Só 7 das 36 proposicións non de lei que o pleno da Cámara leva aprobadas este ano se centran en políticas da Xunta sen peticións ao Estado, a maioría formuladas polo PSdeG
A proposicións non de lei (PNL) son un dos coñecidos como "procedementos de impulso" no Parlamento. Son propostas en pleno ou comisión a través das cales o lexislativo insta o Goberno a adoptar unha determinada decisión. Non son vinculantes -en rigor, non son de obrigado cumprimento- e, como indica o seu propio nome, non implican directamente modificar leis, aínda que si poden incluír peticións para facelo.
Dende que en 2018 o PSOE retornou ao Goberno de España, primeiro pola moción de censura que desbancou a Mariano Rajoy e despois coas maiorías tecidas tras as eleccións xerais de 2019 e 2023, o PP galego tendeu a converter estas proposicións nunha caste de caixa de correo dirixida a Pedro Sánchez, especialmente as que se debaten en pleno. Boa mostra son as aprobadas no que vai de 2025, entre as que un 80% inclúen esixencias ao Executivo estatal.
Dado que ningunha PNL pode saír adiante sen o visto e prace dos conservadores, que dende aquela renovaron maioría absoluta en 2020 e 2024, o contido das proposicións aprobadas é unha boa radiografía das estratexias parlamentarias en particular e políticas en xeral dos conservadores galegos. Como mostra, as 36 PNL que recibiron o seu "si" nos 15 plenos que o Parlamento leva celebrados este ano, das que só 7 non incluían reclamacións ao gabinete de Sánchez.
28 das 30 proposicións promovidas polo PP en pleno formulan reclamacións ao Goberno de España
Son, daquela, un total de 29, o 80% do total, as proposicións non de lei con esixencias ao Estado. E unha amplísima maioría delas tiveron como autor orixinal ao PP. Non en van, só media ducia do total de 36 foron textos que partiron de iniciativas do BNG (1) ou do PSdeG (5) e cinco das sete non dirixidas ao Estado partiron do Grupo Socialista.
Pola banda dos populares unicamente dúas das 30 proposicións non de lei que aprobaron durante os plenos celebrados este ano tratan materias que non implican reclamacións ao Goberno de España. A primeira impulsárona en marzo para "reprobar" unha campaña da CIG centrada en criticar a xestión da conselleira de Política Social, Fabiola García, cuxa estética consideraron "sexista". A segunda, en maio, instaba a Xunta a "tramitar o proxecto da mina de Doade conforme á normativa" e " non posicionarse a favor ou en contra" mentres "non haxa un pronunciamento dos técnicos competentes".
Alén disto, as 28 restantes iniciativas do PP que saíron adiante en pleno no que vai de 2025 diríxense ao Goberno de España en áreas moi diversas, algunhas delas reiteradas. As máis recentes, por exemplo, esíxenlle mudar a súa postura política a respecto de Venezuela ou "medidas urxentes" en materia ferroviaria. Tamén lle reprochan os fallos nas pulseiras telemáticas para controlar homes condenados por violencia machista ou que recorra leis da Xunta no Tribunal Constitucional, entre outras cuestións.
O PP só accedeu a votar "si" a media ducia de PNL inicialmente propostas polos grupos da actual oposición no que vai de ano: cinco do Grupo Socialista e unha do BNG
Mentres, as escasas PNL que pasaron o filtro dos populares e se refiren principal ou unicamente á Xunta partiron inicialmente do PSdeG. Demandaban ao Goberno galego remitir ao Parlamento a súa proposta de crear unha Fundación Pública para o Impulso da Ciencia; un plan para "mellorar a situación laboral das mulleres", medidas para previr a violencia no deportes, apoiar o uso do galego no Parlamento Europeo e elaborar un novo plan de saúde mental.
A sexta e ata o momento última proposicion non de lei impulsada por un grupo da actual oposición que acabou sendo aprobada en 2025 partiu do BNG no pleno do pasado 22 de outubro. O Bloque reclamaba a través dela diversas accións en materia xudicial dirixidas tanto ao Estado como á Xunta e, tras unha negociación, o PP aceptou aprobar a petición de "seccións de Violencia sobre a Muller nos Tribunais de Instancia dos partidos xudiciais de Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol e Santiago sen que supoña a eliminación de prazas das sección de instrución" -demanda dirixida ao Goberno central- e "o incremento do cadro de persoal nos corpos de xestión, tramitación e auxilio xudicial".