Adif xa non compromete para este ano a entrada en servizo do AVE ata Sanabria senón só que comecen as súas probas

Estación de Puebla de Sanabria CC-BY-SA Josmi

O pasado 29 de decembro o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, anunciou que ao longo deste ano 2018 se inaugurarían cinco novos treitos de AVE en todo o Estado, entre eles os algo máis de cen quilómetros que separan Zamora de Sanabria e que forman parte da conexión de Galicia. Pero este luns Adif, a empresa pública xestora da rede ferroviaria, nunha nota de prensa na que comunica a adxudicación da nova estación de AVE de Sanabria, limitouse a ratificar para este ano a conclusión das obras e o inicio da “fase de probas”.

En decembro Rajoy anunciou a súa inauguración para este 2018 e hai un mes Competencia reprendeu a Adif por non incluír esa previsión na súa planificación oficial

A entrada en servizo do treito Zamora-Sanabria do AVE galego vén mudando de datas desde hai anos. Hai un mes a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) criticou que Adif non fixese oficial, na súa planificación pública, a entrada en servizo dese treito para este mesmo ano, como prometeu Rajoy en decembro. Un ano antes Competencia xa criticara a Adif que anunciara o remate para 2016 e tampouco o cumprise.

Na nota de prensa deste luns Adif informa da adxudicación da nova estación de Sanabria e di que terá un prazo de execución de 9 meses, e engade xusto a continuación que “as obras do treito Zamora-Pedralba de la Pradería [Sanabria], da liña de alta velocidade Madrid-Galicia, concluirán, como se comprometeu, a finais de 2018, data na que comezará a fase de probas”. Adif tamén matiza que “as obras de construción da estación de alta velocidade de Sanabria non afectan a estes prazos, xa que unha liña pódese poñer en servizo mentres se continúa traballando para finalizar as obras da estación”. Malia a promesa de Rajoy, a empresa pública e o propio Ministerio de Fomento veñen mantendo nos últimos meses que non poden comprometer unha posta en servizo porque esta depende de que a Axencia de Seguridade Ferroviaria a autorice tras o periodo de probas, supervisións de seguridade que antes non impedían que si se anunciasen datas concretas.

A nova estación de Sanabria foi criticada polo que algúns medios de comunicación consideraron un custo excesivo, sen ter en conta que a súa razón de ser vén motivada pola normativa de seguridade ferroviaria

Canto a esas obras da nova estación, Adif informa de que vén de adxudicalas por 4 millóns de euros, cunha rebaixa dun millóns a respecto dos 5 millóns en que fora licitada. A infraestrutura recibira críticas no seu momento polo que algúns medios de comunicación consideraron un custo excesivo nun emprazamento, Otero de Sanabria, veciño de Puebla de Sanabria, que só ten 26 habitantes. Porén, a estación ten a súa razón de ser na normativa de seguridade ferroviaria.

A Comisión da Competencia critica que Adif non informe das súas previsións de apertura de novos treitos CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.