municipio lindeiro co Porto, nun panel de conferencias organizado polo Jornal de Notícias baixo o título As vias do noroeste. Neste marco o ministro de Infraestruturas, Pedro Marques, amosou o seu interse por investir en ligazóns pendentes como a do porto de Leixões con Salamanca, pero tamén en facilitar a conexión con Galicia.

O Ministerio de Infraestruturas asegura que porá os fondos necesarios para a electrificación da liña

O seu departamento, afirma, prevé destinar "centenas de milhões de euros" a un paquete de investimentos que inclúe a mellora da Linha Norte, do Porto a Lisboa e a "modernización da linha do Minho", a que chega a Vigo, entre outros obxectivos. O primeiro ministro manifesta o seu acordo para impulsar unha infraestrutura que, para o presidente da Cámara Municipal de Braga e da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, Ricardo Rio, debe poñer fin á "vergonha" que supón o agravio comparativo entre esta liña e a que une a estación viguesa coa Coruña, eixo que xa dispón dos trens Avant.

O Eixo Atlántico chama a pór fin á "historia de enganos e deslealdades" na que tornou esta obra

Non se trata, sinala Rio, nin sequera de alta velocidade, senón de "um investimento muito concreto de 147 milhões de euros que permitiria aumentar a velocidade de circulação". O obxectivo, alenta, debe ser unir ambas cidades en 90 minutos, reducindo así as máis de dúas horas e cuarto que actualmente dura a viaxe. Este investimento, salienta, "não serve só Porto e Vigo", senón que suporá unha conexión de calidade dende a cidade galega ata Lisboa.

Pola banda galega tamén se saudou o alento a este investimento a través de Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, quen non obstante advirte da necesidade de poñer fin á "historia de enganos e deslealdades" que supuxeron o sucesivos anuncios a respecto desta liña. "É bo que non se esqueza a historia para non repetila", resalta Vázquez Mao, quen resalta que os fondos que tería que poñer o Goberno portugués serían máis que compensados polo "retorno en impostos directos e indirectos" que xerará a liña cando estea electrificada

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.